A incesante erupción iberoamericana

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego


Entre a crise e o cambio

Nada permanece estable neste volcán en permanente erupción informativa. O constante crepitar convulso da actualidade Iberoamericana acapara os enfoques dos observatorios mundiais da economía, a sociedade e a política. O Perú de Fujimori, a Bolivia de Banzer, o Ecuador de Gustavo Noboa, a Venezuela de Chávez, a Guatemala dun discípulo de Ríos Mont, o Chile baixo a sombra de Pinochet, o indixenismo, os reiterados espasmos sociais…centran o interese dos centros de decisión políticos ou económicos e da opinión pública mundial.

A caída do muro de Berlín deixou obsoletos os modelos polos que transitou a sociedade durante a maior parte do século XX. As antigas vías teóricas enchoupadas nas teorías da Seguridade Nacional, das sanguentas dictaduras, dos prolíficos movementos guerrilleiros, dos demagóxicos populismos, dos mimetismos maoistas, castristas ou sovietizantes… son progresivamente abandonados para circular por raís máis democráticos. Mais a locomotora que tira iberoamérica segue e ter a mesma marca acusadamente liberal. Por tanto, perviven e se acentúan as diferencias entre os vagóns de primeira e terceira clase, sen que existan axendas e programas de cohesión social. Mentres a clase media é desaloxada do seu status para ser acomodada nos vagóns de terceira.

A democracia bate exiguas marcas de lonxevidade e estabilidade, pero a súa fraxilidade cristalina non permite diagnosticar a súa esperanza de vida. Viaxa na compaña dos pantasmas do pasado que sementaron o terror e deixaron no camiño centos de miles de víctimas. Estas érguense dos cemiterios ou do limbo dos desaparecidos para reclamar a xustiza, o protagonismo histórico e para afianzar o "Nunca máis". En ocasións, estas mesmas pantasmas, de marcado carimbo dictatorial, son as que están exercendo o goberno, upadas ata as máis altas instancias do estado por decisión popular, expresada nas urnas.

Tras dous séculos de independencia Iberoamérica vive un dos períodos de maior estabilidade política da súa historia. Cada traballoso e canso paso está lastrado por demasiadas contas pendentes, que reclaman o seu protagonismo neste cambio de século. En medio desta fonda mutación, xorden novas reformulacións políticas, novas propostas sociais que van significar unha profunda metamorfose que se está a manifestar con bruscos e dolorosos espasmos.

A sociedade Iberoamericana que se abre cara ao novo milenio se caracteriza polas seguintes tendencias:

Desigualdades que medran

As catástrofes naturais do furacán Micth, ou do fenómeno climatolóxico do "niño", o tequilazo mexicano (1994), as rabezadas das crises financeiras sudasiáticas (1997) ou rusa (1998), a crise do cruceiro brasileiro (1998)… golpearon duramente ás economías iberoamericanas durante 1998-99. O ano pasado significou a transición, cun crecemento 0, cara a un 2000 no que se prevé unha taxa de crecemento situada entre o 3 e o 4%. En Iberoamérica crecemento económico non significa que o reparto da riqueza xerada chegue a todos os segmentos sociais. Os índices medios de crecemento terían que superar o 6% para que a maioría da poboación participase da melloría que se desprende dos índices macroeconómicos.

O 60% da poboación sobarda o limiar da pobreza e neste contexto de fractura social é imposible garantir a estabilidade. Pouco importa que as galopantes taxas de inflación de finais dos anos 80 estean controladas e chantadas no 9%. ¿Para que se quere baixa inflación se non temos traballo?, pregúntanse os excluídos.

A globalización e liberalización dos mercados están xerando unha "globalfobia" entre os damnificados do reparto ou das víctimas das febles empresas caídas, no combate desigual polo prezos dos productos industriais, coas industrias estranxeiras.

