Crise política en Haití

As protestas contra o Goberno de Jean-Bertrand Aristide foronse radicalizando ata provocar numerosos mortos nas últimas semanas. A primeiros de febreiro, o opositor Frente de Resistencia Revolucionaria de Artibonite ocupou Gonaïves, cuarta cidade do país. Outra ducia de localidades caeron en mans dun fato de heteroxéneos grupos rebeldes que reclaman a destitución do Presidente. O Goberno, que dende 1994 non dispón de exército, recuperou o control sobre 3 localidades e evitou a propagación de revoltas mobilizando aos seus 5.000 efectivos policiais e a grupos armados pro-gobernamentais, pero dista moito de ter controlada a situación.

As reclamacións da oposición se remontan ás eleccións presidenciais e lexislativas de 2000 que deron o poder a Aristide e que foron cualificadas de fraude polos observadores internacionais. Dende entón, as negociacións emprendidas entre a oposición e representantes gobernamentais no seo da OEA e o CARICOM non produciron resultados concretos. A situación se agravou nos últimos tempos debido a tres factores principais. Primeiro, pola complicada situación económica do país máis pobre de América (80% baixo o limiar da pobreza, 5% portadores da SIDA, e un dos maiores índices de mortandade do mundo), que se agravou a raíz do efecto que as acusacións de fraude electoral produciron nos organismos donantes, inversores externos, e no clima empresarial interno. En segundo lugar, polo cambio de bando do Frente de Resistencia Revolucionaria de Artibonite, antigo "Exército caníbal", que dadas as sospeitas sobre a implicación do Goberno no asasinato do seu líder, en setembro de 2003 decidiu unirse á oposición. En terceiro e último lugar, polo baleiro institucional que provoca dende o ano pasado a falta de renovación do poder lexislativo, e que obriga a gobernar por decretos, dado que se continúa á espera de que Aristide fixe unha data para a celebración de novas eleccións lexislativas.

Elixido en 1990, trala era dos Duvalier, derrocado por un cuartelazo ó seguinte ano, e "restablecido" en 1994 pola intervención militar dos EEUU, Aristide gañou pouco a pouco o fastío do seu pobo, e unha coalición de 184 partidos, sindicatos e grupos civís esixe agora a súa renuncia. A impresión dos observadores é que a oposición non ten moito interese na solución negociada proposta pola Comunidade de Países do Caribe (CARICOM), aceptada, en principio por Aristide: excarceramento de opositores, desarme das bandas oficialistas e liberdade de manifestación. Pero os mesmos analistas tamén aseguran que o seu relevo nada asegura, porque na alianza opositora conviven demócratas, non demócratas e, agora, mesmo caníbales.

En cuestión de tres anos, o réxime de Aristide volveu a deparar tristes récords: arrestos arbitrarios pola policía paralela do presidente, 150 execucións sumarias en dous meses, ducias de mortos por enfrontamentos entre leais ao presidente e a oposición, restricción da liberdade de expresión, asasinatos de periodistas e un longo etcétera volven a debuxar un panorama de desesperanza. A renuncia dun presidente que fora no seu tempo o "cura dos pobres" e a implicación activa na crise da poderosa Igrexa católica, poderían sela clave para imaxinar unha saída democrática á actual crise.