"En Venezuela pasamos dunha dictadura en forma de democracia, con Hugo Chávez, a unha democracia en forma de dictadura con Carmona Estanga". Así se expresaba o Instituto Demoscópico Cirm-eurotop para cualificar a situación, nun estudio electotral feito público, a escasas horas de terse producido o Golpe, recollido con xenerosidade tipográfica nos principais medios de comunicación venezolanos.
Tratar de entender o enfrontamento social existente en Venezuela require asumir que as lóxicas da representación democrática están crebadas por argumentos tan extravagantes como os esgrimidos no parágrafo anterior. Un mundo do revés.
Dende hai un mes, os medios de comunicación que tan activamente participaron na preparación do 11-A, teñen posto o pé no acelerador sen rebaixar a tensión. Dedícanlle prioridade en titulares e cobertura ás declaracións dos golpistas, ás acusacións dos implicados dirixidas contra de Hugo Chávez, as peticións de liberdade para o dictador Carmona feitas dende a patronal Fedecámaras. Ocultan as cifras reais das manifestacións de apoio ao actual goberno…
Os corenta e cinco días transcorridos serviron, só para repousar, parcialmente, algunhas das turbias implicacións no golpe e aclarar o acontecido.
Nun extenso relatorio, publicado en cinco entregas, baixo o título "Factores de Poder", escrito pola xornalista Patricia Poleo, quen participou activamente tanto nas tramas previas como nas 48 horas do golpe, é minuciosamente clarificador sobre a participación dos diferentes axentes venezolanos: Exército, Fedecámaras (patronal), medios de cominación, CTV (Central de Traballadores de Venezuela), Igrexa… na elaboración, preparación e consumación do golpe a Chávez.
Todos estaban de acordo en manobrar activamente para retirar a Hugo Chávez da presidencia. As disputas estratéxicas viñeron sobre o "modus opernandi". Para Carmona, a patronal da Fedecámaras ou o xoven magnate Isaac Pérez Recao non cumpría reparar nas formas. Para o resto dos conspiradores o plan debería gardas as aparencias. Un golpe que non parecese un golpe.
Pretendían provocar a renuncia de Chávez e conseguir unha nova maioría parlamentaria, que sumase deputados chavistas conversos ao novo réxime, que abalase un goberno de ampla base social, que tivese un pronto recoñecemento diplomático e o apoio xeneroso das institucións financeiras internacionais.
As desconfianzas internas, a fractura patronal-CTV, as mesquiñas ambicións dos implicados "magnificamente relatadas no artigo de Patricia Poleo" deron ao traste coa cohesión do movemento opositor. A mesma Patricia Poleo é citada polo xornalista Francisco Olivares (El Universal 27/04/2002) como parte activa no breve interregno de Pedro Carmona. "Antes da xura dos ministros, prevista para o sábado día 13, tivo lugar una reunión dos máis importantes medios de comunicación do país co presidente interino. A esta cita tamén acudiu a xornalista Patricia Poleo, a quen Carmona lle ofreceu a dirección da Oficina Central de Información (OCI), pero axiña esta proposta foi rexeitada por Alberto Fedrico Ravell, quen en nome dos grandes grupos donos de medios presentes en Miraflores, manifestou que o candidato proposto e aceptado por todos era Fernán Arias".
Non relata a xornalista, por estar situada entre o 11 e o 14 de abril da outra banda da legalidade democrática: a represión policial durante o goberno Carmona, as execucións sumarísimas, a magnitude da manifestacións de apoio a Chávez, etc. Tampouco cita as ramificacións internacionais na preparación da caída do presidente venezolano.
EEUU financiou, a través da Fundación Nacional para a Democracia, dependente do Congreso, a grupos norteamericanos e venezolanos opostos ao presidente Hugo Chávez con centos de milleiros de dólares (Clarín 26/04/2002).
A Oficina de Dereitos Humanos do Departamento de Estado está a investigar se algúns dos beneficiarios pola doazón de 877.000 dólares estiveron especialmente activos no complot contra Chávez.
Dende a portavocía do Departamento de Estado, Richard Boucher (El Universal 26/04/2002), desmentiu o financiamento dos golpistas, pero confirmou a existencia de subvencións á democracia "Estase a preparar unha doazón dun millón de dólares para iniciativas de promoción da democracia no país… que irán a Venezuela en apoio da sociedade civil, do xornalismo, do sindicalismo, do adestramento democrático e dese tipo de cousas".
Precisamente foron estes sectores, que ocuparon o baleiro que deixado polos desprestixiados partidos políticos, os participaron activamente nas manobras desestabilizadores. Moitos deles aínda teiman na mesma estratexia.
Para os críticos da fundación, esta serve de cobertura a actividades que escapan ao control da política diplomática oficial ou para abalar a determinadas opcións electorais que interesan á política exterior norteamericana.
Parte destes cartos serviron para pagar as viaxes dos líderes da oposición venezolana a Washington, nos meses previos ao golpe.
As acusacións que pesan sobre a mariña dos EEUU (The Guardian 29/04/2002) lanzounas o ex-axente dos servicios secretos da armada estadounidense Wayne Madsen. Segundo afirma, desde xuño do 2001 EEUU, barallaba a posibilidade dun golpe de estado para depoñer a Hugo Chávez.
A misión dos barcos estacionados na zona era a de interferir as comunicacións do goberno venezolano e a de permanecer en estado de alerta por se fose preciso evacuar cidadáns estadounidenses. Esta información foi corroborada polo xeneral da forza aérea venezolana, Ángel Valecillos, ao asegurar que dispón de informes da presencia, en augas internacionais fronteirizas co país caribeño, dun buque e dúas aeronaves dos EEUU.
