O soft power de Galicia

 Ãnxela Bugallo e Raúl Castro; clic para aumentar
Acertou Cultura indo á Habana e ogallá ese sexa o comezo de accións concertadas que proxecten ao noso país no mundo como o que é, unha realidade diferente da que podemos e debemos presumir, pois esa diferenza é un dos valores máis atractivos e de maior futuro na sociedade internacional en que vivimos. (Foto: Ánxela Bugallo e Raúl Castro na inauguración da XVII Feira Internacional do Libro de La Habana o 14 de febreiro de 2008).
 

A cultura, en sentido amplo, é a expresión máis sobranceira do poder brando de Galicia. En realidade, case o único poder real que podemos ter, dada a nosa dimensión económica, política e demais. A cultura debe ser, polo tanto, peza clave de calquera estratexia de internacionalización de Galicia. Nun mundo sen fronteiras, esa presenza internacional é cuestión de supervivencia, non só cultural, senón tamén económica e social, pois a crecente dimensión produtiva da cultura tradúcese claramente nunha determinada porcentaxe do PIB que, nunha sociedade tan reducida como a nosa, deberiamos estimular moi en serio.

Actualmente estase a desenvolver un proxecto de internacionalización, o primeiro, dos nosos espazos culturais. Ir a Cuba á Feira do Libro, non a "cubanizar" a nosa cultura senón a internacionalizala entre as editoras de máis de trinta países presentes, é un acerto nesa estratexia de universalización no que Galicia ten moito que achegar e moito beneficio que tirar. Os diferentes segmentos culturais deben incorporarse a esa estratexia, asentala e rigorizala ao máximo. Non será todo perfecto. Haberá que aprender. Pero ese é o camiño.

Carece de sentido que cando damos pasos positivos e firmes nunha determinada dirección en relación co exterior todo se volva un labirinto de acusacións. Debe existir o control parlamentario destas iniciativas, e mesmo debera ser máis estable e permanente do que é, pero fuxamos da escandaleira gratuíta. Urxe establecer un consenso básico en relación á proxección exterior do país para non estragar as oportunidades que presenta. Queimar estas accións, igual que o voto dos emigrantes con manexos pouco éticos, as viaxes presidenciais ao exterior, as misións empresariais, etc., equival a unha deslexitimación dun eixe da acción pública que, en realidade e tristemente, pouco importa a boa parte da nosa sociedade, salvo para que a oposición de quenda poida arremeter contra o contrario e tirar proveito mediático desa circunstancia. Fraco favor nos facemos a nós mesmos cunha actitude tan destrutiva.

Acertou Cultura indo á Habana e ogallá ese sexa o comezo de accións concertadas que proxecten ao noso país no mundo como o que é, unha realidade diferente da que podemos e debemos presumir, pois esa diferenza é un dos valores máis atractivos e de maior futuro na sociedade internacional en que vivimos.