A nova dimensión de Caracas

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego
 Hugo Chávez e Alexander Lukashenko, clic para aumentar
Antes de saír de Belarús o presidente venezuelano declarou: Os verdadeiros irmáns non pretenden nin colonizar, nin enganar, nin explotar, poñen por diante as satisfaccións reais dos pobos e non os intereses capitalistas hexemónicos nin de Europa nin dos Estados Unidos. (Foto: Hugo Chávez e Alexander Lukashenko en Minsk o 24 de xullo de 2006).
 

Nos últimos dous anos a diplomacia bolivariana ten mudado as súas prioridades, deixando en segundo plano o afinazamento dun bloque latinoamericano forte e autónomo, que fora priorizado no cuatrienio 2000-04, por unha nova dimensión internacional na que Venezuela pretende convertese no eixo de articulación mundial dun bloque de ruptura antiimperial.

Nesta renovada estratexia, inscribiuse a viaxe que fixera nos últimos días no mes de xullo o presidente Hugo Chávez, cando emprendeu meteórico un tour internacional que afondaba na nova dimensión das relacións exteriores venezuelanas.

Catro países… sete días, foi o titular de prensa que sintetizaba o periplo asiático. Rusia, Belarus, Quatar, Irán.

Con Rusia a nova Venezuela ten asinados 37 convenios e 2 cartas de intención, que recollen acordos polos que se adquiren 30 cazas su-30 e 53 helicópteros por valor aproximado de 3.000 millóns de dólares. Tamén se fixaba a participación da compañía de Tuberías de Rusia (TMK) no proxecto do Gasoduto do sur, que pretende artellar unha rede se subministro de gas dende Venezuela, pasando por Brasil ata Arxentina e Uruguai, na que finalmente se ten integrado a Bolivia, país que no mes de febreiro cualificaba o proxecto como un delirio imposible. Os acordos Venezuela-Rusia van máis alá dunha mera relación económica bilateral. Chávez os inclúe dentro da tenaz articulación do nova dimensión antiimperial: "Grazas á firmeza do presidente Putin, temos derrubado o intento do imperio por desarmar a Venezuela. Eles lanzan bombas contra de Iraq, e logo nos critican por comprar armas defensivas".

En Belarús, cun dos proscritos máis significados do círculos ortodoxos da diplomacia occidental, non só norteamericana, Alexander Lukashenko, non se chegou a asinar declaración conxunta algunha, pero se asinaron memorandos de entendemento sobre consultas políticas e acordos en materia militar, ciencia e tecnoloxía, petroquímica e agricultura.

Doha foi a escala intermedia, na que se afianzaba a prioridade enerxética sobre a político-militar, que caracterizou o resto do periplo. Da quinta visita a Qatar, so quedou un acordo para evitar a dobre tributación e un convenio de colaboración nos servizos aéreos.

Cousa ben diferente, en intensidade e tensión, tivo a vista visita a Teherán, que ven de devolver en Caracas o presidente Mahmoud Ahmadinejab. Cando a diplomacia europea trata de mediar no conflito sobre o uso da enerxía nuclear, que tensiona as relacións EEUU-Irán, Chávez declara "Sempre apoiaremos ao goberno iraní", afirmación que sería finalmente inscrita na nova dimensión internacional da política internacional bolivariana: "A historia ten demostrado que se permanecemos unidos poderemos resistir e vencer ao imperialismo".

Mentres Chávez se encamiña cara a súa reconsolidación presidencial, previa ratificación nas urnas nas eleccións do 3 de decembro, coa incógnita interior por definir sobre cales serán as grandes liñas da "revolución dentro da revolución" que anuncia para o novo período…, semellan moito máis diáfanas as liñas de política exterior e a dirección escollida, aínda que pretenda ter dimensión infinita nos seus obxectivos finais.

As liñas de política exterior que se debuxan dende Caracas, non só diverxen progresivamente das que marca o "imperio"… tampouco se moven en paralelo coas que se trazan dende Europa, das que diverxe progresivamente, e, mesmo, comezan a resultar incómodas, nalgunhas capitais latinoamericanas coas que se mantiñan estreitas relacións.

Afirmar que os atentados do 11-S foron autoimpulsados ou permitidos por EEUU, negarse a recoñecer ao presidente designado pola corte electoral mexicana, Felipe Calderón, ou aliñarse explicitamente con Alexander Lukashenko ou Mahmoud Ahmadinejab, comeza a ser unha migraña insoportable para moitas das chancelerías occidentais, e motivo de alonxamento no que atinxe á política exterior, nalgúns países veciños.

Non sería de estrañar que, en moi breve prazo, comezasen a mover ficha certos países europeos, entre os que estaría o Estado español, tratando de reaxustar as relacións bilaterais, e mesmo aos seus principais interlocutores.