Pálpase o fracaso dunha globalización que é incapaz de repartir equitativamente os dividendos. Os países pobres ou en desenvolvemento son os que máis padecen os impactos negativos. O novo modelo político social non só terá que estar definido por contidos económicos. Existen outros factores sociolóxicos que compre ter en conta como o nivel de desenvolvemento tecnolóxico de cada país, a lingua, a cultura, a tradición, a historia. O progreso global da economía é indisolublemente paralelo ao progreso social.

Cristalina fraxilidade democrática

Os Parlamentos Nacionais recollen cada vez mellor a pluralidade ideolóxica da sociedade. As integracións supranacionais repercuten positivamente nos resultados económicos e afianzan o procesos democráticos, prolongando a súa duración. Mais persisten inercias que impiden o libre exercicio de todos e cada un dos dereitos ata o punto de padecer hipotensión democrática, que provoca cíclicos sobresaltos na súa saúde.

Custa desfacerse da diversa fauna de pseudodemocracias que camparon polo continente na última metade de século. Perviven Narcodemocracias (Colombia ou Bolivia), dictatodemocracias (Perú…), corruptodemocracias (México ou Venezuela), militarodemocracias (Bolivia…), semidemocracias(chile ou Paraguai…)…, aínda que o tempo, a presión internacional, as mobilizacións internas, as novas alianzas políticas e a integración supranacional van limitando a súa esperanza de vida.

Os Dereitos Humanos continúan a ser vulnerados. Traballar na súa defensa é unha actividade complicada e perigosa que aínda entraña un enorme risco en países coma Colombia, Perú ou Guatemala. Neste país centroamericano, cando xa estaban rematados os acordos de paz, caeu asasinado Monseñor Gerardi, tratando de achegar un pouco de luz ao xenocidio guatemalteco.

A corrupción rela a credibilidade social no sistema, altérase arbitrariamente as regulamentos de xogo para favorecer ao poder. Prolongacións anómalas do mandato presidencial (Perú), adiamento das eleccións (Paraguai), suspensións do Estado de Dereito (Ecuador, Bolivia), períodos de emerxencia nacional (Venezuela), senadores vitalicios (Chile) evidencian eivas que na Europa Occidental xa semellan superadas.

Os planos de cohesión rexional ou territorial e as cartas de dereitos sociais están nun precario estado embrionario, dificultando a estabilidade social nun continente de esaxeradas desigualdades. O estado non é sentido e apreciado coma parte do acerbo cultural que debe pervivir. Dereitos básicos para a dignidade da condición humana como a educación, a sanidade, a alimentación, a vivenda, o emprego… forman parte do mundo dos desexos para máis da metade da poboación e propician as frecuentes convulsións sociais en Iberoamérica.

Durante un só ano, asistimos a multitudinarias manifestacións campesiñas en demanda de terra, a unha folga de dez meses na universidade de México, ao derrocamento de Jamil Mahuad, ao asasinato do vicepresidente de Paraguai Luís Mª Argaña, a procesos electorais fraudulentos, a enfrontamentos armados, á desaparición de partidos tradicionais políticos…

A respectable resurrección do militarismo

Algúns dos executores da máis escura represión que encheu a historia recente de centos de miles de víctimas, atópanse nunha delicada situación. O xeneral Rafael Vilela, que encabezara un exitoso golpe de estado no 96 xa sabe o que significa estar privado da liberdade. O xeneral Pinochet tivo a desgracia de ser pioneiro nunha incipiente nova orde universal que persigue os crimes contra da humanidade, sen reparar nas fronteiras nun marco de extraterritorialidade. De regreso a Chile acumula ducias de denuncias sobre os máis horrendos crimes, cometidos durante o seu mandato, dos que só poderá librase por mor da súa precaria saúde. Con procesamentos, ou sen eles, sábese perdedor e condenado a observar como paseniñamente van caendo nas redes da xustiza os seus máis directos colaboradores.

