A Lusofonía a través do deporte

A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) fixa nos seus estatutos  que unha das ideas chave que dan sentido á súa figura é: “A cooperação em todos os domínios, inclusive os da educação, saúde, ciência e tecnologia, defesa, agricultura, administração pública, comunicações, justiça, segurança pública, cultura, desporto e comunicação social”.

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

A Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) fixa nos seus estatutos  que unha das ideas chave que dan sentido á súa figura é: “A cooperação em todos os domínios, inclusive os da educação, saúde, ciência e tecnologia, defesa, agricultura, administração pública, comunicações, justiça, segurança pública, cultura, desporto e comunicação social”.

Como ben reza a súa Declaração Constitutiva, consideran imperativo, entre outras cousas: “Reiterar, nesta ocasião de tão alto significado para o futuro colectivo dos seus Países, o compromisso de reforçar os laços de solidariedade e de cooperação que os unem, conjugando iniciativas para a promoção do desenvolvimento económico e social dos seus Povos e para a afirmação e divulgação cada vez maiores da Língua Portuguesa”. Desta forma, non se pode, se se quer estabelecer unha fórmula de concertación plenamente realista e ateigada de valores e ideais que impregnen ao pobo, deixar de lado dominios tan pouco valorados para a formación persoal como é o deporte.

Neste senso, a CPLP sempre foi consciente de que calquera proceso político que realmente teña coma obxectivo satisfacer as carencias e necesidades sociais, debe camiñar a carón da sociedade civil, sabendo, a cada momento escoitar as súas demandas para poder implementar medidas tendentes a garantir o benestar e gozo da cidadanía. En relación a isto, non podemos esquecer que, de partida, a educación é un valor fundamental á hora de mellorar as necesidades sociais, e é aquí onde o deporte tamén achega o seu grao de area.

É mester realzar a importancia da figura do deporte como garante de solidariedade, de confluencia e de respecto polos demais, o que empodera o espírito da cidadanía. O deporte pode xogar, de maneira mais eficaz do que a xente cre, un bo papel como axente causante de desenvolvemento, paz e achegamento intercultural.

Así é como a CPLP decidiu criar toda unha serie de acontecementos deportivos tendentes a consolidar a comuñón entre as nacións lusófonas desde a base, é dicir, a través da mocidade, e, mais unha vez, poñendo de manifesto o importante papel da lingua de Camões como canalizador do bo entendemento e cordialidade. 
Polo tanto, debemos poñer o énfase na figura do deporte como elemento xerador de riqueza tanto no nivel individual como no colectivo, ademais de tratarse dunha boa ferramenta de inclusión social ao deixar de lado calquera tipo de concepción supremacista e poñer a tódolos seus actores participantes nun plano verdadeiramente horizontal.

O deporte, aínda que normalmente é maltratado e non goza de ningún tipo de consideración, amosa unha grande capacidade de toma de valores e de formación persoal, xerando no seo de quen o practica síntomas de confianza, capacidade, superación, tolerancia ou respecto mutuo, polo que é de destacar a súa vixencia para axudar a dar forma a unha sociedade mais xusta e equitativa. Se a todo isto sumámoslle a súa poderosa capacidade para xerar riqueza en termos monetarios (a través dos eventos deportivos), atopámonos con que o deporte é un verdadeiro motor de desenvolvemento socioeconómico.

En base a estes postulados é como a CPLP decidiuse, na altura do ano de 1992, a poñer en práctica a súa própia competición deportiva interna, a imaxe e semellanza dos Xogos Olímpicos instaurados polo Comité Olímpico Internacional (COI) desde fins do século XIX, e dándolle un papel preponderante aos mozos e mozas, porque eles son a xeración do futuro da lusofonía.

Os Jogos da CPLP

Recoñecendo no deporte un factor cultural indispensable para a formación plena de calquera persoa, os “Jogos da CPLP”, como o seu nome ben indica, supoñen un evento multideportivo, fixado na Conferéncia de Ministros Responsáveis pela Juventude e Pelo Desporto da CPLP e no que compiten os deportistas de todos aqueles países que integran esta comunidade: Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné - Bissau, Moçambique, Portugal, São Tome é Príncipe e Timor Leste.

