Venezuela sae de contas

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

As matemáticas fallan. A encoraxinada oposición aseguraba ter entregadas 3.400.000 sinaturas, pero o Consello Nacional Electoral, contabilizando as inválidas, as incorrectas, as dubidosas, máis as validas só sumou 3.096.013. ¿Onde están as 313.987 restantes?

O país sae de contas neste mes, pero o embarazo revocatorio entra nun período crítico. Manifestacións, fogueiras, cortes de tráfico, violencia, feridos e mortos, volven a poñer ao país diante dunha confrontación, que semella irreconciliable co proceso democrático.

Dende o 2 de febreiro de 2003, no que se deu por rematado o paro cívico de dous meses que situou ao país ao borde do caos económico, ata o 2 de marzo de 2004, no que o Consello Nacional Electoral, deu a coñecer os resultados… toda a estratexia da Coordinadora Democrática se encamiñou a conseguir que o Presidente Hugo Chávez se vise forzado a abandonar a presidencia, revocado maioritariamente, mediante un referendo, tan como se recolle no artigo 72 da constitución Bolivariana. Agora os números sitúan no campo do improbable esta consulta popular.

Das 3.096.013 sinaturas avaliadas, 143.930, son dadas como inválidas por pertencer a persoas non inscritas no censo, por ser estranxeiros, por ser de falecidos ou inhabilitados. Outras 233.573 foron rexeitadas por non aterse as normas elaboradas para a súa recolección, e 876.017 terán que referendarse polos electores, xa que aparecían escritas con caligrafía semellante, e non por cada un dos cidadáns asinantes, tal como se indicaba na normativa do proceso revocatorio. Por tanto, é preciso que alomenos 603.590 sinaturas superen a fase de reparos prevista para os últimos días de marzo. O 69% de todas as sinaturas que pasen a verificación terían que se declaradas válidas. A tarefa non semella nada doada.

O pasado sábado unha xigantesca manifestación da oposición transcorreu por cauces pacíficos e puxo fin a unha semana axitada, preñada de violencia, cargas policiais efectuadas pola Garda Nacional, e disparos de orixe dispar.

As rúas da zona Leste de Caracas, na que se concentraron os focos de insurrección, xa son aparecen transitables, o transporte público recobrou a normalidade e moitos empregados xa puideron acudir aos seus centros de traballo.

Poucas son as armas que lle quedan a oposición para evitar unha nova frustración. Unha nova folga indefinida está descartada, logo da terra queimada de dous meses de paro indefinido no ano pasado, o primeiros en pronunciarse foron as corporacións bancarias. O sector principal da economía Venezolana, o petróleo e a xigantesca empresa pública PDVSA está baixo as rendas oficialistas, as chamadas á rebelión militar son desoídas polo exército, as peticións de insubmisión civil, profusamente documentadas legalmente nos xornais locais, atopan pouco eco nunha sociedade cansa de tanta intransixencia, na que medran os coñecidos como "ni-ni": nin con Chávez, nin coa oposición.

Un fin de mes decisivo agárdalle a Venezuela. Un mes no que aínda arderán as brasas da violencia, pero é de prever un que o lume vaia esmorecendo, que a desmesura verbal deixe camiño á un mínimo de cordura, que a frustración se apodere dos que puxeron máis enerxía no éxito dun proceso que se antolla moi complicado. Os signos de división volven a ser evidentes na oposición que aínda non deu consensuado un candidato único, alternativo a Chávez,.

As urnas en Venezuela non deberán agardar ata o 2006 para medir a forza de cada opción. Non terán tempo de que as tearañas as invadan, nin que as sepulte o po. Este mesmo ano, a finais do verán, haberá eleccións á gobernadores dos Estados Venezolanos. Será unha boa ocasión para medirse de novo e saber a quen desgastou máis tanta irracionalidade por ambas partes, Se ao goberno ou á oposición. Ese día de eleccións, as matemáticas volverán a Venezuela, 2 +2 serán 4, e a democracia volverá a ter un gran día de festa colectiva.