A CEI (Comunidade de Estados Independentes) foi concibida por Rusia como un instrumento para evitar a perda de influenza no seu "estranxeiro próximo", é dicir, no antigo espazo ex soviético, coa excepción das repúblicas bálticas que, sen necesidade de que ninguén as empuxara, nada máis Gorbachov permitirlles a libre expresión das súas aspiracións, optaron por virar as costas a Moscova.
Hoxe, a CEI, atravesa a peor crise dende a súa fundación, en 1991. Os seus integrantes semellan máis divididos ca nunca e o soño ruso de reinar sen discrepancias parece destinado a fenecer de todo, paradoxalmente nas mans de Vladimir Putin, quen vaticinara o seu rexurdir, mesmo pola forza de ser preciso.
Na xuntanza que reuniu a finais de agosto aos doce países membros desta organización na milenaria cidade de Kazan (Tatarstán), a disgregación ofrecía síntomas máis que evidentes. As sucesivas revolucións operadas en Xeorxia (2003), en Ucraína (2004) e en Kirguizistán (2005), facilitaron a emerxencia de novos poderes que están decididos a plantar cara a Putin. Para o Kremlin, os cambios políticos operados na rexión nos tres últimos anos co impulso de grandes movementos populares, levan o inconfundible selo da influenza occidental, e poderían estenderse a outros Estados, como Belarús ou Uzbequistán. Se esa tendencia se confirma, poderían medrar os díscolos dispostos a dar mostras de independencia respecto a Moscova.
Recomposición xeopolítica inacabada
O equilibrio de forzas no seo da CEI modificouse sensiblemente con novos líderes e novas orientacións, abertamente euro-atlánticas, o que equivale a cuestionar o tradicional e interesado proteccionismo que exerce Rusia sobre este grupo de países. O primeiro impulso xurdiu no cúmulo de efectos do 11S. Putin, quizais imaxinando desembarazarse por fin das queixas occidentais a propósito da represión en Chechenia, aplaudiu a máxima de Bush (ou comigo ou co terrorismo) e deu o seu visto e prace á presenza militar estadounidense no espazo ex soviético (Asia central e Xeorxia). A auténtica recomposición xeopolítica de toda a zona comezou daquela e a súa ubicación e papel na nova orde mundial, catorce anos despois da liquidación da URSS, non pode darse por rematada de todo.
Este cumio da CEI viña precedido, como é habitual, de varias reunións preparatorias pero, desta vez, con maior polémica engadida. Unha destas xuntanzas non estaba na axenda, a mantida o 12 de agosto na pequena vila xeorxiana de Borjomi polos presidentes xeorxiano e ucraíno, Mijail Shakasvili e Victor Yusenkov. Ambos os dous, cualificados de proestadounidenses polos medios rusos, facían público un convite para formalizar a creación doutra unión alternativa, unha "Comunidade Democrática", que agruparía a todos os países que aceptaban plenamente as regras de xogo occidentais, desde o Báltico ata o Mar Negro. Unha semana máis tarde, o presidente ucraíno convidaba en Crimea aos presidentes xeorxiano, polaco e lituano, para discutir a creación dunha confederación alternativa á CEI.
Os sinais de alarma para o presidente Putin non remataban aí. O ministro de economía de Ucraína, Serguei Teriokine, declaraba nesas datas que Kiev non apoiaría o proxecto ruso de crear un espazo económico común con Belarús e Kazajstán.
Pouco tardou Moscova en reaccionar como o ven facendo dende 1991 cando alguén asoma algunha queixa: ninguén debe esquecer que todos están subvencionados no seu consumo enerxético. A maior parte dos estados da antiga URSS importan petróleo e gas natural ruso a prezos preferenciais e benefícianse dun acceso privilexiado ao seu mercado. Kiev paga polo gas ruso 50 dólares por cada mil metros cúbicos, a metade do que paga a UE. Se Moscova cambia de política e suprime estes privilexios, as consecuencias económicas para Xeorxia, Moldova ou Ucraína poderían ser moi negativas.
Pero desta vez non baixaron a cerviz resignadamente. Se o Kremlin argumenta esa viraxe con aqueles países que anhelan tomar distancias de Rusia, os discrepantes lembran tamén a súa significación no control dos fluxos de transporte e nas canalizacións dos hidrocarburos. O ministro de exteriores ruso, Serguei Lavrov, nas xornadas previas ó cumio de Kazan, deixaba entrever que no futuro, as relacións entre os países integrantes da CEI deberían conducirse polas normas internacionais. Esa é a resposta á alternativa liquidacionista da CEI que Moscova interpreta como un novo intento de illar a Rusia do mundo e que tentará facer fracasar por todos medios, incluído o seu achegamento a China.
Unha lenta agonía
Conta Lois Tobío nas súas Décadas que a diferenza entre unha señora e un diplomático consiste en que a señora, cando di que non, é que pode ser, cando di que pode ser é que si, e cando di que si, é que non é señora; pola contra, o diplomático, cando di que si é que pode ser, cando di que pode ser é que non, e cando di que non, é que non é diplomático.
A de Kazan foi unha reunión moi diplomática. Ninguén quixo dicir expresamente que a CEI non tiña futuro e a maneira de dicilo foi situando a reforma da estrutura no asunto principal do conclave. Tan delicado problema permitiu constatar que os puntos de vista eran moi diferentes e que ademais agrupábanse en bloques. Nin puido haber sequera unha conferencia de prensa conxunta e todo rematou cun comunicado ós medios, lido polo propio Putin, visiblemente acalorado.
Os países do núcleo duro (e quizais tamén residual) da CEI, formado por Rusia, Belarús e Kazastán, acordaron crear un espazo económico común, que deberá garantir a continuidade da influenza, política e económica de Moscova. Ucraína, que mira cara Bruxelas, rexeitou a oferta. Putin, exhibindo a súa soberbia, fíxolle saber a Yushenkov que, con el ou sen el, a proposta iría adiante e anunciou un feixe da acordos que serían asinados proximamente polas partes. O líder da revolución laranxa vai de gañador a todas partes e confía en gañar méritos propiciando a estocada final á CEI.
Contra prognóstico, quen deu a maior sorpresa foi o presidente vitalicio de Turkmenistán, Saparmurat Niazov, quen expresou a súa intención de converterse en membro "asociado", comprometéndose a participar unicamente en actividades singulares, pero xa non en todos os mecanismos da organización. É o primeiro cambio de estatuto dende a súa creación, unha opción na que moitos outros podían estar pensando como primeiro paso para acelerar o seu esmorecemento definitivo. Pero todos os demais conviñeron en afirmar que "a CEI debe ser preservada pois aínda non esgotou todo o seu potencial", como salientou Nursultan Nazarbaiev, presidente de Kazajstán.
Recuperación económica
A peor crise da CEI chega, paradoxalmente, cando a economía comeza a presentar evidencias de recuperación. Cunha taxa media de crecemento de 7,1% en 2004, converteuse nunha das rexións mais dinámicas a escala mundial. Claro que esa cifra é enganosa, produto da previsible remontada despois da profunda recesión dos primeiros anos da transición, e favorecido tamén polos elevados prezos internacionais das materias primas, e sobre todo do petróleo, que é parte substancial da oferta exportadora dunha boa parte destes países. Unha oportunidade e unha lousa que complica a súa modernización e que facilita a confiscación dos froitos do crecemento por un reducido grupo de actores-beneficiarios, situados nas beiras do poder, e en detrimento da inmensa maioría da poboación, que sobrevive a duras penas.