A propiedade privada na China

A Asemblea Popular Nacional de China, reunida durante un par de semanas na súa sesión anual en Beijing, prestou a aprobación a unha nova regulación constitucional do dereito de propiedade. O XVI Congreso do Partido Comunista (PCCh), celebrado en novembro de 2002, establecera a protección de todos os ingresos lexítimos, procedan ou non do traballo. No peculiar mundo chinés, o seguinte paso debía ser a modificación da Constitución. No artigo 12 non se mencionaba a propiedade privada (se dicía que a propiedade pública do socialismo era sagrada e inviolable). Por outra banda, o artigo 13 protexía a propiedade de ingresos, depósitos, casas e outras propiedades, pero non mencionaba os medios de producción. Aí está o novo salto, cunhas motivacións máis prácticas que gardan relación cun problema que empeza a preocupar seriamente ás autoridades chinesas: a inseguridade respecto á propiedade provoca que o evadido do país sexa equivalente ao invertido.

Esta gran transformación, motivada en parte tamén polo ingreso na Organización Mundial do Comercio e polas esixencias dunha acomodación aos canons internacionais, aparcaría polo momento o tabú da terra, e afectaría en primeiro lugar á empresa privada, que recibiría un novo e importante impulso. A finais de 2000, segundo fontes oficiais, xa representaba o 33% do PIB, con 18 millóns de empresas, 20 millóns de empregados e 30 millóns de autónomos. En segundo lugar, á propiedade estatal, que verá reducida a súa importancia no conxunto da economía do país, ademais de estimular o proceso de privatización. En terceiro lugar, á propiedade social, que pode confirmarse agora como unha figura de transición que cumpriu unha magnífica función, especialmente no campo, a través das empresas de cantón e poboado, para espertar o crecemento chinés.

Vintecinco anos despois de iniciarse a reforma, China está atravesando unha nova fronteira, que foi despexada no ideolóxico no XVI Congreso do PCCh e que agora deberá ser implementada na realidade. A pesar de todo, os dirixentes do país insisten en que se trata de construír un socialismo con peculiaridades chinesas, é dicir con economía mixta, con mercado e planificación, e cunha dirección política que non deixe lugar a dúbidas do horizonte que se persegue. Fronte a quen os acusa de novos mandaríns, de simple corpo de funcionarios “comunistas” que arroupan o seu mandato burocrático cunha lexitimidade que non lle corresponde, en Bejing se argumenta a garantía de estabilidade para que un país de máis de 1.300 millóns de persoas conduza o proceso de cambio sen grandes fendas que, de producirse, poderían ter consecuencias fatais. Un polvorín coma o da Europa do leste ou de Rusia elevado á enésima potencia.

Máis alá do significado económico, ideolóxico ou político, cabe pensar que China non será a Europa do Leste tampouco na sacralización do privado. A influencia cultural do confucianismo pesa aínda o seu nestas latitudes e actúa, conscientemente ou non, como un substrato inapelable que modela as conductas e as conciencias. A propiedade ten aquí un fondo sentido social: “Vendo ganancias a obter, pensa na xustiza”, destacaba Confucio como unha das nove meditacións para ser un home de perfecta virtude.