“Míster PESC” ¿para que?

Seica no cumio da Unión Europea a celebrar en Colonia o 3 e 4 de xuño os dirixentes europeos van elixir ao Míster PESC. Vanlle por rostro á unha política exterior e de seguridade inexistente. Seica esa imaxe vai ser a mesma da OTAN cando decidiu iniciar, despois de cincuenta anos, unha guerra en Europa de tráxicas e incertas consecuencias.

Que o proceso de construcción europea fai auga semella evidente dende hai algúns anos. Unha integración exclusivamente económica, carente de perspectivas sociais, democraticamente deficitaria, baseada en estructuras estatais decimonónicas e sen política exterior propia, tiña que entrar en crise cando, rematada a ilusión monetarista, as debilidades sinaladas se manifestasen máis abertamente.

En pleno proceso electoral ao Parlamento Europeo os cidadáns somos conscientes de que imos elixir uns representantes que pouco van poder facer nun órgano carente de competencias reais e nunha Unión conformada exclusivamente en torno aos gobernos dos Estados membros.

As limitacións da Política Exterior e de Seguridade Común (PESC) puxéronse de manifesto nestes primeiros meses do ano. Foi Washington quen empurrou a Europa cara a guerra, a Unión Europea non existiu como tal, o parlamento menos. Os xefes de Goberno renunciaron a exercer unha política autónoma, carentes de liderado, dende as ausencias de Kohl e Mitterrand, optaron polo seguidísmo de mellor ou peor gana. Os dirixentes europeos "maioritariamente socialdemócratas- semellan ter aceptado o mundo unipolar, a autoridade política e militar dos EE UU. Con esta actitude arrastran tamén a unha posición secundaria ao proxecto económico da moeda europea. Dende o seu nacemento o euro perdeu case un 11% con respecto do dólar. Non se pode manter unha política económica minimamente autónoma senón existe un proxecto similar na política exterior. Aqueles que, a outra beira do Atlántico Norte, se amosaban preocupados, hai uns anos, polo que podía supor unha moeda europea forte hoxe está máis tranquilos. Europa occidental segue sen ser capaz de desprenderse da tutela americana e o que é peor semella que tampouco ten interese en intentalo.

Ante a múltiples críticas polo ausencia dunha política exterior e de seguridade propia pretenden remedialo cun "míster" pero sen xogadores. Para que a cousa quede clara barallan a posibilidade de por ao fronte da equipa inexistente a Javier Solana quen deixaría de dirixir un conxunto de estrelas para poñer un rostro que identifique a política exterior europea coa OTAN. Na banda oriental do continente tamén o van facer.