20070630 aeroporto glasgow

Voces, bombas e mediacións

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Aeroporto de Glasgow; clic para aumentar
As bombas de Londres e o auto explosivo de Glasgow (foto) deron unha excelente ocasión aos dous respectivos e novos xefes de Goberno, Gordon Brown en Londres e Alex Salmond en Escocia, para comparecer ante o público. E os dous saíron ben da proba, con seriedade e sobriedade que contrastou có estilo de Blair.
 

Por moi curtido que un estea en deixar á banda o persoal e procurar a análise pura e dura, hai veces que eso non funciona. Acordar en Londres nun día de bombas, prender a radio e ouvir, onde antes saía o rechouchío de Blair, unha voz grave, ben entoada e respeitosa có ouvinte, foi un grande alivio. Alivio que neste intre se sobrepón a outras reaccións máis escépticas canto ao que Gordon Brown poida traer de novo á vida política británica. Non ter aquel continuo irritante da voz e os manerismos sorrintes de mal actor nun país de grandes actores é, certamente, un alivio. O mal xa viña dun pouco antes. Manny Shinwell, aquel patriarca do vello laborismo e do progresismo, dixéralle a Neil Kinnock (un proto-Blair en tantas cousas): "Olla, Neil, ser líder do Partido Laborista é unha cousa seria: non tes por que estar sempre rindo". Que non diría do canario flauta que non chegou a coñecer!

As bombas de Londres e o auto explosivo de Glasgow deron unha excelente ocasión aos dous respectivos e novos xefes de Goberno, Gordon Brown en Londres e Alex Salmond en Escocia, para comparecer ante o público. E os dous saíron ben da proba, con seriedade e sobriedade que contrastou có estilo de Blair. Un e outro teñen diante unha tarefa política difícil. Salmond encabeza un goberno sen maioría absoluta, que é o primeiro dun partido nacionalista na Escocia. Prometeu un referendum sobre a independencia que seguramente terá que adiar ou diluir, se quer manter o apoio dos partidos que necesita para continuar no poder. E Gordon Brown, que insiste en que ven traer novidades que fan moita falta na substancia e no estilo da política do Reino Unido, vai atopar difícil convencer a ninguén de que esqueza os dez anos que levaba no goberno de Blair, onde ben poucos sináis deu dunhas liñas políticas diferentes, aparte da cara, o xesto e a voz. Fala agora dunha maior apertura á opinión dos outros, pero sempre se arrodeu duns poucos leais e practicou o segredo e a manobra desde o recuncho propio. Tamén el dependou dos meigos da manipulación da opinión. E na reforma constitucional que agora dí que vai realizar terá que comezar por desfacer moitos pasos errados do seu predecesor, como foi o da reforma desnortada e sin rematar da Cámara dos Lores. Vai ser interesante, no social, ver cánto caso lle fai ao que queda do Partido. Hereda un partido que perdeu a mitade dos afiliados nos dez anos de poder de Blair. Da moito que pensar que hoxe, e non són na Gran Bretaña, se poida gobernar sen partido, de certo xeito. Unha instancia menos á que rendir contas para os políticos.

E mentras tanto, Blair vai locer os seus encantos de expresión nun novo esceario e cun público oriental que probablemente non os entenda nin lle faigan maior graza. O desacerto de quen o nomeu para representar ao Cuarteto no Próximo Oriente non podía ser maior. Era inevitabel que na prensa de todo xénero lle chamasen mediador, e xa comezan a explicar que non é iso. Para mediar hai que ter, a máis de poder, certa neutralidade. Blair, moi persoalmente, foi parte de un factor tan agravante do conflicto básico naquela parte do mundo como foi o ataque ao Iraque e o caos subseguinte. Parece ser que, máis que mediar, o encargo do Blair será configurar as institucións políticas palestinas e procurar apoio económico para eso. Non deixa de ser curioso que iso, sobre todo a axuda económica, sexa o que hai algún tempo propuxera Brown como solución para o conflito árabe-israelí nunha das poucas veces que falou de política internacional. Seguramente responderá ben ao sorriso blairiano o primeiro ministro da Palestina de Ramallah, Salam Fayyad, que niso das finanzas din que ven sendo unha especie de Gordon Brown. Pero o que pase en Gaza, si é que vai alá, vai ser máis duro de roer.

Boa sorte teña o enviado, porque a paz e a guerra son cousa seria. Pero é un alivio, con todo, non telo xa por aquí.