Ucraína: reforma constitucional

O parlamento ucraíno decidiu aprazar as súas sesións durante unha semana ante o bloqueo imposto pola oposición (formada polos grupos "A Nosa Ucraína" "NU" e de Y. Tymoshenko) que trabaron a votación do proxecto de emendas á Constitución proposto polo presidente Kuchma e que deben ser sometidas á Corte Constitucional.

A oposición explica a súa rotunda actuación por ter detectado indicios de que os deputados propresidenciais estaban conminados a aprobar o proxecto por unha maioría de 226 votos. Segundo o líder de NU, Víctor Yúschenko, a auténtica intención dese proxecto é prolongar o réxime actual ao insistir o presidente en que as eleccións presidenciais e parlamentarias se celebren nun ano, o cal podería permitir que os poderes do parlamento se prorrogasen por outro ano e os do presidente por outros tres anos para que as eleccións simultáneas se celebrasen en 2007. Se comentan tamén outros guións do desenvolvemento desa "reforma constitucional", pero sempre deixando ao presidente a posibilidade de seguir no poder ata un lustro máis.

A administración de Kuchma foi obxecto moitas veces de críticas internacionais pola corrupción e a falla de liberdades democráticas. Como é habitual nesas situacións de ambigüidade, os EEUU son os primeiros en facer chegar a Kíev a súa mensaxe de preocupación. O vice asesor do Secretario de Estado, Steven Pifer, aproveitou a súa presencia como invitado no cumio da alianza GUUAM (Xeorxia, Ucraína, Uzbekistán, Armenia, Moldavia) para pedir ao presidente Kuchma garantías de non ter intencións de perpetuar indebidamente a súa estancia no poder. Este contestoulle que tivera en conta que as primeiras eleccións simultáneas se celebrarían en 2014, é dicir, despois de que se foran os actuais presidente e parlamento.

Os medios ucraínos están a transmitir esta opinión do presidente citando fontes americanas. O embaixador estadounidense en Kíev, Carlos Pascual, comentou á prensa que a parte americana insistiu preguntando se podía transmitir ao goberno esta opinión de Kuchma (acerca do 2014).

C. Pascual pronto será substituído por J.E. Herbst, o actual embaixador de EEUU en Uzbekistán. Pode ser que o goberno norteamericano precise un representante habituado en ambientes asiáticos para entrever o que está a acontecer nos entramados públicos de Ucraína.