A recente incorporación de Honduras ao ALBA (Alternativa Bolivariana para os Pobos de América) que promove o presidente Chávez, supón que esta organización conta xa oficialmente con cinco membros, despois de Venezuela, Nicaragua, Cuba e Bolivia, ademais de reunir a outros seis países observadores. Así pois, esta nova alianza vai collendo xeito, valéndose de catro eixes esenciais como aglutinante: aposta firme pola integración latinoamericana, oposición ás políticas de corte neoliberal, fomento da xustiza social e rexeite do intervencionismo estadounidense.
Fronte ao ALCA (Área de Libre Comercio das Américas) promovido no seu día por EEUU, o ALBA vaise significando como outra opción para a rexión, alentando un modelo propio de integración que contempla contidos que tanto se orientan a reforzar a unidade e o fortalecemento da soberanía política rexional como a garantir unha certa adhesión social ao fomentaren políticas públicas que gozan de aceptación entre as capas sociais máis febles, as máis esquecidas nas súas respectivas realidades. A cooperación e a busca do beneficio mutuo no económico susténtase na vertebración enerxética e no fomento dos intercambios comerciais con políticas afincadas nun ideario de benestar social, con forte incremento dos investimentos en educación e saúde pública, pero sen esquecer outras medidas como as transferencias de tecnoloxía, alentando o fortalecemento do aparato estatal e público e a intervención do Estado na economía, prestando especial atención ao control dos recursos naturais e dos sectores considerados estratéxicos, todas elas con entidade suficiente como para mudar as características tradicionais das respectivas realidades económicas. Outro aspecto importante desta alianza é a potenciación dunha seguridade rexional autónoma.
Aínda sen tratarse de países cun alto nivel de desenvolvemento económico, a complementariedade dos seus sistemas e activos é un factor que facilita o proceso de integración. Venezuela conta con recursos petrolíferos de gran valor. Bolivia, con gas. Cuba, pola súa banda, dispón dun bo nivel en educación e asistencia médica. A capacidade financeira de Venezuela e os empeños estratéxicos de Chávez (que non se deteñen nas fronteiras da rexión e tanto chegan a Sudáfrica como a Irán) estimula programas de transformación da agricultura e a gandería, das infraestruturas de comunicación e enerxéticas, etc., que, de consolidárense, poden xerar novas e complexas realidades.
A perseveranza deste proceso, por outra banda, está afectando ás relacións entre EEUU e América Latina, na medida en que se constrúe en clara oposición a Washington e desafiando os seus intereses estratéxicos na rexión. A confrontación aberta entre Chávez e Bush exemplifica estas tensións.
Non pode dicirse, ao menos polo momento, que toda esta experiencia do ALBA sexa un éxito, pero tampouco que é un completo fracaso. Pode faltarlle madureza ou claridade ou ata sobrarlle utopía. Non obstante, un lustro despois, estes e outros pasos, seguidos de preto por outros moitos actores, da zona e de fóra dela, denotan un dinamismo na rexión que contrasta co habitual marasmo de outros tempos, cando todo era previsible e nada escapaba á lóxica estratéxica dun circulo pechado onde todo intento de experimentación quedaba afogado polo pragmatismo dos intereses predominantes.