Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 17 de Setembro de 2019 Martínez Pellitero

Cooperación? de que tipo?

Foto: Axencia Xinhua (China)

As reflexións críticas sobre o papel que debe xogar a cooperación nos proceso de desenvolvemento están construíndo unha discusión ben nutrida de perspectivas e argumentos tanto no seu prol coma na súa contra. Son moitas e moi diversas as formas de disentir con respecto á utilidade da cooperación ao desenvolvemento, dende os que a consideran insuficiente ata os que cuestionan mesmo a súa utilidade e a súa eficacia.

En primeiro lugar, unha das grandes críticas que se lle fai á Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) é a súa subordinación aos intereses en política exterior dos países doantes. Pois en moitas ocasións a AOD distribúese en función de intereses económicos ou militares que formulan a cooperación como un mero instrumento de influencia sobre rexións estratéxicas, e non coma unha vía para cooperar -palabra chave- cos países con maiores dificultades en función das súas realidades.

E relacionado con esta vontade de expansión dos intereses das potencias económicas do Norte sobre os países do Sur, atópase outra das grandes críticas que se fai á cooperación como unha ferramenta “neocolonialista” que ten coma propósito expandir o estilo de vida de Occidente (o famoso ‘American way of life’) a outras culturas e realidades que non son comparables ao día a día nun país desenvolvido.

Aterrando estas críticas sobre un instrumento de cooperación concreto, os proxectos de “axuda reembolsable(1) son un claro exemplo dunha práctica de cooperación que finalmente termina por acrecentar as débedas dos países do Sur coas potencias do Norte, ‘obrigándoos’ a destinar mais cartos ao pago de intereses de débeda e limitando o seu marxe de manobra. Ou a axuda condicionada á compra de certos produtos ou servizos por parte de empresas con orixe no país doante, que a todas luces subordina os fins humanitarios a intereses económicos.

Chegamos entón a un punto crítico sobre como desenvolver a Cooperación ao Desenvolvemento. En tanto que o eterno debate (cunha carga evidentemente ideolóxica) abre unha disxuntiva clara entre se debe ser o Sector Público o que dirixa e execute a cooperación ao desenvolvemento ou se o apropiado é que sexan as entidades privadas as que dean forma a estes programas.

Cando se fala sobre o papel que deben das corporacións privadas na cooperación, en ocasións se fai un estraño paralelismo entre o campo da Responsabilidade Social Corporativa (RSC) e a Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (CID), mais non semella apropiada, en tanto que se ben a RSC se fundamenta, en xeral, en valores filantrópicos ou polo menos na vontade das empresas en devolver á sociedade parte do que obtén mediante a utilización dos recursos que emprega, a Cooperación Internacional debe ter un carácter moito mais obrigatorio e vinculante entre os países desenvolvidos e o seu compromiso, como entidades ao servizo da poboación que son, de favorecer unha mellora das condicións de vida nos países nos que as persoas non viven nunhas condicións dignas e acorde aos tempos nos que vivimos.

Mais existindo esa clara distinción entre ambas, si me parece que nos dous casos se poden perseguir intereses semellantes e que tanto as accións tanto públicas (AOD) coma as privadas (RSC) establezan sinerxías entre elas, pois un desenvolvemento tanto das condicións de vida coma da capacidade adquisitiva de grandes grupos poboacionais pode impulsar a expansión de grandes mercados e o cambio das preferencias de consumo que poida beneficiar os intereses de todos.

Isto, evidentemente, non lexitima calquera dos proxectos que as grandes multinacionais de Occidente levan a cabo nos países do Sur, pois se non existe a capacidade reguladora e de control suficiente -algo tristemente estendido en países con claras deficiencias a nivel institucional e de control sobre a realidade diaria- existe a posibilidade certa de que algunhas entidades privadas empreguen os recursos que pertencen a estes países sen o retorno correspondente. Por iso, o avance e a consolidación institucional debe ser sempre unha prioridade nos procesos de desenvolvemento, e garantir o apoio neste campo por parte dos organismos internacionais ou dos países doantes é un elemento clave para asegurar as boas prácticas na cooperación.

Chegamos así a un campo fértil e cunha gran proxección dentro da cooperación, a cooperación triangular ou a emerxente cooperación Sur-Sur que xa representa un 15.2% de toda a Axuda Oficial ao Desenvolvemento(2), sobre as que están proliferando tamén o número de institucións (comités, congresos, grupos de expertos, etc.) que se adican a promover un tipo de cooperación horizontal que estimule un desenvolvemento autocentrado e mais sólido.

Con todas estas críticas sobre a mesa, que queremos sinalar con este artigo? Que a Cooperación ao Desenvolvemento, ben empregada, é un elemento útil que pode axudar tanto a paliar situacións de déficit humanitario coma a favorecer ou acelerar procesos de desenvolvemento mais amplos. Pero non se lle pode descargar o peso da responsabilidade de articular un proceso de desenvolvemento completo, nin debe ser o camiño sobre o que construír ningunha aposta estratéxica.

Do mesmo xeito, estas “novas” formas de cooperación como a Cooperación Sur-Sur ou a maior participación do sector privado no desenvolvemento local tampouco deben descargar a responsabilidade dos países desenvolvidos coa cooperación internacional, cifrada nun 0,7% da súa Renda Nacional Bruta (RNB) dende a década de 1980 e que menos dunha decena de países teñen acadado, amosando, catro décadas despois, o reducido alcance deste instrumento como piar para o desenvolvemento dos países do Sur. Compre mudar de estratexia.

Insistimos, pois, en que con esta reflexión non criticamos a súa utilidade nin defendemos que non se deba seguir cooperando, nada mais lonxe da realidade. Mais para que esta sexa útil e poida ter un impacto positivo, deben considerarse todas as súas limitacións e saber cales son os lindes dun proxecto de cooperación, así coma entender as diferentes realidades nacionais nas que viven cada un dos países ou áreas coas que se vai a cooperar. “Análise concreta da situación concreta”.

 

Citas bibliográficas

(1) A definición que da o portal de transparencia e vixilancia da cooperación española (‘La realidad de la ayuda’) é: son transferencias de AOD con natureza de préstamos, xa que requiren un reembolso por parte do país receptor e, por tanto, xeran débeda có país doante. Para que sexa considerada como AOD, estes préstamos deben ter unha madurez superior a un ano e ser de carácter concesional.

(2) Dato da ONU. O que representa uns 20.000 millóns de dólares anuais.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais