As crises ambientais da China

China prestou pouca atención ás cuestións ambientais durante décadas, optando por dar prioridade ao desenvolvemento económico, xerando así numerosos conflitos socio-ambientais.

O xigante asiático é xa a terceira potencia económica do planeta e este mesmo ano, ou ao sumo en 2010, podería incluso superar a Xapón, cun lustro de adianto sobre o inicialmente previsto por numerosos observadores cualificados (1). O resultado desta espiral de crecemento foi unha importante redución do número de persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza e a progresiva aparición dunha clase media. Pero o crecemento tamén alentou as desigualdades e os desequilibrios que aumentaron de forma igualmente espectacular, o que está na orixe de importantes “incidentes de masas” (quntixing shijian) e no deterioro galopante do ambiente.

A dimensión do problema

As eivas ambientais de China son o resultado de décadas de forte desenvolvemento en beneficio dos individuos pero a costa da natureza. Globalmente, a situación de China en materia ambiental é moi delicada, segundo reflicten os indicadores propios e internacionais: un estudo gobernamental publicado pola axencia Xinhua sitúa a China na posición 100 entre un total de 118 países desenvolvidos ou en vías de desenvolvemento en materia de modernización ecolóxica (2). O dominio máis afectado é, sen dúbida,  a auga, incluíndo lagoas, ríos e as zonas costeiras. Estimase que máis do 70% das lagoas e ríos están contaminados e que, ao menos, 320 millóns de campesiños non teñen acceso a auga potable, mentres 440 cidades están insuficientemente abastecidas das que 110 pasan penurias graves, segundo sinalou o ministro de recursos hídricos, Wang Shucheng. (3)

A contaminación atmosférica é tamén moi importante. Segundo a SEPA (State Environmental Protection Administration), a calidade do aire en case a metade das cidades é media ou mala, en razón das partículas en suspensión provenientes da polución urbana. Nas cidades de máis dun millón de habitantes, o dióxido de xofre, SO2, é un dos máis importantes contaminantes. China é o máis grande emisor mundial de SO2, o cal ocasiona chuvias ácidas con frecuencia. (4).

Os accidentes relacionados coa polución non son escasos. En novembro de 2005, a contaminación con benceno do río Amur, orixinou un conflito diplomático con Rusia; a forte contaminación da lagoa Taihu, a terceira máis grande da China, deixou a dous millóns de habitantes da cidade de Wuxi sen auga durante semanas en 2007. Por só citar dous casos de transcendencia mediática internacional.

A contaminación tamén inflúe sobre a saúde: segundo un informe do Banco Mundial e da propia SEPA, é responsable, cada ano, de .000 mortes prematuras (5). O alarmismo que se desprendía deste informe motivou a censura parcial do mesmo por parte do goberno chinés. Só en Pequín, do 70 ao 80% dos cancros mortais están relacionados co medio ambiente. O cancro de pulmón é a primeira causa de mortaldade, sinala o informe.

A contaminación da auga e do aire en magnitudes tan elevadas supón un custe económico cifrado entre o 8 e o 15% do PIB (produtos agrícolas inservibles polas chuvias ácidas, gastos médicos, axuda ás vitimas dos desastres naturais cada vez mais frecuentes e custosos…). (6)

Por outra banda, a superficie arable en China está en constante retroceso. A desertificación e a erosión fan que as tempestades de area sexan correntes na capital chinesa, alcanzando Seúl e Tokio dende 2001.

A cuestión da degradación ambiental está estreitamente relacionada cos hábitos de consumo enerxético: o 70% da enerxía primaria do país procede do carbón e o 25% é satisfeita con petróleo.

A resposta oficial

Os problemas ambientais da China están menos ligados a dificultades técnicas, orzamentarias ou prácticas, e obedecen, prioritariamente, a causas estruturais, derivadas das propias insuficiencias do sistema e das hipotecas da súa reforma. Non obstante, cabe sinalar que no curso das tres últimas décadas, a política ambiental da China evolucionou considerablemente en materia de capacitación e de savoir faire científico e xurídico, permitindo a configuración dun marco regulamentario mínimo, a creación de grupos de expertos e o afondamento dos intercambios co exterior.

No discurso promovido polo Partido Comunista da China (PCCh), o concepto de “desenvolvemento científico”, kexue fazhan, busca equilibrar o desenvolvemento económico cos custes humanos e naturais. Este concepto foi elevado a rango de doutrina e integrado en todos os niveis do Estado (7). A nova visión do desenvolvemento apóiase no impulso das novas tecnoloxías, o aforro enerxético xerado pola transformación da estrutura industrial e pola redución da intensidade enerxética, a educación social e o reforzo do papel do Estado na elección dos investimentos. Trátase, ante todo, de mellorar a eficacia enerxética do país, modificando gradualmente a estrutura económica –pasando da industria manufactureira contaminante e gran consumidora de enerxía á industria de servizos-, substituíndo equipos obsoletos e introducindo tecnoloxías máis eficientes.