A pesares do sinistro ronsel de mortos e desaparecidos, da aniquilación da liberdades individuais e colectivas que practicou, o militarismo non está soterrado. Resucita en democracia cunha rexa vitalidade.

A descomunal corrupción zuga unha boa parte da torta da riqueza para exhibila obscenamente ou para catapultala, cara ao exterior, en forma de evasión de capitais, desmoralizando á colectividade. O descreto das ineficientes democracias e a desesperación por mor do incremento das desigualdades; aumenta a estima cara o autoritarismo e permite o acceso, ás máis altas instancias do poder, a coñecidos personaxes do estamento militar, avalados en moitos casos polo veredicto das urnas.

Fortuna tivo nas eleccións presidenciais o comandante Hugo Chávez quen coa súa dobre peripecia do 92 converteuse no símbolo dunha etapa política que liquidou aos partidos tradicionais (Copei e AD) de tendencia socialdemócrata e socialcristián; e no anxo vingador das desherdadas víctimas do plan de axuste de Carlos Andrés Pérez. A súa traxectoria se inscribe nun golpismo de novo carimbo, que envolto da bandeira da honradez xostrea a corrupción cunha populista estética militar que levanta bochas entre os demócratas do continente que sentiron, durante décadas, a desapiadada violencia castrense.

Outro Hugo, militar tamén, comparte con Chávez o seu acceso á Presidencia, que ostenta dende o 97. Trátase do xeneral Banzer, quen personificou a represión da década dos 70 en Bolivia. A súa travesía golpista sitúase nas antípodas. Foi adestrado na teoría Seguridade Nacional, impartida pola CIA, para rematar con calquera vestixio de esquerdismo subversivo, no contexto da guerra fría.

A pequena Guatemala concentra a máis dilatada, cruenta e avultada represión que acumulou 250.000 mortos ou desaparecidos. Un dos militares sobre os que recae a maior responsabilidade deste xenocidio, o xeneral Efrain Ríos Mont, exerce de presidente co congreso guatemalteco. O seu fiel discípulo Alfonso Portillo ven de acceder á presidencia da República pola FRG (Fronte Revolucionaria Guatemalteca).

Lino Oviedo no Paraguai, Antonio Bussi e Aldo Rico na Arxentina ou Vladimiro Montesinos no Perú son outros exemplos que confirman o protagonismo do estamento militar na política. O esencial papel que desempeñan en iberoamericana tamén alcanza a los sectores económicos. En Colombia, Ecuador, Guatemala, Chile ou Brasil os militares posúen importantes intereses nos sectores do petróleo, a hostalería, a construcción inmobiliaria, as compañías aéreas, a minería, a industria armamentística…

Con xigantescas bolsas de marxinalidade, a violencia común retoma o negro facho da violencia política. A seguridade, especialmente nas cidades, convértese nun dos centros de polarización nas campañas electorais, acentuando e prestixiando o papel das forzas da orde. Prenden con forza doutrinas coma a "Tolerancia cero" ou a "Segunda oportunidade", nas se opta pola dureza fronte a delincuencia.

Esperanzadora reconciliación imperfecta

A década dos 90 significou a desaparición progresiva das guerrillas ou contraguerrillas. Agás no caso de Colombia e México, son marxinais. Mediante roldas de negociación cos grupos armados, páctanse importantismas reformas constitucionais, que recollen unha parte das demandas políticas dos guerrilleiros (Guatemala, O Salvador…). Permítese a incorporación á vida civil aos antigos combatentes. O prezo que se adoita pagar pola Paz é esaxeradamente caro, anque se asuma como necesario. As leis de punto final e as amnistías exclúen as investigacións sobre os crimes contra da humanidade ou limitan as responsabilidades dos executores.

