E sen embargo, América Latina medra

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Ven de darse a coñecer o informe do Banco Mundial no que se bosquexan perspectivas optimistas para os primeiros anos do milenio. Son as mellores perspectivas dende hai 30 anos e prevén un crecemento para América Latina e o Caribe (ALC) do 4% no ano que vai rematar, un 4,1% para o 2001 e un 4,3% para o 2002.

Falta por comprobar se os altos índices de crecemento sobordan o limiar preciso para que a melloría sexa percibida por toda a sociedade ou se rematara por acumularse nos sectores máis favorecidos, tal como ven acontecendo durante as últimas décadas.

Arxentina, Uruguai, Perú, Bolivia.. son algúns dos contrapesos que non deixan despegar con forza un continente que semella despertar dos golpes das últimas crises do 94 (Tequilazo), 97 (sueste asiático), 99 ( Brasil). Toda América Latina mira de esguello para o xigante arxentino que atravesa por momentos difíciles. Sen a forza da súa locomotora séntense inseguros e cautos. A máquina Brasileira aínda está convalecente da crise do ano pasado, aínda que presenta franca melloría que non será patente ata que a outra banda do eixo Brasil-Arxentina saía do borde do precipicio no que se atopa.

O crecemento dos primeiros anos do segundo milenio non se parecerá ao que se viviu nos primeiros anos dos 90 cando Arxentina ou Perú andaban pola nubes con crecementos que chegaron a ser superiores ao 8% anual. Eran tempos de facer caixa rápida coas vendas das empresas públicas a compañías estranxeiras que aportaban grandes sumas de cartos, atraendo novos investimentos. As sucesivas crises remataron coa festa e os ingresos-extra non foron investidos nos sectores productivos, senón que acabaron en redes clientelares de servicios sociais populistas, ou no exército, ou en luxos asiáticos, ou para compensar as baixadas dos impostos directos ás empresas…

No modelo de crecemento dos 90, a maioría dos latinoamericanos non foron convidados ao banquete. Son de tal calibre as diferencias entre as minorías privilexiadas e as maiorías empobrecidas que, segundo estimacións solventes, sería preciso un crecemento superior ao 7% para que se irradiasen as súas bondades a toda a sociedade.

O crecemento per cápita, que estima o principal responsábel de economía do BM, Nick Stern, para os dous próximos anos está entre o 3 e 3,3%, só lixeiramente inferior aos calculados para as economías nacionais. É o momento de saber se, pasadas as febres neoliberais e alertados sobre os perigos que comporta a globalización; os países da América Latina saberán aproveitar as vantaxes da apertura económica, do medre do comercio internacional, das inminentes integracións económicas rexionais…

De ser así, será o momento ideal das políticas sociais que palíen as desigualdades, das cartas de dereitos sociais, laborais, da muller, dos indíxenas…

Antes, haberá que extirpar os buratos negros da praga de corrupción que asola o continente e que engole a riqueza, que xeran as épocas de bonanza , ata facelas desaparecer. Tamén haberá que estar atentos ao incremento do prezo dos intereses nos mercados mundiais, á evolución das economías occidentais sacudidadas pola alza do pretróleo, ás guerras comerciais interrexionais… Ogallá que se confirmen tempos que muden o pesimismo no que vive o continente.