20090418 porto espanha v cumio americas 02

Américas

 V Cumio das Américas; clic para aumentar
América Latina camiña por si mesma. Os líderes latinoamericanos de hoxe teñen ideas propias e non semellan dispostos a deixarse engatusar doadamente como en tempos pasados cando Washington facía e desfacía ao seu antollo na rexión. Aquel dominio rematou. América Latina debuxa outros camiños e alternativas e EEUU deberá esforzarse para participar neles e nese contexto facer valer, pacíficamente, os seus intereses.
 

No cumio das Américas de días atrás produciuse a constatación de dous importantes cambios. Primeiro, o rexistrado en EEUU. A presidencia de Obama, quizais tímida pero expresamente, está a virar o rumbo dos tempos da administración Bush, unha viraxe que retrotrae a Washington á era Clinton pero que, polo momento, non vai máis alá. E nese sentido, quédalle aínda moito por facer para conseguir mellorar a deteriorada imaxe mundial de EEUU e gañarse con soltura a unhas sociedades que arelan outra coexistencia co xigante do norte. Segundo, que América Latina camiña por si mesma. Os líderes latinoamericanos de hoxe teñen ideas propias e non semellan dispostos a deixarse engatusar doadamente como en tempos pasados cando Washington facía e desfacía ao seu antollo na rexión. Aquel dominio rematou. América Latina debuxa outros camiños e alternativas e EEUU deberá esforzarse para participar neles e nese contexto facer valer, pacíficamente, os seus intereses.

Nos temas fundamentais da axenda rexional, á hora de abordar a crise financeira, EEUU debe estar á altura e demostralo con feitos e compromisos concretos. China, aínda que a gran distancia, vaille pisando os talóns. O recente ingreso de Pequín no Banco Interamericano de Desenvolvemento evidencia o incremento da súa presenza e influencia na zona. Rusia tamén aspira a recuperar posicións, ofrecendo ás capitais latinoamericanas un abano de opcións cooperativas que favorece a formación de novos equilibrios. Por outra banda, nas intencións do goberno estadounidense cara Cuba, a posición de América Latina é dunha unanimidade e contundencia descoñecida ata hoxe, e Washington debera actuar con máis decisión acelerando o paso dese gradualismo iniciado para evitar o simple risco do illamento. O indicador do cambio en Washington mídese en America Latina en función da actitude a manter con Cuba.

Se EEUU quere seguir contando en América Latina ten que mudar conceptos e comportamentos. De pouco val que sigamos abundando nas estratexias de comunicación que tanto insisten en presentarnos as bondades rupturistas de Obama con Bush se detrás non hai evidencias concretas dun cambio efectivo que incida no desenvolvemento e integración da rexión por vías consensuadas e non impostas. Do contrario, a significación de EEUU para América Latina seguirá evolucionando á baixa.