"Europa é un exemplo para nós: amosa que é posible combinar democracia, mercados, e cohesión social". Esta impresión, expresada polo presidente chileno, Ricardo Lagos, foi publicamente compartida polo conxunto de mandatarios de América Latina e Caribe que asistiron a pasada fin de semana, 17-18 de maio, ó II Cumio coa Unión Europea, celebrado en Madrid baixo a presidencia española da Unión. Común é, tamén, a referencia á España de principios dos oitenta e ás rápidas mudanzas operadas na sociedade española. A Transición aínda continúa para Latinoamérica.
Nembargantes, e malia ser durante longo tempo percibido como o continente das graves desordes económicas e políticas, América Latina presentábase en 1997 como unha zona enormemente prometedora e dinámica. A UE sentáse dous anos máis tarde, por fin, á mesma mesa con América Latina e Caribe. Pero dende ese primeiro e prometedor encontro xeral ata o de agora, os desastres económicos teñense superposto na zona con gran velocidade e virulencia. Dende a crise asiática á crise arxentina -esaxeración da recesión mundial-, a progresión das desigualdades e da inseguridade vén minando as bases da feble democracia latinoamericana e, así, o descreto fai verosímil a aparición dos outsiders da política, se ben, dada a conxuntura internacional, que bate forte no subcontinente, non necesariamente ó estilo Chávez.
A Unión, foco de prosperidade e organización, é considerada coma un socio estabilizador, agresivo na defensa comercial, pero non abertamente dirixista, como podería se-lo inserimento no ALCA de paternidade norteamericana, esbozado no futuro. Máis importante que todo iso, é percibida coma "benefactora". Pero estragan a súa diagnose os mandatarios de América Latina e Caribe que esperan engadi-la palabra "social" ós acordos económicos e políticos coa UE. A política comunitaria para con eles é, agora coma antes, parte da política exterior comercial, cun engadido á democratización, garante do libre comercio. É tamén, dependendo das circunstancias, unha política debedora das roldas de negociación na Organización Mundial do Comercio -OMC-.
A política arancelaria e de subvencións ó agrícola comunitaria seguirá sendo un escollo duradeiro para as relacións co conxunto latinoamericano; non están nin sequera en vías de arranxo co Mercosur, afastado dos temas deste Cumio.
Totalmente satisfactorio é o acordo comercial con México, e de éxito pódese definir o principio de sinatura do acordo con Chile, se ben establecido hai dous anos. Un acordo bo para todos, e particularmente para España.
Foi, con todo, omnipresente o tema da loita contra o terrorismo, esgrimido pola presidencia española dende a apertura coma unha das chaves das negociacións. Queda por dilucidar se esta é a estratexia axeitada para encher de contidos o que Europa cualifica, asimesmo, de "alianza estratéxica". Resta tamén a sombra aludida polo presidente de Colombia, Andrés Pastrana: "mentres exista pobreza, os ricos non terán paz". Cómpre insistir que estas peticións por engadi-lo social ó político e económico nos acordos non están hoxe na axenda comunitaria, pese ás demandas de Cardoso ou Chávez, ou as diversas manifestacións que percorreron Madrid, centro e periferia, esta fin de semana.