Violencia en Cósova: o rebrote das incertezas

Apartados xeográficos ARQUIVO Balcáns
Idiomas Galego

Nos últimos días, a nova emerxencia da vella "limpeza étnica", tan repetida durante o desmembramento da antiga Iugoslavia, resoou na Europa Oriental: 28 persoas foron asasinadas e máis de 600 feridas dende que o pasado xoves 18 de marzo unha ola de violencia se desatara na cidade cosovar de Mitrovica. A pesares de que a situación calmouse durante o fin semana, ó redor dunhas 3.600 persoas tiveron que deixar as súas casas.

Os actos de violencia comezaban cando o pasado 15 de marzo un serbio cosovar de 18 anos era ferido dun disparo dende un coche en marcha en Caglavica, a 5 Km de Pristina. Ó día seguinte tres nenos albano-cosovares foron forzados a tirarse ó río Ibar por serbocosovares con cans. Dous deles falecían e a emotiva entrevista do único supervivente foi de seguida transmitida por TV. Ámbolos dous sucesos illados conmocionaron á poboación que tomou as rúas de Mitrovica e de outras localidades de Cósova.

Numerosas escenas de destrucción e casas ardendo tiveron lugar en Mitrovica e fóronse estendendo a través de Cósova, dende Pristina ata os enclaves serbios en Caglavica, Lipljan e Belo Polje; en Serbia deron lugar á destrucción das mesquitas en Belgrado e Nis.

O conflicto inter-étnico máis violento que tivo lugar en Cósova dende a intervención da OTAN en 1999 catapulta algunhas cuestións en torno ó futuro desta provincia Serbia e respecto do papel levado a cabo polas forzas internacionais nos últimos cinco anos. Tanto Europa como Estados Unidos están aplicando unha política de lenta retirada de Cósova, deixando sen resolver a cuestión do seu status, así coma un particular sistema de goberno incapaz de pedir responsabilidades legais á poboación.

Cósova está baixo a administración da ONU dende o final da guerra en 1999. Por unha banda, está a misión da ONU en Cósova (UNMIK), autoridade última responsable da política e das cortes; pola outra, Cósova conta cun Instituto Provisional de Auto-goberno, PISG, formado por cidadáns electos, mais sen ningún tipo de forza ou influencia. A estructura complícase polo feito de que tecnicamente a provincia é parte de Serbia, a cal mantén a súa influencia sobre os serbios cosovares, aínda que a maioría albanesa demanda a independencia.

En Cósova os albaneses constitúen un millón e medio de habitantes, mentres que uns 80.000 serbios permanecen tralo éxodo de non albaneses despois da guerra. En principio, o status final de Cósova será decidido polo Consello de Seguridade da ONU unha vez que o seu goberno reúna unha serie de requisitos, incluíndo a protección dos dereitos da minoría serbia que vive alí. Mais, ¿cando se levará isto a cabo?

As decisións políticas de Serbia e Montenegro, sobre todo dende a elección do Primeiro Ministro Vojislav Kostunica, non parecen estar orientadas a permitir a independencia de Cósova nun futuro. A pesares de que os pobos eslavo e albanés levan coexistindo en Cósova dende o século VIII, a rexión foi o centro do imperio serbio ata a metade do século XIV e os serbios contemplan Cósova coma o lugar de nacemento do seu estado. A derrota de Serbia na famosa batalla de Cósova en 1389 someteunos a séculos de goberno do imperio Otomano, mais Serbia recuperou o control sobre Cósova en 1913, sendo a provincia incorporada á Federación Iugoslava.

A coñecida Constitución Iugoslava de 1974 concedeu a Cósova o status de provincia autónoma e trala morte de Tito en 1980 comezaron as presións a prol da independencia. Sen embargo, cando Slobodan Milosevic chegou ó poder en 1989, decidiu retirar a autonomía a Cósova, dando lugar a un movemento de resistencia para acadar a independencia ou restaurar a autonomía nos anos 90. Mais os ataques da guerrilla albanesa a obxectivos serbios en 1995 orixinarían á brutal resposta da armada serbia e a persecución dos albano-cosovares mediante unha campaña de limpeza étnica liderada por Milosevic.

