20071130 praia cabo verde vista aerea

Cabo Verde: cada vez máis chinesa?

 Vista aérea de A Praia, Cabo Verde; clic para aumentar
Do 28 a 30 de maio pasados, celebrouse en Praia o “IV Encontro de Empresarios para a Cooperación Económica e Comercial”, que tivo como tema “Cabo Verde como Plataforma para Trading e Serviços” e contou coa participación de empresarios e autoridades de diversos países, tales como China, Portugal, Brasil, Mozambique, Guiné-Bissau e Angola. (Foto: Vista aérea de A Praia, capital de Cabo Verde).
 

Os trocos comerciais entre China e os países de fala portuguesa incrementáronse nos últimos anos. China e estes países definiron a finais do ano 2006 a consecución de intercambios comerciais globais por valor de 50.000 millóns de dólares como meta para o 2009, obxectivo que será traspasado en 2008.

Neste apartado, e por mor da súa posición xeográfica, Cabo Verde xoga un papel importante para China dentro dos países que forman parte da comunidade lusófona con respecto ao comercio tanto de mercancías como de pasaxeiros.

China e Cabo Verde estableceron relacións en 1976, labor que continúan hoxe cunha serie de intercambios diplomáticos consolidados. A actividade da poboación chinesa na illa (segunda en tamaño despois da portuguesa) comezou con pequenos negocios privados e o seu éxito chamou a atención doutros inversores máis grandes e do propio goberno chinés, abrindo o camiño para unha relación de maior calado.

A pesar da carencia de recursos naturais coma o petróleo, China optou por manter aquí unha presenza continua para que o seu rival, a República de China ou Taiwán, non rivalice en protagonismo nos negocios.

As vantaxes caboverdianas

O “Foro de Cooperación Económica e Comercial entre China e os Países de Lingua Portuguesa” naceu dun acordo asinado en Macau en 2003. Neste foro resaltouse a importancia das illas caboverdianas na mellora das relacións entre China e África, ademais dos continentes europeo e americano. Habida conta que o arquipélago sitúase nunca posición privilexiada para o comercio e as comunicacións entre os tres continentes, Cabo Verde sería unha plataforma de mediación entre eles baseada no transporte de mercancías e pasaxeiros.

Ata agora, os produtos chineses chegaban ás illas por medio doutros países, pero poderían comezar a chegar directamente sen necesidade de intermediación algunha. Do 28 a 30 de maio pasados, celebrouse en Praia o “IV Encontro de Empresarios para a Cooperación Económica e Comercial”, que tivo como tema “Cabo Verde como Plataforma para Trading e Serviços” e contou coa participación de empresarios e autoridades de diversos países, tales como China, Portugal, Brasil, Mozambique, Guiné-Bissau e Angola.

Outro elemento a ter en conta nas relacións entre Cabo Verde e China é a consolidación, dende 2007, do arquipélago como forte candidato para a instauración dunha zona económica especial na illa de São Vicente, grazas á boa calidade das súas infraestruturas, en boa parte resultado do investimento chinés. Zambia e Mauritania xa pertencen a este colectivo escollido polos chineses e Tanzania, Liberia e Nixeria compiten co arquipélago.

Desta maneira, Cabo Verde conseguiría investimentos chineses en diversos sectores, tales como industria e turismo. Na Feira Internacional de Turismo de Beijing ““BITE-, Cabo Verde participou co obxectivo de atraer turistas e inversores chineses, obtendo o estatuto de destino turístico da China, o cal permite que os cidadáns chineses viaxen masivamente sen necesidade de visado de saída. Calcúlase que China será, en 2020, o cuarto maior mercado emisor turístico mundial.

O xigante asiático orientou as súas inversións ás infraestruturas caboverdianas, especialmente o edificio do parlamento, o palacio de goberno e o primeiro encoro do país. O presidente chinés, Hu Jintao, prometía contribuír a mellorar a industria e proporcionar emprego.

Sen embargo, tanto a creación destas zonas económicas como os investimetos de China, son vistas por algúns sectores con certo escepticismo e mesmo cualificados como unha nova forma de colonialismo xa que estas empresas gozan de baixas taxas e obrigas.

Medindo as duras consecuencias

Poderían resaltarse dúas consecuencias negativas da presenza dos negocios chineses en Cabo Verde. A primeira, a degradación dos dereitos laborais que provoca as malas condicións de traballo (longas xornadas, salarios baixos, etc.). Os gobernos respectivos deberían afrontar a súa responsabilidade para que os negocios estranxeiros cumpran coa regulación vixente, coidando dos seus intereses, e mais tomando en conta que, a diferenza dos países africanos, China ten unha política exterior definida para este continente.

A segunda consecuencia negativa sería a ruína que provoca esta masiva presenza comercial chinesa nos negocios locais, que ven mermada a súa actividade e as súas ganancias por causa dos negocios chineses que lanzan ao mercado produtos que son ben recibidos pola poboación debido aos baixos prezos.

Non obstante, neste aspecto, China non é un caso illado en África. Tamén Estados Unidos e Europa aproveitan a febleza africana para facer caso omiso das leis internacionais que protexen os dereitos laborais e outros dereitos humanos. Séculos de dominio mellorando, como moito, a paso de tartaruga.