A dimisión de Ozawa e as corrupcións no Xapón

O pasado 11 de maio, Ichiro Ozawa anunciou a súa intención de dimitir como líder do Partido Democrático de Xapón (PDX), o principal partido de oposición na Cámara Baixa e o partido máis forte na Cámara Alta xaponesa. Paralelamente, o PDX é o partido que podería gañar as próximas eleccións xerais. De feito, segundo o resultado dunha enquisa en febreiro, o PDX contaba co apoio do 25,9% do eleitorado(1) mentres o Partido Liberal Democrático (PLD) sumaba un 21,9% e o gabinete de Taro Aso ficaba cun 11,4%. Con todo, a mesma enquisa feita en abril, atribuía ao PDX un apoio do 21,5% e do 29,2% ao PLD.

Por que entón o PDX perdeu a confianza, a pesar de que todo apuntaba a que sería o próximo partido no poder? Así mesmo, cal é a razón da dimisión de Ozawa?  El mesmo explicou a razón da súa dimisión durante unha conferencia de prensa convocada de urxencia: “Atrevinme a abandonar o meu posto e decidinme adimitir como líder para que a mobilización do partido sexa máis forte, a fin de gañar as próximas eleccións xerais da Cámara Baixa e facer posible un cambio do poder político”. Ozawa tiña que dimitir porque existían críticas cara a el dentro do PDX.

Unha razón de peso para determinar a dimisión de Ozawa ten que ver coa acusación presentada en marzo pasado contra o seu primeiro secretario público, de nome Okubo, de recibir unha contribución ilegal de fondos. En Xapón, baixo a Lei de Control de Fondos Políticos, está prohibido que unha empresa contribúa con fondos a un político, aínda que permítese que unha empresa contribúa a un partido. En marzo, Okubo foi detido por infración desta lei. Denúnciase que, entre 2003 e 2006, Okubo recibiu fondos de dous grupos establecidos por xubilados dunha empresa construtora, de nome Nishimatsu Construction.

Se eses grupos fosen organizacións políticas puras, non sería unha acción ilegal. Pero o problema é que eses grupos eran auténticos “homes de palla” establecidos para contribuír financeiramente a Ozawa. Así mesmo, Okubo recibía os fondos sabendo que os mesmos proviñan de Nishimatsu. Nishimatsu Construction, quen contribuía con Ozawa a fin de recompensarlle por recibir pedidos das obras públicas na rexión de Tohoku, ao nordeste de Xapón e, sobre todo, na provincia de Iwate, onde Ozawa ocupa o poder. Igualmente, sábese que para adxudicar as construcións públicas na rexión de Tohoku, a influencia política de Ozawa é moi importante. A pesar das evidencias, Ozawa desmentiu a súa participación no caso.

Con todo, este suceso danou a imaxe do PDX, razón pola que Ozawa finalmente decidiuse a dimitir. O 16 de maio Yukio Hatoyama, secretario xeral de PDX e neto do  ex primeiro ministro Ichiro Hatoyama, foi elixido como novo líder de PDX. O pasado 19 de maio, Hatoyama nomeou a Okada como secretario xeral e a Ozawa como líder en funcións. O novo liderado do PDX obtivo o apoio do 30,5% do electorado, inverténdose o apoio do PLD (27,5%)(2).

Con este panorama, é difícil que o PDX siga mellorando a situación. A pesar da dimisión de Ozawa, non hai gran cambio na cabeza do PDX. O certo é que Ozawa quedou como líder en funcións. Aínda que o PDX recollía un maior apoio que o PLD en maio pasado, moitos xaponeses abrigan dúbidas sobre o PDX. O escándalo dos fondos de Nishimatsu a favor de Ozawa aínda está nos tribunais. O PDX chegará ás eleccións xerais levando unha “bomba” nos brazos. O peor é que o 24 de maio soubose que outra empresa construtora, Kumagai Gumi, contribuíu a Ozawa a través dun grupo pantasma. Coméntase que contribuía non só a Ozawa senón tamén a políticos do PLD.

Nas próximas eleccións xerais, “a confianza” será un tema importante, tomando en conta o legado da política de Junichiro Koizumi, quen consideraba que o apoio xeral do pobo é o máis importante para levar a cabo a política. O ex primeiro ministro Shinzo Abe dimitiu, non porque a súa política non tivese o apoio do pobo, senón porque había desconfianza co seu gabinete polos escándalos dos ministros.

En Xapón, ter as “mans limpas” é un requisito para obter e continuar no poder. Cabe esperar que, de aquí a setembro, cando se celebren as próximas eleccións xerais, que os dous grandes partidos políticos xaponeses saquen á luz todos os seus trapos suxos.

(1) Enquisa de opinión de FNN:
http://www.fnn-news.com/archives/yoron/inquiry_list.html

(2) Ibid