No IGADI Annual Report 2021-2022
capa page 0001

As inequidades no acceso ao dereito ao refuxio. Un chanzo máis na xerarquía das mobilidades

A recente invasión da Ucraína, que retumba ao tempo que escribo estas notas, está a provocar unha vaga de refuxio que, como xa acontecera en 2015 coa chegada de persoas sirias ás costas europeas, volve colocar enriba da mesa a cuestión de como estamos a coidar da protección dun dereito que atende a un momento de máxima vulnerabilidade da vida humana e que debe supoñer unha solidariedade internacional inmediata e sen ambaxes: o dereito ao refuxio.

Resulta obvio que a acollida das persoas que foxen de guerras e conflitos, que sofren persecución, ou que viven en territorios onde non existe garantía de respecto dos seus dereitos humanos, non precisa necesariamente dun marco legal para desenvolverse. A organización rápida da sociedade en torno a iniciativas de corte sociocomunitario ante situacións de conflito impresiona sempre nestas circunstancias e ocupa portadas e titulares nos medios, mais na verdade apunta á superioridade da resposta social á hora de canalizar de maneira inmediata a empatía da que, habitualmente, están máis faltas as respostas institucionais. Contamos no mundo con relevantes exemplos de Estados e territorios que non teñen asumido ningunha forma de compromiso legal nin institucional coa cuestión do asilo e que, con todo, son grandes acolledores de poboación refuxiada. O caso do Líbano é, neste sentido, un exemplo esclarecedor. Trátase dun pais que, como boa parte do resto da rexión de Oriente Medio, non ten subscrito ningún mecanismo de protección legal á poboación que procura refuxio. Porén, conta con un millón e medio de refuxiados/as procedentes de Siria e case medio millón de Palestina, o que representa máis do 20% da poboación total do país.

Sen embargo, non deixa de ser tamén certo que, de non existir ningunha forma de recoñecemento legal no Estado ao que se acode na procura de protección, isto é, de non acompañar a resposta institucional, a acollida destas persoas e comunidades se desenvolve en condicións extremadamente precarias e inseguras, o que non fai máis que reforzar a vulnerabilidade de partida. É por isto que resulta tan relevante que o proceso de deixar un país nas circunstancias que vimos de comentar e a acollida noutro se realice nun marco no que medien dereitos para quen abandona seu país mais tamén deberes para os Estados que amparan; o que non acontece ata mediados do pasado século, en que certos países se conciencian acerca dos desastres producidos tras da II Guerra Mundial e se articulan en torno ás Nacións Unidas.

Así, o recoñecemento no artigo 18 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948 do dereito ao refuxio como un dereito humano (“En caso de persecución, toda persoa ten dereito a buscar asilo e a desfrutar del en calquera país”) e a aprobación, en xullo de 1951, da Convención sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas, veñen ser os piares fundacionais dun sistema de protección internacional que nace baixo a aspiración de protexer as vidas humanas en situacións de conflito e persecución política. Porén, o sistema nace xa viciado e lastrado, pois nun primeiro momento xa establece unha única categoría de potenciais beneficiarios/as dese dereito: as vítimas da II Guerra Mundial no continente europeo. Así pois, o primeiro dereito ao refuxio é só un dereito recoñecido para unha pequena porción da humanidade e por unha única casuística, a guerra.

A partir de aquí, os avances en materia da protección legal internacional a quen procura asilo terán que se producir limando esta matriz eurocéntrica fundacional con vistas a expandir o rango xeográfico de acción, mais tamén as razóns polas que se outorga a protección. Neste senso, un dos progresos máis notables virá da man do Protocolo sobre o Estatuto das Persoas Refuxiadas de 1967, que levanta as barreiras xeográficas e temporais do dereito ao asilo. Desde este momento iranse adherindo progresivamente máis e máis países no mundo a estas ferramentas baixo a aspiración de protexer as vidas humanas alí onde sexan postas en perigo. Na actualidade, son 147 os Estados signatarios dos dous instrumentos, Convención e Estatuto. O Estado español adhire a este sistema en 1978.

Asemade, entidades de corte supranacional como a Unión Europea teñen a capacidade de artellar mecanismos para regular certos aspectos do dereito o asilo para todo os seus Estados Membros. Isto estase a producir de man dun instrumento que se coñece como os Acordos de Dublín e que xa durante a anterior crise de refuxio de 2015 deixaron probada a súa rixidez e ineficacia e a súa submisión ás políticas de control das fronteiras exteriores e aos vaivéns restritivos con este dereito dalgúns dos Estados membros.

Porén, non son principalmente barreiras legais as que limitan e restrinxen o acceso ao refuxio, senón máis ben as xerarquías e as preferencias políticas por quen merece máis e antes ese estatuto. Así, a directiva de protección temporal europea que vén de activarse para facilitar o refuxio ucraíno está en vigor desde o ano 2001, polo que puido ter sido aplicada xa na crise de 2015, como demandaban naquela altura numerosas entidades que traballan no ámbito. No canto de facer isto, optouse por asinar un vergoñento acordo con Turquía para que exercese de muro de contención e descargase das obrigas de acollida aos Estados europeos.

Nun Estado como o español que no ano 2020 (últimos datos dispoñibles de acordo ao informe “Asilo en cifras” do Ministerio do Interior) tivo case 90.000 solicitudes de protección internacional e poucas máis de 4.000 concesións, esta vía rápida comunitaria ao refuxio ucraíno, unha desde logo razoable medida para atender as consecuencias humanas da invasión, está a constituír tamén unha forma de destapar as costuras das que está feita a consideración eurocéntrica das vítimas merecentes e das indignas.