Xeorxia

A demisión de Eduard Shevardnadze evitou finalmente un enfrontamento civil na república caucásica de Xeorxia, de consecuencias imprevisibles. O detonante desta nova crise, que xa contara con episodios anteriores no outono de 2001 obrigando a unha completa remodelación do gabinete, foron as denuncias de fraude electoral, tamén reincidentes á vista do malestar xerado polo confuso proceso de reconto nos comicios municipais de xuño de 2002. Ese clima de descontento, que está na orixe da actual crise, prodúcese co telón de fondo dunha situación económica e social que non acaba de atopar un camiño de estabilidade e prosperidade. As esperanzas de hai unha década, cando Shevardnadze fora reclamado para asumir a dirección do país despois da funesta xestión do pai da independencia xeorxiana, Zviad Gamsajurdia, non foron correspondidas por unha xestión, reveladoramente incapaz de afrontar tan delicados desafíos, en primeiro lugar, a defensa da integridade territorial, cuestionada en Adzaria, Abxasia e Osetia do Sur, autonomías independentes de facto co apoio de Moscova.

A xeopolítica da zona, marcada polo enorme valor da ruta do gas e do petróleo, e polo conflicto checheno, dispón un sobre interese de terceiras potencias na evolución da crise xeorxiana. Está por ver quen sae gañando coa demisión de Shevardnadze e o ascenso de Mijail Shaakasvili. Unha hipótese anuncia o trunfo dunha estratexia de desestabilización rusa. Shevardnadze acusou aos seus servicios secretos de estar detrás dalgúns atentados contra el. Moscova incrementou a presión sobre Tiflis despois do 11 de Setembro acusando a Xeorxia de prestar apoio e amparo ás milicias armadas chechenas, refuxiadas no val de Pankissi. Bombardeos con invasión do seu espacio aéreo, ameazas de ataques preventivos, imposición de visados para entrar en Rusia. O descontento do Kremlin con Shevardnadze foi sempre notorio e daí o alambicado das negociacións para a retirada das tropas estacionadas no seu territorio en Osetia do Sur e en Abxasia.

A segunda hipótese anuncia un trunfo da estratexia norteamericana. Tropas de EEUU instrúen dende a primavera de 2002 aos militares deste país, a pesar do desgusto ruso. Washington, vista a progresiva debilidade do Presidente xeorxiano ante as presións rusas que o levan a outorgar significativas concesións (peche da representación chechena en Tiflis, extradición de algúns detidos, control común das fronteiras), podería ter optado por un rápido recambio para garantir o éxito do proxecto de maior interese estratéxico na zona, a viabilidade do oleoducto que transportará o petróleo de Azerbaidzán a Turquía, sen pasar por Rusia, é dicir, evitando a conflictiva rexión chechena.

A rápida reacción de Moscova na crise, enviando á zona ao seu ministro de exteriores, Igor Ivanov, podería ser indicativa dos considerables apoios con que conta entre unha oposición que no pasado mantivo serios vínculos con parte da oligarquía económica e política rusa. Pero podería evidenciar tamén o temor a resultar prexudicado por unha evolución incontrolada da crise, entendida como un certeiro golpe de man orientado en dirección contraria. A similitude co proceso serbio é aquí acompañada dunha oposición heteroxénea que pode aínda esfarelarse unha vez demitido Shevardnadze.

A marxe dos intereses das grandes potencias, soamente cabe esperar que o desenlace pacifico da crise permita unha rápida normalización da vida política e a mellora progresiva das condicións de vida dunha sociedade que se deteriora e desintegra un pouco máis con cada reiteración dun novo episodio crítico.