A nosa Europa non pode ser a dos Estados. Declaraba hai uns días o ministro español de Asuntos Exteriores, Josep Piqué, que "a nosa Europa non é a dos mercaderes", asumindo asi no discurso, criblemente ou non, a necesidade de visualizar unha Europa na que teñan cabida intereses diversos, plurais, orientados tanto ao económico como ao social, nesa flexibilidade xenerosa e enriquecedora que pode e debe facer medrar a Europa política, a non excluínte, a de todos, con porcentaxes abertos e evolucionables de entusiasmo e de discrepancia. Contrasta sen embargo ese talante, e mesmo diría eu que o contradi, coa teima que amosa o goberno de Aznar a propósito do papel das rexións no debate sobre a construcción europea. É unha aposta non soamente errada, senón perdida porque se trata dun problema inevitable que non se resolve prescindindo del por capricho.
Ninguén pode cuestionar que ata hoxe a Unión Europea é básicamente unha construcción de Estados soberanos, pero tampouco que na sociedade actual será difícil acadar unha Europa verdadeiramente cohesionada e próxima ao cidadán sen unha activa presencia e incorporación da dimensión rexional. O mundo actual empuxa inexorablemnente ás rexións e outras entidades subestatais a participar, en defensa dos seus itereses específicos, na formulación da política exterior dos Estados. Pretender negar esta circunstancia mentres se entonan loas á mundialización e á multiculturalidade é aprehender unha visión parcial da realidade. Que sexa un Estado plurinacional e de naturaleza autonómica como o español quen intente limitar severamente a participación europea das entidades territoriais non deixa de resultar paradoxal. Debería ser o contrario, explorando as virtudes dun modelo de relación que no contexto peninsular amosou en liñas xerais ductilidade e funcionalidade.
Na maioría dos países da Unión Europea existen, ou están en cernes, procesos de descentralización político-administrativa que poñen en mans de entidades territoriais subestatais competencias detentadas ata entón en exclusiva polos Estados. Este proceso de rexionalización é parello a outro de integración de novos Estados no seo da Comunidade. Ambos os dous procesos, lonxe de ser antagónicos, deben ser vistos como complementarios, susceptibles de potenciar unha Unión máis europea, e deben significar un cambio na actual posición das rexións dentro do entramado institucional comunitario.
Ese rexionalismo, con substractos nacionalistas ou non, é unha forza emerxente e complementaria, non rival, que pode contribuir a implementar ese obxectivo común de construcción dunha Europa máis democrática e solidaria, con ese cidadán concreto como eixe principal das súas políticas. Europa debe recoller ese impulso e abrir espacio para que as rexións poidan influir nos procesos normativos comunitarios no que atinxa ás súas competencias e intereses, dotando e consolidando aqueles órganos e foros da Unión donde están representadas directamente as colectividades rexionais europeas. Non basta cun deficiente modelo de colaboración na formación da vontade europeísta do Estado. Na Europa actual non se pode ser europeísta sen ser rexionalista. Que se discuta en Francia ten un pase, pero aquí … A aportación de Galicia nesa perspectiva, todo o diplomaticamente discreta que se queira pero necesariamente firme, pode resultar de gran valor. Vexan que estratexia máis ao caso para comezar un diálogo rico e positivo entre as principais forzas políticas do país.