O actual presidente francés, o conservador Jacques Chirac, e o ultradereitista Jean-Marie Le Pen, se disputarán a victoria nas eleccións presidenciais ao lograr o 19,67 e o 17,02 por cento dos votos, respectivamente, na primeira volta celebrada o domingo, causando un profundo seísmo na vida política gala e europea. Chirac, de 69 anos, e Le Pen, de 73 anos, disputarán a segunda volta o próximo 5 de maio. É a primeira vez na historia que un ultradereitista pasa á segunda volta das eleccións presidenciais.
O primeiro ministro, o socialista Lionel Jospin, foi eliminado da carreira ao Elíseo ao ocupar o terceiro lugar cun 16,07 por cento dos votos emitidos. Entre os restantes candidatos, unicamente catro obtiveron máis do 5 por cento dos votos: o conservador François Bayrou (6,89); o trostkista Arlette Laguiller (5,77); o centroesquerda Jean-Pierre Chevenement (5,36) e o ecoloxista Noel Mamere (5,27).
O trunfo de Le Pen asegura case ao cen por cen que Chirac será o gañador da segunda volta, xa que os votantes de esquerdas se inclinarán pola dereita para evitar que a ultradereita se faga co poder. As últimas enquisas anunciaban un elevado nivel de indecisos (41 por cento) e un tercio deles anticipara a súa intención de absterse. Ambos prognósticos favoreceron o ascenso da ultradereita.
Non obstante, o descalabro da esquerda tradicional, tanto do Partido Socialista como do Partido Comunista (Robert Hue acadou un 3,41 por cento, por detrás do activista dos cazadores Jean Saint-Josse, que obtivo un 4,38 por cento), obrigará a repensar boa parte do discurso e da práctica política no país veciño, con consecuencias inevitables para todo o continente. Pese a implementar unha acción política de signo progresista en numerosas materias, tanto de política interna como exterior, o votante de esquerdas, moi fragmentado, semella valorar como insuficiente e negativa a tibieza política fronte aos procesos de mundialización, a inexistencia dun discurso suficientemente alternativo nun contexto internacional especialmente adverso. Jospin non conseguiu transmitir credibilidade a un electorado cada vez máis desafectado ante a ambigüidade.
A polarización experimentada semella urxir unha máis clara delimitación dos contidos de cada opción fuxindo da búsqueda do anhelado centro nun tempo en que se vislumbra a necesidade de erguer firmes valados de contención contra o trunfo dun discurso comprensivo coa deriva inhumana do planeta e unha práctica formalmente progresista pero demasiado próxima en numerosos aspectos ó discurso conservador. Os guiños sociais de Jospin non calaron o suficiente nun universo electoral desencantado, confuso e desmobilizado.
O desconcerto provocado, semellante ao producido recentemente en Portugal (derrota do PS, baixa do PCP, ascenso do Bloco de Esquerdas), anticipa quizáis o principio dunha recomposición política que urxe o reencontro cos valores tradicionais da esquerda, plural pero belixerante co sistema imperante, máis participativa na xestión democrática e xeradora dun cambio de coordenadas máis visible. En Francia, o voto trostkista acaparou un total do 10,53 por cento e o ecoloxismo, un 7,16.
Segundo a Constitución francesa, o presidente ten a prerrogativa de nomear o primeiro ministro, presidir o Consello de ministros e disolver a Asemblea Nacional. Tamén é o comandante das forzas armadas. Nun referendo celebrado en setembro de 2000, decidiuse reducir o mandato da presidencia de sete a cinco anos. O novo presidente rematará o seu mandato en maio de 2007.