Afganistán: Drogas contra Democracia

Apartados xeográficos Asia ARQUIVO
Idiomas Galego

Este martes a Comisión Europea aumentou a súa axuda para a preparación das eleccións afganas con 8 millóns de euros adicionais ó proxecto de rexistro de electores dirixido polas Nacións Unidas. O acordo de Bonn, resultado da primeira conferencia para un “novo Afganistán” a finais de 2001, formulou a celebración de eleccións lexítimas como un dos pasos máis importantes no plan dun futuro democrático para Afganistán. ¿Pero, é posible que un país, controlado polo cultivo de drogas e determinado pola ausencia dun estado capaz de controla-lo territorio, desenvolva unha democracia segundo o tradicional modelo europeo?

Coa aprobación da constitución pola Loya Jirga o 4 de xaneiro de 2004, a primeira tarefa do acordo de Bonn foi realizada. Da a impresión, por primeira vez dende hai varias décadas, de que Afganistán ten a oportunidade de deixa-la súa historia de guerra e opresión e construír unha nación democrática e pacífica. En Kabul, a infraestructura se está recuperando; moitos refuxiados puideron regresar ás súas casas; comezou o proceso de desarmamento e reintegración; constrúense hospitais e escolas e a inscrición de alumnos, sobre todo de nenas, aumenta como nunca antes na historia do país.

Desafortunadamente, a situación na capital, onde as tropas internacionais xunto ás forzas afganas tentan manter un mínimo de seguridade, non representa a situación no resto do país. A inestabilidade en moitas rexións de Afganistán, provocada tanto polos actos terroristas como por tódalas diversas formas da criminalidade por pobreza e mailo tráfico de drogas, diminúe a eficacia das medidas tomadas para aumenta-lo nivel de seguridade. Fóra de Kabul, sobre todo no sur do país, as forzas internacionais están perdendo a pouca influencia que tiñan, sobre todo polo relaxamento no control ós brutais señores da guerra e da droga.

En Afganistán atópanse tódalas problemáticas que existen entre a seguridade, as drogas e a democracia. Obviamente, o problema da falla de seguridade está vencellado ó problema das drogas: o cultivo dos opiáceos; o narcotráfico, historicamente un fenómeno recente, e o diñeiro que axuda a financia-la maioría das actividades ilegais, representan gran parte da economía afgana. Afganistán segue sendo o maior productor mundial de opio, os seus cultivos xeran tres cuartas partes da sustancia utilizada para a producción de heroína no mundo.

O comisario de Asuntos Exteriores da Unión Europea, Chris Patten falou da súa preocupación pola seguridade no país á volta dunha viaxe a Afganistán xunto ós ministros de Asuntos Exteriores de Irlanda e Holanda. Porque o problema da falla de seguridade tamén afecta á tarefa principal do proceso de Berlín para este ano, a celebración de eleccións lexítimas e a preparación destas eleccións. Pero o efecto é moito máis grande do que a Unión Europea quere admitir. A Unión investiu moito diñeiro na preparación das eleccións, sobre todo no rexistro dos electores. Pero o plan da celebración destas eleccións está en perigo, como advertiu recentemente a mesma ONU. A credibilidade do goberno Karzai está a diminuír pola inseguridade reinante e a lenta marcha do proceso de reconstrucción. Hai un mes, a ONU pediulles ás forzas militares estranxeiras que se concentrasen na busca de opio, porque toda a economía do país dependía do tráfico ilegal de drogas. Un 90 por cento da heroína consumida en Europa provén do opio afgán. Así se explica a inmensa preocupación da Unión polas fronteiras afganas e o financiamento do control da fronteira afgana-iraniana para reduci-lo narcotráfico.

O plan da comunidade internacional de implantar “a democracia” a un país, cunha historia política que non ten nada que ver co noso entendemento da democracia, semella irrealizable. Afganistán posúe máis tradición no cultivo de opio que nun sistema político desenvolvido hai 400 años en Europa. Por iso é moi dubidoso que estas ideas duns países “avanzados”, que por certo son responsables da demanda de droga, sexan útiles para un tal proceso de paz e estabilidade en Afganistán.

O problema é moito máis complexo que a busca dos Talibáns, obxectivo principal dos Estados Unidos, ou que a celebración dunhas eleccións supostamente democráticas. Porque tralos problemas de Afganistán subxace o problema da droga: a miseria dos labregos que se adican ó cultivo da droga porque non poden acceder á axuda internacional a pesar de que se sabe que un 80% da poboación afgana depende do sector agrícola. A incapacidade do goberno, ó que se lle impuxo controlar todo o territorio afgán, facilita o narcotráfico. E o verdadeiro poder sobre o país non está nas mans do goberno de Hamid Karzai, senón das dos que controlan o tráfico de drogas e os recursos económicos do país.