O eclipse dos movementos de liberación nacional, deixa espidos de argumentacións aos militaristas que se amparaban na doutrina da Seguridade Nacional impartida na Academia das Américas de Panamá, baixo a atenda dirección do pentágono. Nesta sinistra institución se enxendraron a maioría da dictaduras do continente e se planificaron macabras operacións coma "O Plano Cóndor", no que se fraguou a sistemática eliminación dos opositores nos países do Cono Sur.

As grandes mutacións sociais acontecidas durante a década dos 90 fai medrar a esperanza no futuro. A incorporación dos acordos de paz e as podas nas polas das leis autoritarias dos vellos réximes, ocasiona unha permanente alteración dos textos constitucionais. Guatemala, O Salvador… para cumprir os acordos de paz e para dar consistencia legal as achegas das mesas negociadoras. Venezuela co seu flamante proceso normativo, que en Nicaragua aínda está en fase xerminal. Chile pretende rematar co lastre dalgúns preceptos chegados dende dictadura. Outros países están en procesos descentralizadores ou de recoñecemento dos dereitos indíxenas que tamén requiren de importantes modificacións legais.

Superada a época dos enfrontamentos armados e do autoritarismo, ábrense os camiños da reconciliación que se enchen de defensores dos dereitos humanos, quen organizados en comisións da verdade buscan o esclarecemento de responsabilidades sobre os horrendos crimes en masa.

As leis de punto final (Guatemala, Chile, Arxentina…) ou o búnker informativo dos estados ( Uruguai, Paraguai…) dificultan os traballos de investigación, pero cada vez son máis as víctimas que saen do baúl do esquecemento reclamando xustiza antes de pasar ao descanso eterno, asentando as democracias sobre bases máis sólidas.

Irrompe o indixenismo

Nos primeiros días do 2000, o Ecuador saltaba á primeira plana da actualidade internacional debido á crecente onda de protestas indíxenas contra do presidente Jasmil Mahuad. Percibíanse os aires dunha embrionaria revolución. As clases suspensas, os militares nos cuarteis, os taxistas bloqueando as cidades e as rúas cheas de manifestantes cada día.

Diversos sectores sociais alzábanse contra da xigantesca crise. Segundo dados do INEC (Instituto Nacional de Estatística do Ecuador) 1999 pechárase cunha inflación do 60,7%, quince puntos por riba da do ano anterior, a máis alta de toda América Latina. O 99 rexistrara a nefasta plusmarca da maior recesión económica do século cun "7,3%. A taxa de desemprego medrara en tres puntos ata situarse no 14,4%, especialmente grave nun país onda o 56,9% das persoas que posúen traballo fano nunha condicións de subemprego. O salario mínimo minguou dende os 83 dólares ata os 60 e a moeda oficial, o sucre, caeu polo precipicio sen fondo da depreciación. Se a comezos de ano 1 dólar equivalía a 6.902 sucres, o 30 de decembro eran precisos 20.925 para mercar o mesmo dólar. Preso da desesperación, o presidente decidiu dolarizar a economía fixando a paridade en 25.000 sucres.

Entre as diversas organizacións axitadoras sobresaía a convocatoria autónoma da poderosa CONAIE (Coordenadora Nacional Indíxena do Ecuador) desesperada polos dezaseis meses do mandato de Mahuad.

Foi a posta de largo do contexto mundial do indixenismo exemplificado na CONAIE. Non só reclamaban mellores condicións económicas, senón que demandaban unha nova articulación territorial do Estado e o recoñecemento na participación popular nun estado pluricultural.

Nunha anovadora concepción do poder, constituíron os autodenominados "Parlamentos Populares Provinciais" que deliberan e elaboran novas propostas en cada concentración. O día clave foi o 15 de Xaneiro, data na que unha magna concentración, diante do Pazo Presidencial de Carondelet, estivo a piques de converterse na primeira revolución do 2000 e o presidente da CONAIE, o indíxena Antonio Vargas, formou parte na fugaz noite victoriosa, do triunvirato que asumía o poder para tentar cumprir un antigo degoro "queremos fundar un novo Ecuador concibido baixo o punto de vista indíxena e popular…". Traizoados e co vicepresidente Gustavo Noboa inzado ao poder, só quedaban escasas palabras para un laio, "…Nunca nos entenderon".

