O G-8 en Evián e a fin da “Pax helvética”

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O G-8 regresa a unha Europa sen Carlo Giugliani. Na memoria, as imaxes de Xénova. O corpo do xoven activista italiano, ao igual que as imaxes das cargas policiais ou do brutal desaloxo da Escola Díaz lémbrannos que o endurecemento das políticas policiais non foi cousa do 11"S, que os estados da Europa occidental xa estaban nestas antes de que EE.UU. comezase a súa particular «Guerra contra o Terrorismo» ou que os anos de progreso imparable da democratización, anunciados polas teses de Huntington sobre a terceira vaga, fican xa ben atrás. Ao igual que noutros cumios que seguiron á reunión do G-8 en Xénova, a sé da reunión será unha pequena vila como quen di, perdida nas montañas: lóxica "securitaria" obriga.

Así o debían entender polo menos as autoridades suizas e francesas cando decidiron organizar en Evián o evento, imaxinamos que pensando nas condicións idóneas dun lugar de difícil acceso para as multitudes. Porén, á vista de como se está a desenvolver a organización das xornadas de xuño, non semella que as autoridades helvéticas tiveran moi en conta un feito fundamental: o elevado nivel de desenvolvemento organizativo e movilizador que ten acadado o movemento altermundialista desde a súa irrupción na escea política internacional en Seattle, a finais de 1999. De feito, tanto nos debates parlamentarios recentes como na opinión pública, reina a sensación de que a aceptación da proposta francesa de organizar o cumio en Evián foi tomada sen reflexionar abondo e, sobre todo, sen considerar que malia o enfortecemento das políticas de represión policial, o movemento altermundialista non deixou de progresar.

As implicacións desta situación para a política suiza non son de curto alcance, pois reflicten ata que ponto as elites políticas da Confederación Helvética seguen sen se decatar da medida en que teñen cambiado os tempos desde a fin da Guerra Fría. Na Era da Globalización, nun tempo en que as tensións políticas xa non se desenvolven entre un dentro e un fóra do capitalismo, senón no seo do mesmo, xa non hai lugar para a célebre neutralidade que tanto contribuiu a facer do país alpino un dos países máis ricos do mundo. En Suiza, como no resto do planeta, progresa unha vaga de mobilizacións transnacional que se desenvolve dentro e fóra das fronteiras dos antigos estados nacionais. Por iso mesmo, a tentativa de proibir as manifestacións proposta polos partidos de dereita (liberal e radical) e extrema dereita (UDC) ten sido interpretada como irreal por unha ampla maioría da cidadanía helvética.

Máis ainda, a organización do G-8 está a ser un desafío político de consideración para todo un modelo político fundamentado na «pax helvética». En efecto, Suiza beneficiouse durante décadas dun desenvolvemento capitalista sen igual que deu lugar a fortes contrastes, posibles gracias a esta mesma situación de privilexio. Así, por unha banda, o conservadurismo político extremo desta sociedade fixo posible, por exemplo, que o sufraxio femenino non fora realidade ata a principios dos anos setenta e nalgúns cantóns ata fai pouco máis dunha década. En contraste con isto, pola outra banda, o sistema político suizo desenvolveu un dos modelos máis sofisticados de democracia representativa; un modelo fortemente consociativo e no que pesan extraordinariamente mecanismos de democracia directa tales como os referendos.

Aquí é, sen dúvida, onde adquire unha maior importancia o desafío lanzado polo movemento altermundialista ao Estado helvético: ao cabo, dun tempo a esta parte, os fundamentos da constitución material sobre as que se sustentaba a «pax helvética» (desde a neutralidade ata o secreto bancario, pasando polas expresións institucionais do corporativismo liberal) están a mundar de xeito irreversible, facendo que novos e non tan novos conflictos sociais emerxan baixo expresións inéditas ou esquecidas pola cidadanía e a poboación suiza (cómpre lembrar aquí que un quinto das xentes que vive e traballa neste país carece de dereitos políticos tan elementais como o voto).

Así, as mobilizacións contra a guerra, tan destacadas na xornada mundial antimilitarista do 15-F, foron as maiores habidas no país desde os anos sesenta (feito este no que a excepcionalidade suiza tamén se extingue). O movemento sindical, está a experimentar un importante relanzamento a raíz dos contenciosos laborais abertos con motivo do feche de empresas que resulta dos procesos de readaptación posfordistas (desterritorialización, informatización, etc). Agora chégalle o turno ao movemento altermundialista que xa ten aquí unha longa experiencia e traxectoria, pois, ao cabo, Xenebra é a sé de numerosos organismos internacionais (desde a ONU ata a OMC) que constitúen, de seu, obxectivos prioritarios do movemento.

O vindeiro cumio do G-8 probablemente significará para Suiza un punto de inflexión, a fin do soño neoliberal e populista dunha «Pax helvética» que baixo o imaxinario bucólico das idílicas paisaxes alpinas, agocha as realidades moito máis lúgubres e ocultas dunha economía que se convertiu nunha das pezas fundamentais da engranaxe institucional que sostén a globalización.