¿Manda el pueblo?

Chávez prosegue a súa marcha trunfal en Venezuela mentres se decantan as dúas formas de entender a súa revolución bolivariana. Ano e medio despois de acceder á Presidencia, collen pulo as voces que critican o seu experimento político e a incapacidade para alterar as condicións de vida reais dunha sociedade empobrecida que, sen embargo, constitúe aínda o seu principal soporte electoral. No que vai de mandato, a taxa de paro case se dobrou e a economía informal vai camiño de abranguer o sesenta por cento da forza de traballo ocupada.

Chávez insiste na denuncia da falsa democracia que arruinou o país, asegura desexar a recuperación da confianza nas institucións públicas e pon en marcha unha campaña de alfabetización que lembra os rupturistas comezos da revolución cubana. Cando o acusan de querer acabar coa democracia, responde que en ano e medio os venezolanos tiveron ata seis oportunidades para expresar o seu rexeitamento ó actual curso político. Dende a Confederación de Traballadores de Venezuela, Carlos Navarro, asegura que o diálogo social foi liquidado.

Afincándose en Bolívar, aquel "Napoleón das retiradas" que dicía un errático Marx, Chávez conta aínda co apoio da inmensa maioría da esquerda política organizada, un heteróxeneo conglomerado que debe vertebrar agora un programa de actuación social e económica que permita aliviar os miserables índices de benestar deste rico país. En tempos de sacralización da economía de mercado e dogmática aceptación do liberalismo, o empeño de Chávez por adiviñar un camiño propio lembra a algúns o Allende daquel Chile da revolución pacífica. Pero alén doutras consideracións, en Caracas, gran parte da intelectualidade desconfía dun populismo que tanto vale para aplaudir a Fidel como para respaldar a Fujimori.