Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Revista ECO 27 de Novembro de 2019 González Palau

O Fondo Galego camiño do 25 aniversario

Ideas e ideais para ser nós no mundo

Tralas eleccións locais de maio deste 2019 e a constitución dos novos Concellos e Deputacións o pasado 10 de outubro constituiuse a nova Comisión Executiva do Fondo Galego. O mandato, que rematará no 2023, verá o primeiro cuarto de século da entidade, que por cativa no económico, non debera pasar inadvertida no seu balance de resultados en relación á coordinación da acción exterior galega.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade naceu en 1997 como unha asociación sen ánimo de lucro, que promovida e impulsada polo IGADI desde os anos 90, abriu a porta ao traballo en rede do municipalismo galego; para xuntar esforzos e realizar unha cooperación para o desenvolvemento rigorosa e profesional, aliñeada coa acción exterior galega no seu conxunto.

O Fondo Galego xurdiu no contexto das reivindicación polo 0,7% dos anos 90, e naceu coa voacación de ultrapasar minifundismos localistas e divisións partidarias, en favor dunha cooperación de calidade. As súas áreas de traballo sempre foron a realización de proxectos de cooperación internacional e a sensibilización da cidadanía galega arredor dos retos e desigualdades globais. Desde o ano 2011, ademais, sistematizou tamén unha liña de traballo en comunicación con enfoque de Dereitos Humanos que é visible na web e nas redes sociais.

Así as cousas, camiño ao 25 aniversario da entidade cómpre significar que:

● O Fondo Galego é un dos piares do sistema galego de cooperación, recoñecido na Lei de cooperación ao desenvolvemento de Galicia e pola propia Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), tanto desde a súa fundación, como especialmente desde o ano 2014, onde foi recoñecida como a Axencia Galega de Cooperación Municipal galega.

● O Fondo Galego é unha política mancomunada en rede consolidada, defendendo o papel dos municipios en relación á consecución dos obxectivos fundacionais das Nacións Unidas e actualmente en liña coa Axenda 2030. Desta maneira os proxectos de cooperación internacional que promove ou financia desenvólvense en liñas cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

● O Fondo Galego, dada a súa natureza, foi capaz de crear unha cultura de dereitos humanos universais no interior do municipalismo galego, por medio da constitución da Rede Municipalista Solidaria, que consegue multiplicar os impactos dos orzamentos ao traballar en rede primando a eficacia e a eficiencia da súa misión fundacional. Máis alá da elevada capacidade de organización de actividades en Galicia destaca o programa Vacacións con Traballo, que activa a participación directa das persoas traballadoras da administración local galega en cooperación internacional.

● O Fondo Galego desde a súa especialización xeográfica nos países africanos de lingua oficial portuguesa, é un dos axentes institucionais que de facto desenvolve a actual Lei Paz Andrade desde antes de 2014 coa súa oficialización. A cooperación municipalista en Cabo Verde da man da Associaçao Nacional de Municipios Caboverdianos comeza no ano 2001. Desde o ano 2015 desenvólvese a mesma liña de traballo sistemático coa Associaçao Nacional dos Muncipios de Mozambique.

Con esta folla de resultados e co entusiasmos dos equipos que lle deron forma, tanto desde o IGADI coma desde os Concellos e as Deputacións socias, o mandato que comeza (coa Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento camiño do Parlamento) debera ser o dun novo salto adiante no obxectivo de promover unha cooperación internacional galega aliñada e coherente coa nosa acción exterior no seu conxunto.
 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais