Unha pantasma percorre Europa, din. Si, pero non é o fascismo. A ultradereita non é máis unha pantasma porque se ten feito bastamente corpórea; acada unha representación que rolda o 20% nos países máis céntricos -ricos- do centro -Europa-, (17% Francia; 16% Holanda; 22,5% Suíza; 20% Austria; 18% Dinamarca; 10% Bélxica; 15% Noruega), tamén en Romanía ou Hungría, na periferia do centro. Porque o "centro-dereita" no poder, comparte cadeiras ministeriais coa estremadereita; Austria, Italia, Portugal. Porque ten un representante na Convención Europea, Fini, comisionado por Berlusconi e o Papa para engadirlle a palabra Cristianismo á Constitución Europea. É soamente unha sospeita que non estea comisionado polos demais gobernos comunitarios, que lle deron o placet, para facelo: "Mellor que sexa Fini ca min".
A ultradereita non é xa un tabú. Apoiase na perversión da linguaxe política dominante. "Postcomunista" é, abofé, ex-comunista, non-comunista, pero "postfascista" é unha definición ambigua e lexitimizante; "postfascista"é non-fascista, fascista rehabilitado, respectable, un que xa saiu das tebras da marxinalidade ás luces da democracia. Unha vez no goberno, a ultradereita crea a súa neolingua, requisito indispensable a calquera rexime nacente: reforma = destrucción dos dereitos; conservación = protección dos dereitos; pobo = os meus electores; comunistas = os electores do centro-esquerda; Italia = eu, Berlusconi. E despois, reduce a complexidade, simplifícaa: "Italia leva 40 anos gobernada polos comunistas". Crenllo. Ou: "Pim Fortuyn é coma Olof Palme", porque tamén foi asasinado. Loito nacional, funerais de Estado, solidariedade de Prodi, e eliminación consensuada por tódalas forzas representativas do país da campaña eleitoral. A unha semana das elecccións lexislativas, todos coa boca pechada. O politicamente correcto é a Lei do Silencio.
A falcatruada maior da ultradereita é seren "euroescéptica", agora que xa sabemos que euroescéptico viña de Euro, non de Europa. Agora que a Comisión Europea vén de premia-lo Euro co galardón Carlomagno ós valores europeos. Premia o Diñeiro polos seus "valores"; fermoso.
A énfase nas forzas do mercado era a necesidade de recurta-lo gasto público, levada a cabo na última década por tódolos gobernos europeos, independentemente da súa cor política. O centroesquerda desculpábase: "non existe outra alternativa política posible, sentimo-lo sacrificio". Esta chave necesaria para lle dar paso ó Euro, á economía ultracapitalista chamada Globalización (nai das perversións da linguaxe), favoreceu, naturalmente, ós partidos da dereita. Eles compiten mellor e representan mellor ó novo realismo centrista: servir ós que xa están satisfeitos. Por iso hai catro anos, 13 dos 15 países da UE tiñan gobernos de centroesquerda e, por iso, arestora, son sete. Pero o mapa eleitoral europeo segue a mudar, xa mudou.
Europa é rica, riquísima, pero estase a producir unha importante perda de privilexios. Ninguén quere perder privilexios; o máis doado e mirar cara abaixo e "cazar pantasmas". A dos inmigrantes, a da inseguridade cidadá, a do 11 de Setembro, a da perda da identidade, a do Islam. A pantasma da Unión Europea, espectro coitado que percorre o mundo acariñando o ombreiro, aberta e francamente ultradereitista, do presidente norteamericano. Un espectro que mata vacas e quema hortas, que abre as portas ós "romaneses", pero sobre o que todos son impotentes para exerce-lo control democrático.
Finalmente, o sentido do sistema representativo, da democracia, no amencer do s.XXI. Poder dicir Non, xa que os Jospirac/Chirospen, o centro-esquerda e a dereita, quedaron sen outra estratexia que a adaptación ás circunstancias. "Esquerda e dereita son o mesmo", outra simplificación da realidade.
"Perda da inocencia", din en Holanda. "Incrible" en Francia. ¿Quen vota ós Le Pen, Bossi, Haider, Fortuyn, etc?. "Xitanos si, pero non no meu edificio. Tampouco no do lado"; "Centro de Desintoxicación, Eroscenter… no monte"; "inmigrantes sí, pero nós primeiro".
Unha Europa de dereitas contra a que non serve a resistencia, que é para os derradeiros días dos reximes, non para os primeiros. Cómpre que volva a Política.