A discrepancia chinesa

¿Como se posiciona a China a respecto dos atentados do 11 de setembro e das accións de represalia lideradas por Estados Unidos? ¿En que medida poden modificar a súa política exterior e interior e mesmo condicionar a súa emerxencia como gran potencia rexional e mundial? ¿Como afecta a nova situación ás súas relacións con Rusia? Dende o primeiro momento, Beijing expresou públicamente a súa condena dos atentados contra as Twin Towers e o Pentágono, pero, a diferencia de Moscova, sen condenalas expresamente, abstívose de secundar as accións militares promovidas por Washington.

Na actitude chinesa se observa, primeiramente, unha dobre preocupación. Dunha banda, o feito de que as accións militares se desenvolvan en Asia e nas proximidades da súa fronteira, aínda que territorialmente moi reducida e practicamente intransitable, coas inevitables consecuencias en materia de refuxiados, de recesión económica e inestabilidade política nos países veciños. Asi mesmo, aos dirixentes chineses inquietalles que o actual proceso poida lexitimar a expansión do ámbito de actuación da Alianza Atlántica moito máis alá das fronteiras europeas. Beijing sopesa igualmente as consecuencias a longo prazo da intervención militar dunha coalición internacional liderada por Estados Unidos na rexión: China non quere quedar fóra de xogo, pero tampouco envolverse nunha operación que non pode controlar. Por outra banda, preocupada polo deterioro continuado das súas relacións con Washington e pola presencia dun islamismo radical que sirve de fundamento áss reivindicacións secesionistas na súa provincia de Xingjiang, vislumbra unha oportuna confluencia de intereses na vontade americana de arbitrar unha acción internacional concertada de loita contra o terrorismo.

O difícil equilibrio da diplomacia chinesa quedou de manifesto no recente cumio da APEC (Foro de Cooperación Económica do Asia Pacífico) que reuniu en Shanghai no pasado Outubro aos principais líderes de vinte países dunha rexión que acapara ese progresivo desprazamento da economía mundial cara Oriente. George W. Bush pretendía que todos os reunidos fixeran unha piña arredor de Estados Unidos, pero unicamente recibiu un apoio a medias: certamente absoluto na condena do terrorismo, mais relativo na estratexia a seguir na loita contra os talibán. Fronte á inquebrantable solidariedade de Xapón ou Corea do Sur, e a inhibición consciente e interesada de Indonesia e Malasia -países de maioría musulmana-, Jiang Zemin, o presidente chinés, evitou en todo momento expresar o seu apoio ao ataque contra Afganistán e lembrou que para o seu país calquer acción contra o terrorismo debe ter obxectivos claramente definidos, evitar o derramamento de sangue inocente e contemplar para Nacións Unidas un papel fundamental. No comunicado final non se recolle ningún apoio explícito á intervención norteamericana en Afganistán.

A priori, a China ofrece dous elementos de certa proximidade coa actual crise. Dunha banda, coñece de preto o problema. Os musulmans chineses suman uns trinta millóns e as minorías pertencentes a esta relixión teñen unha importancia cualitativa e cuantitativa cada vez maior. Qinghai e Xingjiang son as provincias donde a súa presencia e actividade, mesmo armada, é maior. Nas dúas se suceden periodicamente os disturbios. Xu Guang Tuan, profesor na Universidade das Minorías Nacionais de Xining, relatabame non hai moito tempo a súa preocupación pola crecente forza deste problema (dificultades de convivencia, falta de tacto ou de respecto das súas conviccións por parte do poder han). Os musulmans do Xingjiang, unha provincia moi rica en recursos naturais, petróleo incluido, son maioritariamente sunnitas coma os da Asia ex-soviética.

A China vén intentando con relativo éxito unha aproximación ás autoridades de Kazaquistán para conter a propia rebelión islámica e boa parte do contido do chamado Grupo dos Cinco ou de Shanghai (Rusia, China, Kazaquistán, Kirguiztán e Tadxiquistán), creado en 1996, xira arredor da loita contra o terrorismo, local e internacional, contemplando nos seus documentos políticos incluso a planificación de accións conxuntas para quebrar tanto dinamismo dos activistas relixiosos da Asia central. Nos últimos tempos, o propio Jiang Zemin mantivo numerosos contactos bilaterais con dirixentes da rexión non soamente para avanzar na resolución dos conflictos fronteirizos pendientes senón tamén para garantir un maior control dos contactos das redes islamistas.