As cuestións da protección ambiental e do cambio climático forman parte hoxe da retórica oficial de Pequín. Entre as prioridades da folla de ruta do goberno no XI Plan Quinquenal (2006-2010) figuran obxectivos como a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro, ou a eficiencia enerxética –cunha redución prevista do 20%-e as economías que a acompañan. Pero o primeiro segue sendo a seguridade enerxética e despois a seguridade climática. ¿Como evoluciona a transformación da retórica en política concreta? Segundo a propia SEPA, as cifras de emisión de SO2 e de demanda de osixeno químico, crecían en 2006 un 1,8% e 1,2%, respectivamente, cando o obxectivo era reducilos cada un nun 2%. (8) É difícil realizar un cambio tan profundo a tanta velocidade.

O goberno chinés semella comprender a necesidade de prestar maior atención a esta problemática tanto para evitar os disturbios sociais como para mellorar a saúde da poboación, diminuír as perdas económicas e asegurar un crecemento máis sostible. Por outra banda, preocupase igualmente pola necesidade de preservar e mellorar a imaxe do país ante o mundo, se ben discute máis sobre o impacto do cambio climático sobre o propio país que de China sobre o clima mundial, e no eido internacional cústalle ceder na defensa dos seus intereses unilaterais para facelos compatibles e conciliables cos intereses multilaterais. China parte do principio de soberanía e do dereito a dispoñer dos seus recursos naturais sen inxerencias externas, outorgando a primeira prioridade ao crecemento e lembrando que os países primeiramente industrializados teñen unha responsabilidade histórica innegable na situación actual. Non obstante, a vontade política declarada non atopa sobre o terreo, ao menos polo momento, os efectos desexados. Un dos maiores problemas radica na inhibición activa das autoridades territoriais.

A debilidade dos actores gobernamentais encargados da cuestión ambiental permítelles competir malamente cos intereses industriais. O impulso político e administrativo empregado é insuficiente para implicar verdadeiramente aos poderes locais e industriais. Se a iniciativa política non é promovida dende as máis altas instancias, a causa ambiental dispón de escasas posibilidades de saír adiante.

A SEPA dispón de rango ministerial dende 1998 e ven sendo o principal instrumento institucional para encarar os desafíos ambientais, desenvolvendo un importante labor en materia de elaboración de leis e directivas, realización de estudos de impacto dos grandes proxectos industriais e é responsable de levar á práctica os mecanismos de control e protección, ademais de promover campañas de inspección. A nivel local funcionan os Servizos de Protección Ambiental cunha dependencia compartida entre os gobernos territoriais e a SEPA. O número total de efectivos rolda os 60.000, cifra estimada insuficiente para afrontar tan amplo cometido nun país das dimensións da China.

Resultados, resistencias, presións e expectativas

Os limites á acción da SEPA proveñen do seu afastamento das fontes dos problemas, o cal obriga aos Servizos Locais a asumir maiores responsabilidades, pero estes deben afrontar obstáculos políticos e sociais derivados da súa falta de independencia e da concepción recadatoria que converte as multas por contaminar nunha fonte de financiamento par aos gobernos locais sen que a contaminación diminúa. Ademais, moitas empresas contaminantes gozan da protección das autoridades locais que nos últimos anos alentaron o sobreinvestimento e a fragmentación da estrutura industrial.

A progresión das emisións de GEI en China sitúase preto do 4% anual entre 1994 e 2004. En 1950 emitía o 1,13% mundial. En 2004, o 15%. Segundo as estimacións da Axencia Internacional da Enerxía podería ser do 28% en 2030 (9). O aumento da poboación constitúe o factor indirecto máis importante para explicar esta forte progresión e mais en xeral a degradación absoluta do medio ambiente en China. A política natalista de Mao a finais dos 50, supuxo un aumento exponencial da poboación: mais de 750 millóns de persoas suplementarias en relación ao primeiro censo de 1953. Aínda que cada chinés emite, por término medio, tres veces menos CO2 que os habitantes dos países da OCDE, o seu peso demográfico obriga  a ter en conta outras consideracións para estimar o impacto das emisión sobre o clima mundial.

China enfronta unha degradación moi seria do seu medio ambiente. Na lei sobre enerxías renovables, que entrou en vigor o 1 de xaneiro de 2006, fixa o obxectivo de reducir a dependencia do carbón para situala por debaixo do 60% (hoxe arredor do 74%), ademais de limitar a utilización do petróleo que agudiza a súa dependencia exterior, de xeito que as enerxías renovables (incluíndo aquí a nuclear e a hidráulica) supoñan o 30% dos recursos enerxéticos en 2030. O goberno tamén publicou un Plan Nacional sobre o cambio climático en 2007. China é o pais en vías de desenvolvemento que máis está facendo para reducir o consumo de enerxía, pero moitas provincias se resisten a respectar os obxectivos fixados polo goberno central.