O mesmo xornal londiniense sinala que o Congresista Roger Rondon sinala como directamente implicados no golpe ao embaixador en Venezuela, Charles Shapiro e aos coroneis, asesores militares, James Roger e Ronald Mc Cammon que permaneceron na sede do estado maior do exército e central operativa dos golpistas, Forte Tiuna.
Esta información foi inicialmente negada polo voceiro do Departamento de Estado Richard Boucher, ao asegurar que os militares endexamais saíran do seu automóbil e que a súa presencia na zona obedecía ao interese por saber o que aconcontecía no lugar. Cando houbo constancia documental da presencia dos coroneis no interior, a administración norteamericana mudou a versión incial para asegurar que se desprazaran ao Forte Tiuna para demandar información dos cambios políticos que se estaban a producir no país.
Na edición latinoamérica do semanario Newsweek (citado Le Monde 24/04/2002) se informaba sobre a intención da Comisión de Asuntos Estranxeiros, presidida polo demócrata Joseph Biden, de pedir a urxente desclasificación dos documentos oficiais sobre os contactos entre responsables políticos norteamericanos e os líderes golpistas.
Seguramente a Casa Branca tería preferido a deposición de Chávez por vías recubertas de legalidade. "É mellor que lle digas a Carmona que isto ten que ser constitucional". Este fragmento da conversa entre Otto Reich (adxunto á secretaría de estado para as Américas) e o embaixador Shapiro, feito público polo xornal El Nuevo Herald, expresa a maior simpatía dos norteamericanos pola saída propugnada dende unha das fraccións da oposición interior. Pero isto non impediu que ao día seguinte do golpe, desde Washington a Conselleira de Seguridade Nacional, Condolenzza Rice, manifestase en nome da Administración estadounidense "Hugo Chávez é o culpable do acontecido en Venezuela e da súa caída. Felicito ás Forzas Armadas Venezolanas por telo destituído". ¿Só se avalaba unha saída de aparencia constitucional ou todas eran válidas?
Outras ramificación deste golpe sen fronteiras apuntan, sen ter, ata agora, documentación probatoria ningunha, cara ao Goberno Colombiano ou cara aos servicios secretos israelitas.
O manifesto entusiasmo da goberno español durante os dous días do golpe, máis semella ser máis producto do reverencial seguidismo, que o gabinete do Presidente Aznar e o Ministro Piqué presta á política exterior de George W. Bus, que unha proba da súa implicación nos preparativos do golpe.
Coa súa volta, Chávez continuará a ser un presidente incómodo, tal como se evidenciou durante a Cimeira América Latina-Unión Europea (17-5-2002). Este presidente, pouco dotado para as artes da diplomacia, espetou "Mentres os presidentes imos de cimeira en cimeira sen avantar ren, os nosos pobos van de abismo en abismo".
Pode que o líder da Replública bolivariana sexa un obstáculo para a rebaixa dos prezos do petróleo que se conseguiría sacando a Venezuela da OPEP, tal como pretendía o goberno Carmona. É máis, se froitifica a proposta da comisión parlamentaria brasileira, que se desprazou a Caracas para expresar o seu apoio a democracia e o seu presidente, de constituír unha Asociación entre Petróleos de Venezuela SA (PDVSA) e Petróleos Brasileiros (Petrobras) se creará un novo poder económico latinoamericano que escapa ás tutelas de Washington.
Quizais o panorama político de América Latina mude substancialmente, para maior disgusto da Casa Branca, se en outubro gaña Inacio de Lula as eleccións brasileiras.
Poderemos concluír, que as ramificacións internacionais deste golpe sen fronteiras están anoréxicas. Pero no interior as cousas non mudaron excesivamenete dende o terremoto do 11 de abril. O presidente Hugo Chávez e o seu goberno manteñen a súa disposición ao diálogo, exprésanse nun vocabulario menos provocador, rebaixaron o ton da crispación. Están obrigados recompoñer os apoios no goberno, no exército e no parlamento. As feridas máis difíciles de curar están nas propias filas do chavismo, onde aínda non cicatrizaron as traicións coñecidas durante o golpe.
Cousa semellante acontece coa postura da igrexa, máis proclive a xogar un papel de concordia nesta nova fase post-golpista.
O resto dos sectores implicados nas desestabilizacións, seguen coa estratexia de tensionar a fractura social coa esperanza de tombar un goberno aínda fráxil.
Actúan publicamente como se Venezuela vivise nunha dictadura con aparencia democrática.
No plano político, a debilidade tamén alcanza á oposición. O 12 de maio formalizaron unha alianza política contra do presidente Chávez. Fixan como obxectivo a saída do fiscal xeneral do país Isaías Rodríguez e do Vicepresidente José Vicente Rangel. Ambos, situados do arriscado bando da legalidade democrática durante o golpe e son acusados dos sanguentos acontecementos do 11-A. Nada piden para os artífices da breve dictadura, para os executores da represión dos días 12 e 13, para os colaboradores na fracasada intentona. Na coalición están presente os vellos partidos desprestixiados do puntofijismo, AD e Copei (Socialdemócratas e socialcristianos), xunto co PV (Proxecto Venezuela), ABP (Alianza Bravo Pueblo), PJ (Primeiro Xustiza) Unión (Unión para o progreso) e a CTV (Confederación de Traballadores de Venezuela) de Carlos Ortega.
Tamén se marcan como obxectivo introducir unha reforma constitucional que posibilite un referendo para revalidar a continuidade de Chávez á fronte do país.
Teñen demasiada presa. O tempo, as presións internacionais e as investigacións en curso, xogan na súa contra.