Doutra banda, cando todas as miradas se dirixen a Paquistán, é dificil obviar que o réxime de Pervez Musharraf tivo na China a un dos seus principais aliados. Dende a suspensión da axuda militar estadounidense, Paquistán buscou en Beijing o seu aprovisionamento. En conxunto, a influencia da diplomacia pequinesa na rexión medrou considerablemente nos últimos anos, ata o punto de valorarse por parte de Nova Delhi a posibilidade de aceptar unha mediación da República Popular no conflicto de Caxemira a cambio de que reducira a cooperación militar con Islamabad. Unha semana antes dos atentados, Colin Powell advertía con sancións a Beijing se exportaba tecnoloxía e pezas de míseis balísticos a Paquistán. A guerra semella que funcionou como unha excelente excusa para quitarse a China do medio, insinuando ademáis a existencia de relacións secretas cos talibáns, desmentidas por Zhonnanghai, para xustificar o seu arredamento. Resulta en todo caso sorprendente e chamativo o escaso interese de Washington e os seus aliados por atraer a China ás beiras desa supostamente amplísima coalición internacional contra o terrorismo. O señor Blair da “terceira vía”, tan dilixente á hora de visitar mil e unha capitais de medio mundo para sumar apoios á que din primeira gran guerra do século XXI, non deu co camiño de Oriente.

Non é que a China puxera un prezo inasumible a unha hipotética participación na coalición internacional (acalar as críticas occidentais en materia de dereitos humanos, sempre instrumentais, ou alentar presións sobre Taiwán para inclinar en Taipei a balanza a favor das teses continentais a propósito da unificación). Máis ben a guerra e as súas consecuencias impoñen un severo freno á emerxencia do coloso oriental e obrigalle a revisar boa parte da súa política exterior dos últimos anos. Á marxe da apertura comercial, de claro sesgo económico, aínda que tamén con lecturas políticas, ideolóxicas e históricas, a principal novidade da orientación internacional chinesa nos tempos da gaige (reforma) e kaifang (apertura) consistiu na promoción, dende 1986, das chamadas “asociacións estratéxicas” coas principais potencias (Estados Unidos, Xapón, Rusia e a Unión Europea). Segundo o punto de vista chinés, unha asociación estratéxica debe incluir os seguintes elementos: unha visión de longo prazo, un desexo de influir non soamente no ámbito estrictamente bilateral senón tamén rexional e incluso mundial, e o seu contido plural, non limitado á economía ou á política senón con inclusión de ámbitos tan diversos como a seguridade, a cultura, etc.

É evidente que soamente con Rusia conseguiu vertebrar un mínimo entendemento estratéxico sobre a base de premisas moi certeiras: resistencia a admitir sen máis a exclusiva hexemonía estadounidense, as compartidas dificultades con Xapón, a desconfianza da política de ampliación da OTAN (tamén veciña da China ao participar Kazaquistán na Asociación para a Paz), o rexeitamento da doctrina de inxerencia por motivos humanitarios ou a posición común en diferentes conflictos, desde Iraq a Oriente Medio.

Todo ese edificio veuse abaixo en poucas semanas. Rusia volveu a dirixir a súa mirada cara a OTAN e Washington, unha viraxe que pode ser máis duradeira do que cabería pensar habida conta da lectura que a diplomacia rusa está a facer da súa intervención no conflicto balcánico: se non vas a gañar, ponte do lado dos vencedores. Moscova, consciente da súa incapacidade para impedir a penetración ianqui nunha rexión antes vetada a Occidente, aspira, cando menos, a participar no reparto de beneficios, amén de acadar comprensión e apoio para a política de xenocidio practicada en Chechenia e que pouco importa aos defensores da “liberdade duradeira”. Nestas circunstancias, o Grupo de Shanghai ten un futuro incerto: Moscova atopou un novo aliciente para revitalizar a CEI e pilotar o ancoramento de Asia Central en Occidente. As declaracións de Vladimir Putin anunciando maior flexibilidade para admitir unha modificación interna do polémico Tratado contra Míseis Balísticos (ABM) que despexaría o camiño para desenvolver o escudo antimíseis, evidencian o cambio de orientación do Kremlin. Máis alá de Corea do Norte, unha cuestión a penas simbólica neste inmenso taboeiro, a China, novamente illada, vai ser a principal prexudicada pola posta en marcha desa iniciativa. Beijing rexeita abertamente unha espiral armamentista promovida por Estados Unidos que conleva enormes implicacións para o seu contencioso con Taiwán.

A crise xurdida do 11 de Setembro evidencia ademais as dificultades existentes para construir unha asociación estratéxica con Washington. A contundencia dos feitos permitían pensar, a priori, nunha participación activa da China na co-xestión da crise, pero Bush optou por desperdiciar unha ocasión excelente para plasmar o tan cacarexado entendemento civilizatorio en contra do terror. ¿Ou é que irán os confucianos despois dos musulmans? Huntington dixit.

As relacións entre Estados Unidos e a China atópanse nunha fase de observación mutua. Nos últimos tempos, tanto o acontecido en Belgrado -daquela a China foi moito máis activa na condena da acción militar da OTAN-, como na illa de Hainan -caso do avión espía EP3-, sementaron de dificultades unhas relacións que ambas as dúas partes califican de vitais. En Beijing toma corpo a idea de que a estratexia de contención prima no enfoque da actual Administración Bush que, a diferencia da anterior, conta cunha maioría de especialistas en Asia oriental que son expertos en Xapón pero non na China, asegura Liu Xiaobo, director do East Asian Institute da Universidade de Columbia.