A gran incógnita consiste en saber se o  goberno será quen de manter a presión sobre as autoridades locais para lograr que deixen de facer oídos xordos e de financiar a construción de fábricas en sectores con capacidades produtivas xa excedentarias. E se China será capaz de transformar tan rapidamente o modelo de crecemento existente e evolucionar cara unha economía mais sostible.

Pequín ambiciona multiplicar por catro o PIB en 2020. Nese contexto, en boa lóxica, a demanda de enerxía debería ir en aumento. Por outra banda, a poboación chinesa seguirá aumentando ata 2030. Nos próximos 30 anos, uns 400 millóns de campesiños trasladaranse ás cidades, co conseguinte incremento do consumo. A demanda enerxética do uso residencial, que representa xa o 11% da demanda total –a segunda despois da industria-, medrará considerablemente nos próximos anos.

Os desafíos ambientais da China supoñen, pois, un dilema que unicamente pode resolverse apostando por un modelo de desenvolvemento sostible, pero non lle queda outra que implementalo mantendo unha taxa de crecemento elevada para garantir a  estabilidade social. Velaí a complexa e crítica conxuntura que debe resolver.

Xulio Ríos é director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) e do Observatorio da Política Chinesa.

 

CITAS

  1. Banque Mondiale, Rapport sur le developpment du monde 1998-99, Oxford, Oxford University Press, 1999.
  2. Citado en AFP, 28 de xaneiro de 2007: a clasificación estableceuse a partires dunha trintena de indicadores.
  3. Axencia Xinhua, 12 de xuño de 2007.
  4. Xianggang dajiyuan shibao, 6 de xullo de 2007
  5. The World Bank e SEPA, Cost of pollution in China: economic estimates of physical damages, 2007, 151.
  6. Declaracións de Pan Yue, director adxunto da SEPA ao semanario Der Spiegel, 7 de marzo de 2005.
  7. Joseph Fewsmith, Promoting the Scientific Development Concept, China Leadership Monitor, nº 11, 2004.
  8. Xinhua, 18 de xaneiro de 2007.
  9. International Energy Agency, World Energy Outlook 2006, París, 2006.

 

O papel da sociedade

Na súa estratexia, o goberno di apelar á sociedade civil ambiental. As ONGs ambientais existen en China dende 1994. Non teñen un papel de oposición ou de vixilancia en relación ao poder central, senón que cooperan coas institucións gobernamentais para sensibilizar e informar á sociedade, organizar campañas de limpeza e captar recursos aproveitando as súas relacións coas organizacións do exterior. (1)

A mobilización da opinión pública é un elemento fundamental para vencer a sensación de impotencia que domina a percepción da degradación severa do medio ambiente neste país. Pero a sociedade chinesa permanece na súa maioría ausente das iniciativas nesta materia.

En China hai dous tipos de ONGs no eido ecolóxico: as creadas dende arriba e as impulsadas dende abaixo, chamadas caogen. Estas últimas organízanse como un lobby sen fins de lucro que defende o benestar público. Unhas xorden co impulso exterior, froito da cooperación internacional, e outras dende dentro, apoiándose nas organizacións ecoloxistas e coa utilización de Internet. A presenza de ONGs ambientais internacionais en China, cos seus contactos, capacidades e vastas redes permitiu promover campañas con incidencia pública e gobernamental.

Socialmente, as ONGs chinesas son criticadas polo seu entusiasmo desbordante pero tamén inmaturo ao non contar con competencias suficientes, circunstancia agravada polos limites legais á súa acción, e as dificultades financeiras que deben superar.

(1) Jonathan Schwartz, Environmental NGOs in China: roles and limits, art. Cit. Guobin Yang, Environmental NGOs and Institutional Dynamics in China, The China Quarterly nº 181, 2005, p. 46-66.

SINOPSE

China encara un grave desafío ambiental. O goberno está a dar respostas, pero atopa grandes dificultades para a súa implementación práctica dado o baixo nivel de conciencia existente tanto na sociedade como noutros dominios da política pública, en especial no eido local. A aposta por un desenvolvemento científico e pola evolución cara un modelo de desenvolvemento sostible incorpora a lóxica ambiental como un valor irrenunciable que rifa coas esixencias dun elevado crecemento para manter a estabilidade social. Esa difícil ecuación deixa abertas grandes incógnitas para o futuro ambiental chinés.

Cinco palabras-chave: China, ambiente, sostibilidade, desenvolvemento, SEPA

Tres links:
http://www.greengo.cn
http://english.sepa.gov.cn/
http://www.politica-china.org