Os ataques da OTAN en 1999 non impediron que unas 10.000 persoas morreran durante o conflicto. No verán dese mesmo ano as forzas serbias abandonaron Cósova e a ONU tomou a administración da provincia, aínda que a soberanía sobre o territorio reside en Belgrado.

A verdade é que os últimos acontecementos fixeron abanear calquera idea de avance cara á unha situación de normalidade en Cósova e de toma de decisión sobre o status final de dita provincia. A reforma electoral e o desenvolvemento institucional resultan inútiles ante slogans como "eliminar ós serbios" ou "morte ós Shiptars".

Dende a expulsión en 1999 das autoridades serbias de Cósova, a ONU tenta administrar esta rexión autónoma de xeito que poida axudar ás comunidades albanesa e serbia a vivir en paz e prosperidade. O status final de Cósova será decidido polo Consello de Seguridade da ONU unicamente cando ámbalas dúas comunidades acaden certos estándares que amosen a súa capacidade de establecer un serio diálogo sobre o futuro da provincia. Probablemente, a falla de claridade nesta toma de decisión teña que ver coa frustración que os albaneses senten con respecto a como se levou a cabo a privatización e a entrega de poder ás institucións locais.

A confrontación entre as comunidades albanesa e serbia está baseada nunha cuestión fundamental: dun lado, a meirande parte dos albaneses desexan una Cósova independente e soberana e, polo outro, a comunidade serbia en Cósova considera que os intereses desta comunidade non están salvagardados a pesares da presencia da ONU e seguen defendendo a soberanía de Serbia e Montenegro.

A idea dunha Cósova multiétnica veuse definitivamente abaixo cos acontecementos dos últimos días. Moitas das igrexas servo-ortodoxas foron queimadas en Cósova e cidades de Serbia coma Belgrado ou Nis, foron escenario da destrucción das súas mesquitas, mentres miles de persoas, sobre todo mozos, manifestábanse polas rúas berrando, entre outras cousas, "entremos en Cósova".

O temor a que o sucedido en Cósova poida desestabilizar os Balcáns está latente na mente daqueles que con moito pesar, compartimos a idea de que se a comunidade internacional, a pesares das múltiples críticas que se poidan realizar ás súas accións, abandonase lugares coma Cósova ou Bosnia e Herzegovina o conflicto estalaría de novo.

Aínda que os medios de comunicación deron en falar de conflicto interétnico, tan común nos Balcáns, é preciso chamar a atención sobre o feito de que os actos de violencia desatados en Cósova responden ademais a un acto de protesta ante a situación social e económica e non simplemente a unha cuestión de naturaleza exclusivamente política ou ideolóxica.

Para analizar o que está sucedendo en Cósova é preciso ter presente que as institucións nesta provincia non funcionan e que a taxa dun 90% de desemprego reflicte o pésimo estado da súa economía. Cósova é unha das rexións máis pobres de Europa, con máis da metade da súa poboación vivindo na miseria, sendo a agricultura a principal actividade económica. O cal fai pensar que mentres non se multipliquen os esforzos para combater o paro e a delincuencia organizada, para poder así aumentar a inversión exterior, Cósova, xunto có resto dos países balcánicos coma Macedonia, Albania ou Bosnia e Herzegovina, poderá ser foco de numerosos actos de violencia.

O acontecido en Cósova desatou tamén o debate na Comisión Europea onde se avanzou a necesidade de proceder cara unha descentralización administrativa para que poidan convivir as comunidades albanesa e serbia. A política de descentralización, sen autonomía territorial ó estilo de Macedonia podería ser un método para regular o diálogo entre as dúas comunidades.

A consecuencia da indeterminación do status de Cósova xera unha situación política e social moi complexa, xa que é preciso acadar unha serie de estándares desenvoltos por UNMIK antes de que calquera discusión en torno ó status final da provincia sexa posible. Mais sen unha decisión clara con respecto a este punto é imposible elaborar unha estratexia política capaz de facilitar o exercicio da democracia e o establecemento do Estado de Dereito nunha Cósova que vive a medio camiño entre o limbo dun estado independente e o dun territorio historicamente parte de Serbia e Montenegro.