Iso si, este evento deportivo conta cunha particularidade que o diferenza de calquera outra competición deportiva do mais alto nivel: unicamente poden tomar parte nel aqueles individuos que non superen os 16 anos de idade (é unha competición Sub16). No caso do deporte adaptado, como é o caso das competicións de atletismo en pista que se levan a cabo, o listón establécese nos 20 anos (Sub20).

A súa institucionalización levouse a cabo en 1990, mediante un Acordo Multilateral de Cooperación asinado en Lisboa por Angola, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Moçambique, Portugal e São Tomé e Príncipe, na que se decidiu que o seu acollemento debía obedecer a un esquema de rotación entre os países da coalición. Polo momento,  Brasil decidiu quedarse á marxe e só participar como observador.

O obxectivo reside en fortalecer os lazos de confraternización entre os países integrantes da lusofonía, nun momento no que a CPLP comezaba a ver a luz. Por iso, o que en maior parte se divulga é o espírito de amizade e xogo limpo que sempre debe existir nas relacións interpersoais e os méritos pola vitoria déixanse nun segundo plano, obtendo, de gañar, unha medalla ou trofeo de xeito simbólico. Ademais, para fomentar o espírito deportivo sempre se concede un premio á Ética Deportiva.

O seu xurdimento a nivel competitivo tería lugar no ano 1992, cando se organizou a súa primeira edición en Lisboa (Portugal). Neste evento participaron medio milleiro de atletas procedentes de 6 países: Angola, Portugal, Guiné – Bissau, Cabo Verde, Moçambique e São Tomé e Príncipe;  en 4 modalidades deportivas distintas: fútbol, atletismo (para deficientes), baloncesto e tenis.

Posteriormente, a segunda edición transcorrería en 1995 en Bissau (capital da Guiné-Bissau), e cómpre salientar que desta vez, ningunha das dúas potencias da comunidade, Portugal e Brasil, tomaron parte na competición. En total competirían, pois, arredor duns 300 atletas nas mesmas disciplinas que na súa primeira edición. Posteriormente, en 1997 tería lugar a terceira edición en Maputo (Moçambique), onde de novo Portugal volvería a competir e novamente as nacións participantes acadarían a cifra de seis, que agruparían durante a semana de competición a 500 atletas e seguirían facendo parte do programa as tradicionais 4 modalidades deportivas que se viñan desenvolvendo.

Xa até o século XXI non se volvería a producir este evento, o cal tería lugar no ano 2002 en Praia (capital de Cabo Verde). Mais unha vez, seguirían a ser 6 as nacións participantes (Brasil seguía situándose fóra), e sobre medio milleiro de deportistas. Como novidade cómpre apuntar que a competición tenística, nesta edición non tivo lugar no programa dos xogos e foi substituída polo Voleibol de Praia. Pola súa banda, tamén se incluiría dentro do programa deportivo a modalidade de andebol.

Tres anos mais tarde, en 2005, este evento deportivo acadaría unha maior repercusión, posto que por primeira vez a República Federativa de Brasil decidiu tomar parte nos mesmos, e ademais, chegou e encheu, posto que foi o país mais laureado no medalleiro. Ademais, os participantes aumentaron até os 700 polo que esta edición transcorrida na capital de Angola, Luanda, convertíase na mais numerosa até ese momento.

Na súa sexta edición, que tivo lugar no 2008 debido a que foi adiante a solicitude feita por Brasil de adiamento até esta data por mor de que no ano 2007 era o encargado de acoller os XV Xogos Panamericanos, as delegacións participantes reuniranse en Rio de Janeiro, e un novo país subirase ao carro, e, desta maneira Timor – Leste tamén enviará o seu propio corpo de atletas, porén estes non serán quen de obter ningún metal. Pola primeira vez, o groso dos Países-Membros da CPLP sen exclusión, tomaba parte do evento. No convite reuniranse arredor de 700 atletas onde, mais unha vez a nación anfitrioa farase coas maiores cotas de gloria. Dous anos após, en 2010, terán lugar os VII Jogos da CPLP, os cales terán a súa sede, por segunda vez na historia, en Maputo (Moçambique). Novamente, o Brasil será o país que acade un maior suceso.

