te48 capa

Que son as Novas Diplomacias? Xa dispoñible o Tempo Exterior 48

O novo número da publicación académica do IGADI, presenta un monográfico coordenado por Susana Cruickshank (fundadora e directora do Centro de Estudos en Cooperación Internacional e Xestión Pública, CECIG) e Antonio Alejo (Universidade de Granada). O número enfócase arredor das novas formas de diplomacia cidadá arredor do globo, como a medioambiental, a migrante ou a científica.

Os artigos seleccionados achéganse á historia, actualidade e evolución destas novas diplomacias, así como ao seu maior protagonismo nas novas relacións internacionais. Ademais dos sete artigos enfocados na temática do monográfico, o Tempo Exterior 48 conta cunha sección de -Miscelánea arredor dos novos enfoques construtivistas en relacións internacionais, a nova sección -Eurolatam (froito do convenio de colaboración asinado coa Fundación Carolina), xunto unha recensión de –Libros que pecha o número.

Co Tempo Exterior 48 continúa a súa cuarta etapa histórica, baixo a dirección do profesor da Universidade de Vigo Celso Cancela, un Consello de Redacción composto por profesores das tres Universidades galegas e un Consello Científico composto por investigadores de 12 países de Europa, América e Asia.

O número conta co apoio publicitario do Concello de Pontevedra e a colaboración da SX de Política Linguística da Xunta de Galicia. Descarrégao aquí.