Hong Kong: unha victoria insuficiente

O interese das eleccións celebradas o pasado domingo en Hong Kong radicaba esencialmente na oportunidade que brindaban para avaliar o impacto electoral das últimas mobilizacións impulsadas pola oposición reclamando o sufraxio universal a base de pequenos saltos adiante, é dicir, elixindo cada vez máis deputados en réxime de competición libre e aberta, e o efecto das contramedidas de Beijing que, acusando á oposición de estar ao servicio da Casa Branca, se coidou de exhibir os últimos logros conseguidos por un país forte e unido: os campións olímpicos da parte continental desfilaron de luns a mércores ante todo tipo de autoridades e colectivos para enxalzar o triunfo deportivo de Atenas. Hai uns meses tamén desfilaron, por primeira vez, as forzas armadas e o recente centenario de Deng Xiaoping tivo aquí unha repercusión especial. ¿Mensaxe? É a hora do patriotismo.

E esa mensaxe en boa medida callou entre a poboación, fraguando unha sólida alianza co tradicional pragmatismo da sociedade chinesa. Gañou a oposición, pero en condicións menos relevantes do agardado e quizais prexudicada por un nivel de participación estimado como elevado para as pautas políticas desta rexión autónoma, arredor do 55,6 por cento.

Nestes comicios se elixían directamente a metade dos postos a cubrir no Consello Lexislativo ou Parlamento local, seis mais que hai catro anos, segundo a fórmula pactada no momento da retrocesión de Hong Kong, en 1997. O resto dos postos cubríanse mediante a designación de representantes por parte de diversos colectivos profesionais que, dun xeito ou doutro, estaban influenciados polas autoridades centrais. Soamente reducindo o peso destes colectivos podería gañar credibilidade a autonomía.

A consecución de tres escanos mais provocou unha considerable decepción nas filas dos chamados demócratas, porque son insuficientes para premer ás autoridades de Beijing a fin de forzar unha maior rapidez no proceso de universalización democrática da ex colonia británica. Xa estaba descartado que en 2007 se puidese elixir directamente ao primeiro ministro. En 2008 tampouco haberá elección directa do Parlamento. Nada se moverá antes de 2012. E aínda que máis tarde ou máis cedo probablemente terá que ceder, entre outras razóns, porque se non avanza este proceso en Hong Kong seralle moi difícil normalizar as relacións con Taiwán, con estes resultados, a posibilidade de influír no ritmo e nas condicións se afastan para a oposición. China pode afrontar tranquila, tamén aquí, o horizonte olímpico de 2008.

A maioría dos hongkoneses non desexan enfrontamento algún con Beijing. Esta preocupación compartida pola estabilidade permítelle gañar tempo para acomodarse ao xogo político, pero a falta de avances substanciais e a afirmación dos signos de unilateralidade poden acabar por desestabilizar a situación se non se acomodan institucionalmente as diferencias coa oposición.