E, finalmente, a VIII e derradeira edición disputada até o momento será a que tivo lugar este mesmo verao de 2012 en Mafra (Portugal). Foi unha especie de edición conmemorativa posto que cumpríanse 20 anos desde que este evento vira a luz, precisamente tamén en Portugal. Nela confluíron até un total de 800 atletas, entre os que non estaban os pertencentes á delegación da Guiné-Bissau, posto que finalmente decidiron rexeitar o convite debido á súa inquietante inestabilidade socio-política que padece no nivel interno.

Como novidade probouse a incluír no programa da competición a posibilidade de que no voleibol de praia puidesen participar xoves de até 17 anos. Por último, debemos apuntar que a actividade deportiva lusófona non ten parada e para 2014 xa temos proxectada unha nova edición que discorrerá, en principio (xa se adiou varias veces que fose este país quen acollese o seu decurso, debido a unha enorme falla de infraestruturas) en São Tomé e Príncipe, o que destaca que o proceso de integración dos países da órbita lusófona é cada día mais notorio e goza de maior seriedade e fraternidade, vemos como esta concertación está deixando de lado as cuestión político – diplomáticas, para centrarse no verdadeiramente importante: os aspectos culturais e humanos.

Os Xogos Olímpicos en clave lusa

A imaxe e semellanza dos Xogos da Commonwealth ou dos Xogos da Francofonía, no seo da comunidade dos países da órbita lusófona tamén xurdiu a idea de estreitar as relacións fraternais coa escusa do deporte de alto nivel, o que está amosando un importante suceso.

Os “Jogos da Lusofonia” son un evento deportivo no que compiten deportistas profesionais provenientes daqueles países onde a lingua vehicular é o idioma português, pódese afirmar que virían sendo unha especie de Xogos Olímpicos lusófonos.

A súa orixe haina que procurar no verán de 2004, momento no que se promovería a creación da ACOLOP (Associação dos Comités Olímpicos de Língua Portuguesa ), co obxectivo fundamental de potenciar os lazos de amizade que identifican ao mundo lusófono a través da práctica deportiva, e a difusión dos valores olímpicos. Isto na altura está acadando un grande suceso posto que o COI xa lle concedeu un total respaldo á iniciativa. O seu lema organizativo é claro: “Unidos pelo desporto”, sendo os membros fundadores da ACOLOP: Angola, Brasil, Cabo Verde, Guiné -Bissau, Macau, Moçambique, Portugal, São Tomé e Príncipe, Timor-Leste, e, como membros asociados, a Guiné Equatorial, a Índia (Goa) e Sri Lanka.

Así é que os seus integrantes sitúanse na órbita daqueles países nos que a lingua oficial é o português: Brasil, Portugal, Angola, Moçambique, São Tomé e Príncipe, Guiné -Bissau, Cabo Verde, Macau e Timor - Leste. Alén da Guiné Equatorial, quen tamén faría parte do seu acto de constitución, mas en calidade de membro asociado.
Por outra parte, nos últimos tempos e, particularmente durante o ano 2006, a organización segue en auxe e adheríronse outra serie de nacións con vínculos lusófonos derivados do pasado colonial luso como membros asociados do organismo. É o caso da Índia (mediante a Associação Olímpica de Goa) e de Sri Lanka.

No noso caso concreto, a Galiza tamén ten sido convidada a formar parte deste club, mais o goberno autonómico ten recusado o convite amosando un total desprezo e desinterese por reforzar os lazos fraternais coa comunidade lusófona.

Este fenómeno supón unha boa iniciativa para alargar a cooperación e integración dunha maneira sa e lúdica, sobre os principios da igualdade, o respecto mutuo e o diálogo intercultural. Por tanto, os obxectivos elementais deste organismo son:

- Difundir o espírito olímpico;
- Utilizando como plataforma o deporte, reforzar os vínculos de cooperación e solidariedade entre a lusofonía;
- Proporcionar unha maior formación e preparación aos deportistas da lusofonía;
- Incrementar a influenza da órbita lusófona dentro do COI;
- Darlle vida a uns “Jogos da Lusofonía”;

Neste momento, esta iniciativa atópase nunha fase de grande pulo e xa teñen decorrido dúas edicións, estando as dúas seguintes totalmente programadas. Ademais, búscase implicar ao máximo a tódolos actores, de aí que a sede organizativa dos mesmos estea continuamente mudando de localización.