Esta circunstancia motiva certo debate nas máis altas instancias do goberno e do Partido en Beijing. Mentres uns, procuran sortear os continuos altibaixos desmontando un a un os problemas que van xurdindo e apostando por un tempo de espera para que o pragmatismo reconduza as tensións, outros sectores, especialmente no Exército, esixen máis firmeza. Esa razón explica tamén a presencia cada vez máis notoria de persoal uniformado na elaboración da política a aplicar en relación a Estados Unidos e a Taiwán, as dúas caras dunha mesma moeda e, asi mesmo, as lóxicas e preocupadas reticencias dos crecentes poderes rexionais, especialmente nas provincias costeiras, conscientes de que os investimentos exteriores e as relacións económicas e comerciais no seu conxunto, retrocederían nun clima de inestabilidade e de confrontación. Esas mesmas razóns aconsellan prudencia nunha hipotética activación política de achegamento diplomático a algúns países árabes.

As dificultades internas para consensuar unha política clara neste asunto evidenciounas Hu Jintao, vicepresidente do Estado, o chamado a suceder a Jiang Zemin na xefatura do Partido a finais do próximo ano, cando a raíz do bombardeo da embaixada chinesa en Belgrado, suceso acontecido durante a guerra por Cosova en 1999, comparecía na televisión para dar a coñecer a posición oficial, alentando abertamente as manifestacións antiamericanas que removeron a capital durante tres días. Dun día para outro chegou a nova consigna que obrigou a unha brusca suspensión das mobilizacións, decisión inducida polas múltiples presións doutros sectores do aparato. Para consolidar e garantir a súa posición na carreira sucesoria, hoxe practicamente indiscutible, Hu Jintao precisa gañarse o respaldo do EPL (Exército Popular de Liberación), pero por nada do mundo Beijing quere malograr o camiño para a entrada na OMC, a culminar quince anos despois de duras negociacións e que abre unha nova etapa no longo proceso de modernización do país.

Petróleo e crecemento

A China é consciente das grandes ambicións xeoestratéxicas que se dilucidan no actual conflicto. A guerra en Afganistán proporciona a Estados Unidos a coartada perfecta para adentrarse nunha rexión, a terceira do mundo en valor enerxético despois do Golfo Pérsico e Siberia, que acolle a cuarta parte das reservas mundiais de gas e petróleo. A liquidación do réxime talibán e a instalación en Cabul dun goberno aliado beneficiará os intereses das grandes multinacionais do petróleo que se ben nos últimos anos conseguiran asinar numerosos contratos resultaban inviables por mor da inestabilidade reinante na zona.

Cara a China se orientaba un dos corredores previstos no sistema de oleoductos imaxinado pola Administración Clinton, o chamado Eurasian Transport Corridor, para por en marcha a explotación destes inmensos recursos. Para Beijing é fundamental garantir un subministro enerxético que proporcione cobertura a un ritmo de elevado crecemento económico, especialmente agora que nos próximos anos pretende impulsar unha nova “conquista do Oeste”, un ambicioso programa de desenvolvemento que debería resolver os profundos desequilibrios territoriais existentes no país a consecuencia do proceso de modernización dos últimos vinte anos que se concentrou no litoral. Nas actuacións condicións, chegado o caso, a participación chinesa na explotación destes recursos non semella doada.

En parello, a asfixia ou contención chinesa presenta outras facianas non menos importantes. A inestabilidade de Asia central e o incremento da presencia militar occidental nas súas fronteiras, alentará un sensible incremento dos orzamentos militares, distraendo recursos que noutras circunstancias poderían aplicarse a outros fins. Ata agora, o proceso de modernización militar contaba cunha importante colaboración rusa que quizais non se manteña ao mesmo nivel no futuro.

Garantir a independencia a toda costa pode convertirse na máxima prioridade política para Beijing, un obxectivo sempre presente na historia da China Popular, tanto no periodo maoísta como denguista. Dispoñer e exercer a soberanía é para a China unha cuestión vital. Aínda que transcorreron máis de 150 anos dende as Guerras do Opio, Bejing mantén viva na memoria a percepción dun país semifeudal e semicolonial que en ningún momento podía tomar as súas decisións libremente, sen estar pendiente, como me indicou un diplomático chinés nunha ocasión, das caras doutros países para determinar o seu punto de vista. A aposta pola multipolaridade e a condena de toda conducta hexemonista, unidos a ese desexo de actuar de forma independente é analizado en Washington como un enorme obstáculo para desenvolver sen contratempos a súa política para Asia pero tamén para a súa aspiración de dominio mundial. Teñamos en conta que a China aspira a ver un continente liberado de toda inxerencia americana, mentres que Estados Unidos quere un Pacífico no que Asia sexa unha das ribeiras, o que lle daría dereito a preocuparse pola seguridade do conxunto.