O paso a actividade dos indíxenas do Ecuador non foi un caso illado.

A irrupción indíxena é o contrapunto equilibrante da crecente globalización despersonalizadora. Tradicionalmente formaron parte dunha endóxena cultura que se mantiña ao marxe dos modelos políticos vixentes que só se evidenciaba en forma de abstención. Como grupo máis mexido pola pobreza vai adquirindo conciencia dos seus dereitos colectivos ou do valor da súa cultura. As recentes modificacións constitucionais xa recollen en 14 países a realidade multicultural e multiétnica da América Latina. O premio Nóbel da Paz concedido a Rigoberta Menchú Tum sacou do ostracismo a penosa existencia dos pobos indíxenas. O "Cholo de Harvard", Alejandro Toledo, firme crente no libre mercado, rexeita o antigo autoodio colectivo, para reclamarse coma Cholo, é o último valor do mundo indíxena que cotiza á alza "…Agora vexo que o odio cara a nos mesmos está a desaparecer..", "¿Como se atreven a menosprezarnos se estamos orgullosos da nosa cultura?". Significativa declaración, cando nos restaurantes capitaliños peruanos chegou a rexeitarse a entrada a aqueles vestidos ao estilo tradicional.

A esquerda da globalización progresista

A caída do muro de Berlín no 89 deixou orfa de modelo de referencia a unha esquerda testemuñal que se visualizaba fragmentada. Partindo da nada, foi capaz de reformular novas alternativas de poder. Un novo liderado emerxente no continente, coñecido como a globalización progresista, é quen de xerar ideas, ser motivador, articular proxectos viables de poder, ser respectuoso coas liberdades individuais, participativo, descentralizado…

Promoven alianzas amplas e plurais para poder ser alternativas reais de goberno e azoutan sen compaixón nos partidos executores das políticas neoliberais.

Un dos polos do debate na esquerda, lidérao o Foro de Sao Paulo, que no recente cumio de febreiro en Managua e baixo o lema "A esquerda fronte ao novo século, a loita continua", concluíu que, ¡por fin!, a esquerda tiña atopado un camiño distinto.

Un dos seus líderes, o deputado da Fronte Ampla uruguaia, Carlos Baraibar, asevera "…hoxe non existen as condicións precisas para un partido de vangarda, só é posible a pluralidade de partidos, a pluralidade política, social e ideolóxica que conflúan nunha plataforma coas organizacións sociais segundo as necesidades de cada país…non existen guías, non hai modelos establecidos, senón que deberán ser constuídos entre todos os que nos opomos ao neoliberalismo, tendo a democracia coma eixo central do pensamento.".

Logo de dez anos de vida, o Foro considérase a entidade máis representativa das forzas políticas de esquerda e ofrécese como espello no que poden reflectirse os partidos progresistas europeos, para construír o papel que lle corresponde xogar no novo século.

Acollen a persoas que outrora participaron en movementos guerrilleiros (tupamaros, montoneros, FMLN, URNG…), se introducen nos movementos sociais ou populistas, se abren cara ao centro. A nova progresía aparece desligada de algúns dos dogmas vixentes durante a guerra fría. É menos intervencionista na economía e non pretende o control dos medios de producción. Dan un xiro significativo ao tradicional rexeitamento "a priori" de organismos internacionais como o FMI (Fondo Monetario Internacional), o Banco Mundial, o BID (Banco Interamericano de Desenvolvemento)…para manter unha actitude máis expectante que se matizará en cada momento "dependendo do tipo de políticas económicas que se adopten e das contrapartidas que se esixan para acceder aos recursos financeiros..sen aceptar chantaxes que lesionen os intereses populares…Compre negociar cos organismos internacionais, pelexar os mercados, pescudar no contexto internacional procesos de integración rexional adecuados".

