20090406 a habana raul castro e congresistas eeuu

Fin do embargo?

 Raúl Castro e unha delegación de congresistas de EEUU; clic para aumentar
Fidel sinalaba o pasado 6 de abril nunha das súas Reflexións que Cuba "non ten medo a dialogar con EEUU". A visita recente dunha delegación de congresistas confirma a existencia dunha clara corrente en favor da mellora das relacións bilaterais. [Foto: Raúl Castro (dereita) reunido cunha delegación de congresistas de EEUU, en La Habana o 6 de abril de 2009].
 

O anuncio da Casa Branca de suavizar o embargo a Cuba (liberalización das viaxes e do envío de remesas, entre outras disposicións) bota por terra unha medida imposta en 2004 polo goberno de Bush para provocar, unha vez máis, un cambio de sistema na illa. Aquel Plan limitaba a 300 dólares por trimestre o envío de remesas dos cubano-estadounidenses a familiares de primeiro grado en Cuba, estipulando que só se podía viaxar á illa unha vez cada tres anos e só por 14 días. A quen máis afectaron estas medidas foron á xente común e en nada abrandou o irredentismo cubano. O millón e medio de cubanos residentes en EEUU foron as primeiras vítimas. As promesas de Obama durante a campaña electoral a prol dun cambio de rumbo orientado a acabar co estado de hostilidade, atopaban eco nas invitacións de Raúl Castro a realizar negociacións directas, sen intermediarios e en igualdade de condicións. Ese camiño semella que botou a andar aproveitando as novas tendencias xerais.

Fidel sinalaba o pasado 6 de abril nunha das súas Reflexións que Cuba "non ten medo a dialogar con EEUU". A visita recente dunha delegación de congresistas confirma a existencia dunha clara corrente en favor da mellora das relacións bilaterais. Medios políticos, empresariais e académicos, pero tamén boa parte da opinión pública estadounidense, amósanse a favor dun cambio de política cara Cuba. Toda América latina, hoxe, mellorou as súas relacións con Cuba, condena o mantemento das medidas de forza e reclama a fin do distanciamento. Washington estaría máis só ca nunca á hora de defender as políticas excluentes en relación a La Habana. Cómpre aproveitar este momento histórico con políticas construtivas de ambas partes e medidas concretas que privilexien o diálogo e permitan buscar un novo camiño. A normalización pode levar anos e non será doada de abordar en máis dun aspecto tendo en conta a intensidade das longas diverxencias tradicionalmente existentes entre Cuba e EEUU, pero a confrontación demostrou sobradamente tanto a súa ineficiencia como que non leva a ningures.