China-OMC: ¿o abrazo do oso?

Hai pouco máis dun ano o senador demócrata de New York, Daniel Moynihan calificaba a decisión de garantir a China relacións comerciais permanentes e normais con Estados Unidos como a máis importante adoptada despois da Segunda Guerra Mundial. Esa resolución despexaba o horizonte para un acceso rápido da China á Organización Mundial do Comercio (OMC). Agora, unha vez asinado o acordo definitivo en Génève o pasado mes de setembro, na ronda iniciada en Qatar a China accederá á OMC.

Como consecuencia desta integración, a China terá que reducir de maneira significativa determinados dereitos aduaneiros, suprimir as barreiras non tarifarias, aquelas que afecten ás importacións agrícolas e reforzar a protección legal da propiedade intelectual. Beijing agarda un incremento substancial das exportacións e dos investimentos exteriores, especialmente norteamericanos, como consecuencia da nova ola de apertura. Goldman&Sachs estima que as reduccións asociadas á supresión das barreiras non tarifarias (licencias, cuotas e restriccións discriminatorias en xeral) propiciarán un incremento do comercio exterior chinés ata acadar a cifra de 600 mil millóns de dólares en 2005 (360.693 mil millóns en 1999). Outro tanto podrá acontecer cos investimentos directos estranxeiros que se aproximarían aos 100 millóns de dólares (41.200 millóns en 1999). Segundo fontes oficiais, a entrada na OMC provocará unha mellora de 1,5% nos índices de crecemento chinés ata o 2005, asi como un aumento do 27% nas exportacións e do 26% nas importacións. As previsións non chinesas son máis modestas, admitindo o efecto globalmente positivo do ingreso na OMC, pero rebaixando á metade esas expectativas.

Dende o inicio da política de reforma e apertura, hai xa máis de vinte anos, a China beneficiouse dun crecemento espectacular, cun promedio anual aproximado do 10% e cun 14% sorprendente en 1992. A entrada na OMC abre unha nova etapa no proceso de modernización e desenvolvemento, pero pode tamén agudizar as tensións sociais e políticas internas.

Sectores importantes da economía chinesa (automóbil, construcción naval, petroquímico) acusarán un importante impacto ao entrar na competencia internacional. Tamén o sector primario, especialmente a industria cerealícola, deberá dixerir a irrupción da potente e competitiva agricultura americana. O horizonte de quebras e despidos parece inevitable.

O principal reto localizase nas industrias estatais e na propiedade colectiva, especialmente nas empresas de cantón e poboado das áreas rurais. A pesar de todos os cambios producidos, o sector estatal representa aínda hoxe o70% dos activos, o 62% do capital, o 60% do emprego, o 50% do valor da producción ou o 44% do emprego urbano.O primeiro ministro Zhu Rongji iniciou en 1997 un impetuoso plan de saneamento do sector estatal, pero sen acadar resultados espectaculares. É verdade que das 6.600 grandes ou medianas empresas estatais que naquel ano rexistraban perdas, o 63% amosaran signos de recuperación en 1999, pero no seu conxunto, o volume total de perdas soamente se reduciu nun 13% nese periodo. As empresas estatais absorben case o 80% dos préstamos da banca oficial e a maior parte deles (que representan un 25% do PIB) son incobrables.

Zhu Rongji e o PCCh presentan a reestructuración destas empresas como un imperativo e unha esixencia da entrada na OMC. E despois de Qatar, constatado o relativo fracaso das fórmulas experimentadas ata o momento para lograr o saneamento, impulsarán unha nova aceleración da reforma no sector público. Pero non lle vai a resultar nada fácil. En primeiro lugar, deberá vencer a resistencia dos poderes provinciais e locais e dos “directores vermellos” que non asumirán de boas a primeiras medidas drásticas. As dificultades, ademáis, axexarán a numerosos colectivos sociais. O desemprego e a precariedade afectan xa a un de cada sete empregados urbanos. O número de despedidos do sector público dende o inicio das reformas en 1997 se eleva a 13 millóns e soamente a metade puideron ser recolocados. Mentres a pobreza rural se reducira a 50 millóns de persoas en 1997, hoxe deambulan nos medios urbanos 32 millóns de desamparados que antes non existían. O emprego crece moito menos que a economía e dificilmente ese problema atopará unha solución coa entrada na OMC. A China confía en que a enorme envergadura da súa economía permitiralle sortear as dificultades, pero o equilibrio social e político, máxima do proceso de reforma, pende dun fio. A China carece dun sistema de protección capaz de amortiguar a crise social que se aveciña.

A entrada na OMC, por último, tensionará o debate político sobre a orientación final do proceso de reforma. Ata agora, os chamados pragmáticos aseguraban que o sentido final da actual política non era a destrucción do sistema socialista, senón a súa mellora e perfeccionamento a través do chamado socialismo de mercado, garantindo o dominio da propiedade pública (estatal e colectiva), a atenuación das desigualdades sociais e a construcción dun país forte e próspero. Pero ¿ata que punto se poderá manter no futuro esa defensa dunha perspectiva hipotéticamente socialista coa plena integración nun sistema mundial dominado polo capitalismo? ¿Permitirá a entrada na OMC afondar no contido potencialmente socialista do sistema ou culminará o lento tránsito ao capitalismo “cruzando o río e sentindo cada pedra baixo os pés”? A entrada da China na OMC ben podería significar non soamente o principio do fin dos últimos vestixios do maoísmo senón tamén unha profunda reorientación do denguismo, abrindo paso a unha opción capitalista e autocrática sen restriccións. Non o vai ter fácil Hu Jintao, o chamado a suceder o ano próximo a Jiang Zemin, para evitar o derrapamento do socialismo con peculiaridades chinesas.