Busca sociedades estables e seguras xuridicamente, non discute a propiedade privada, móstrase máis descentralizadora, non cuestiona a democracia a pesares de competir en condicións desvantaxosas, con poucos medios de comunicacións afíns e sen o apoio financeiro do empresariado. Compiten con enorme inferioridade.

"Na democracia prodúcense certas perversións e unha delas consiste en que os que controlan os medios de comunicación parten cunha gran vantaxe". Quen isto afirma é José Luís Sanchís no seu libro "A loita polo poder". Fundador de Sanchís&Asociados, unha consultora que ten asesorado a partidos en 70 eleccións. Agora está a traballar para Fujimori e antes levou presidencia a Banzer, Pastrana, Bucaran, Felipe González, Cavaco da Silva, contribuindo tamén, ao triunfo de J. M. Aznar.

As novas plataformas inciden no papel que ten que desenvolver o Estado coma factor de cohesión social e propugnan a mellora da sanidade, ensino, asistencia social, pensións eta.

Establecen novos temas e desafíos para a axenda do continente como o medioambiente, o desenvolvemento sostible, a defensa sen concesións dos dereitos humanos, a corrupción como factor de creba democrática, os poderes supraestatais das multinacionais, o impacto da globalización nas economías nacionais…

A irrupción da globalización progresista provoca a ruptura progresiva da tradicional e limitada alternancia democrática bipartidista entre liberais e conservadores. Irrompen novas alianzas de movementos progresistas, que acadan importantes parcelas de poder nos gobernos municipais, provinciais ou estatais , converténdose no polo alternativo do xogo democrático. Os presidentes de Chile e Arxentina chegan á máxima instancia do poder mediante plataformas electorais coma a Concertación e a Alianza, respectivamente. A nova esquerda ten suficiente forza como para gañar a capital de México co PRD (Partido Revolucionario Democrático), ser a lista máis votada nas eleccións lexislativas do Uruguai ou do Salvador co EP-FA (Encontro Progresista-Fronte Ampla), ou co FMLN (Fronte Farabundo Martí de Liberación Nacional), gobernando amais nas respectivas capitais. O MVR (Movemento Quinta República) liderado por H. Chávez esnaquizou aos partidos tradicionais. O PT brasileiro goberna diversas cidades e estados e prepara unha Alianza co PDT cara ás próximas presidenciais.

Integracións supranacionais

Iberoamérica camiña decida cara ás integracións económicas rexionais (Mercosur, Pacto Andino, Caricom, TLCAN, ALADI..), convencida das maiores posibilidades de crecemento e como articuladoras de marcos xurídicos supranacionais máis estables. Pero para aspirar a unha verdadeira cohesión territorial precísanse cartas de dereitos sociais, laborais, medioambientais…que contribúan a unha máis xusta distribución da riqueza xerada.

As potencialidades dun único bloque económico latinoamericano son cobizadas pola UE e por EUA. A proposta de asinar no ano 2005 un Acordo de Libre Cambio das América (ALCA), que sería a maior zona de libre comercio do mundo, suscita competencia entre diplomacias da UE e dos EUA. Se os Estados Unidos se afanan nos seus tradicionais aliados, a UE ten establecido acordos preferenciais co Mercosur.

A progresiva articulación continental tamén aparece na coordinación de obxectivos dos movementos alternativos que se estructuran en redes iberoamericanas: ONGs, equidade de xénero, dereitos humanos, políticos…

A incesante erupción iberoamérica non se deterá de xeito espontáneo. Mentres non se produza un mellor reparto da properidade, continuaremos asistindo como espectadores ás cíclicas convulsións dun mundo tan arredado xeograficamente, como próximo á nosa realidade, co que seguiremos mantendo estreitas relacións.