Desta maneira, os primeiros Jogos da Lusofonía, levaríanse a cabo no ano 2006 en Macau (rexión que á súa vez alberga a sede do organismo), co slogan “4 Continentes, 1 Língua, Unidos pelo Desporto”. A participación atinxiría a cifra de máis de 700 atletas provenientes dos 9 países fundadores da ACOLOP, mais a Índia e Sri Lanka, ficando a Guiné Equatorial á marxe polo momento, os cales durante unha semana competiron en 48 probas divididas en 8 modalidades deportivas diferentes (fútbol Sub 23, atletismo, baloncesto, futsal, taekwondo, tenis de mesa, voleibol e voleibol de praia). Pola súa banda, Brasil sería a nación que amosaría un meirande potencial, atinxindo até 57 medallas, das que 29 terían cuberta de ouro.

Posteriormente, a segunda edición deste evento deportivo tería lugar en Lisboa, á altura do ano 2009, agora si que xa van a participar até 12 países do mundo, entre os cales formarase unha delegación de até 1.500 atletas que competirán en 9 modalidades (por primeira vez o judo tamén estará presente), o que á súa vez, significará ser o evento multideportivo de maior envergadura que a nación portuguesa teña acollido en toda a súa historia. Ademais, a República do Gana e a illa das Flores (Indonésia) tamén amosaron un crecente interese por poder tomar parte dos mesmos en futuras edicións. Como acontecera na primeira edición, o Brasil, mais unha vez deixou unha fonda pegada nos mesmos, sendo o país mais laureado con 76 metais.

Se ben as dúas primeiras edicións acadaron un grande suceso, o futuro semella ser tamén certamente alentador, xa que para o ano 2013 xa hai programada unha nova edición, a cal decorrerá no estado de Goa, na India, durante o mes de novembro. Durante este novo evento, está programado que os atletas volvan a competir en 9 modalidades deportivas distintas, iso si, cunha pequena modificación: elimínase do programa o futsal e introdúcese a arte do wushu.

Debido ao seu carácter integrador e multicultural, a ACOLOP afirmou conscientemente que desexaba poder integrar  entre as súas actividades ao máximo número de identidades posibles, o que se pon de manifesto no feito de que en novembro do 2013 a terceira edición dos Jogos da Lusofonía terá lugar en Goa (India). Doutra banda, nas últimas datas do pasado verao do 2012, os integrantes da ACOLOP tamén acordaron por unanimidade e en base á súa experiencia en organización de eventos deportivos após acoller a celebración dos Xogos Africanos do 2011 (5.000 atletas, 20 modalidades), que a edición do ano 2017 terá lugar na capital de Moçambique, Maputo.

Como vemos, esta serie de iniciativas supoñen un verdadeiro impulso ao fortalecemento das relacións fraternais entre toda esta serie de países, a través do xogo limpo e da unión entre atletas, como ben rezou o logo dos segundos Jogos do ano 2009 en Lisboa,  “A União mais forte que a Vitória”, simbolizando que lonxe de ser unha batalla a vida ou morte por acadar a gloria, o básico e mais apremiante é conseguir que a lusofonía sexa a verdadeira gañadora.

En definitiva, toda esta serie de iniciativas pon de manifesto que a CPLP é consciente do numeroso poder socio-político que posúe a figura do deporte, e isto vese referendado polo retumbante suceso que están acadando os seus eventos deportivos.
A través do deporte, a CPLP, aproveitando o seu poder social e lúdico, entretece unha boa rede de amizade e de unión entre pobos fondamente afastados deixando de lado a visión competitiva e de músculo que proxecta hoxendía o mundo do deporte. Ademais, cada vez que se desenvolven estas xornadas a organización aproveita para dar luz a numerosos obradoiros de formación cultural que contribúen a consolidar a fraternidade lusófona.

A lingua é a base, mais non debe ser o único que fomente a cooperación, por iso a través da competición saudable e de carácter fraternal, conséguese unha maior e mais efectiva aproximación entre aqueles que comparten unha mesma base idiomática.