Sombras de Tiananmen

¿Puido evitarse a traxedia? Durante corenta e cinco días o centro neuralxico de Pekín estivo literalmente ocupado por milleiros de estudiantes. En máis dunha ocasión, unha enorme masa humana percorreu as principais arterias da capital para expresar o apoio de traballadores e cidadáns ás súas demandas. Ata o último momento, todo discurriu de forma asombrosamente pacífica, sen o menor atisbo de violencia. ¿Por qué a masacre final? ¿Foi consecuencia da ineptitude e imprevisión gobernamental ou unha acción exemplarizante e deliberada? Como toda a sociedade, os dirixentes chineses, moi divididos en canto ó modo de afrontar a protesta estudiantil, palparon o temido abismo da inestabilidade.

Unha aproximación reflexiva a aqueles sucesos obriganos a considerar algúns aspectos salientables, tanto no que atinxe ós principais actores como ó sentido político das demandas do movemento. En primeiro lugar, o papel de Zhao Ziyang, secretario xeral do Partido, persoa de toda confianza de Deng Xiaoping. Comunmente afirmase que Zhao lideraba a liña de diálogo cos manifestantes en coherencia cos seus postulados reformistas. Zhao estaba enfrontado a Li Peng, principal representante do grupo conservador, e recollendo as peticións dos estudiantes propuso a supresión dos privilexios especiais, a publicación de informes detallados sobre as finanzas dos cadros de alto nivel; a creación dunha organización para investigar a corrupción dos altos funcionarios e dos seus familiares. Foi deposto de inmediato e sometido a arresto domiciliario. Outras versións, non menos solventes, indican que Zhao Ziyang estaba utilizando demagóxicamente as reivindicacións do movemento estudiantil en beneficio propio para impedir unha anunciada ofensiva dos seus detractores que o responsabilizaban da pésima xestión económica. E aportan un dato relevante, os múltiples contactos mantidos polo seu secretario particular, Bao Tong, cos manifestantes de Tiananmen, de costas ó Buró Político, e mesmo a posesión polos líderes estudiantís de información sensible que soamente poderían adquirir co seu concurso.

En segundo lugar, o papel do Exército Popular de Liberación. “O Partido manda ó fusil”, dicía Mao. Pero ¿que acontece cando o Partido non é quen de mandar? Ata agora as discusións centráronse sobre o nivel de indisciplina e resistencia detectado en medios castrenses á hora de obedecer a orde de intervención. Sen embargo, a enxulla é moito maior se emerxe o papel protagonista dalgúns mandos militares, estreitamente relacionados por razóns familiares a Yang Sankung, presidente da República. As divisións no seo do EPL resolveronse por medio de vínculos de sangue. Noutra orde, caben dúas interpretacións. A tardanza na represión do movemento puido deberse a que a dirixencia do Partido debía resolver primeiro as súas diferencias, pero a mobilización das tropas tamén puido ser o último episodio dun pulso interno. Non soamente se orientaba a garantir a fin dos disturbios, senón fundamentalmente a explicitar o apoio a unha determinada facción, maioritaria, do Partido. O EPL non desempeñaría pois un papel secundario senón que decidiría un hipotético empate. Pese á desobediencia dalgúns mandos, non consta a existencia de sancións disciplinarias. ¿Pacto entre bastidores?

En terceiro lugar, os estudiantes. Sintetizaron o descontento social pola corrupción e os desequilibrios xerados pola reforma iniciada en 1978. Ninguén podía negar a corrección das súas demandas e por iso, máis tarde ou máis cedo, producirase a relectura oficial do sucedido. Pero cómpre non perder de vista outro aspecto. En China existe unha gran tradición de utilización dos movementos sociais para resolver conflictos no seo das élites do poder. En máis dunha ocasión, Mao recorreu á mobilización popular para impoñer os seus criterios políticos no ámbito partidario. Tamén Deng Xiaoping utilizou as protestas estudiantís de 1976 para acalar á Banda dos Catro. A mobilización pode nacer autónoma pero axiña lle xurdirán padriños. Manipulados ou non, os estudiantes foron as principais víctimas da traxedia.

Por último, cómpre destacar que, cando menos na súa orixe e nos momentos de maior apoxeo, as reivindicacións dos estudiantes nada tiñan que ver coas aspiracións democráticas que se lle atribúen dende Occidente. A protesta dirixiase contra a corrupción, en demanda de maior transparencia, de diálogo e de máis impulso social. A influencia ideolóxica occidental foi infinitamente menor que a exercida polas esperanzas de renovación do socialismo que alentaba a perestroika e a glasnost. Á marxe de todo o protocolo oficial, o 17 de Maio de 1989, os estudiantes mobilizaban máis dun millón de persoas para despedir a Gorbachov. En boa medida, compartían o seu soño dun socialismo democrático.