ESTE ARTIGO FAI PARTE DO IGADI ANNUAL REPORT 2022-2023 “GLOBALIZACIÓN E MULTIPOLARIDADE EN TEMPOS DE GUERRA”
agenda2030

Axenda 2030 e Diásporas

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou en setembro de 2015 a Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible. Este documento consta de 17 obxectivos (ODS), que intentan abordar as causas da pobreza e as desigualdades, e mais 169 metas complementarias que pretenden acadar as dimensións do desenvolvemento sostible: económica, social e ambiental. No establecemento deste documento plásmanse tres principios reitores que guiarán todas as accións referidas á migración dentro da Axenda 2030: a universalidade, a inclusión e a asociación, e deixa escrito que a súa aplicabilidade alude a todos os países con independencia do seu estado de desenvolvemento e a todas as poboacións móbiles (persoas refuxiadas, desprazadas e migrantes).

Dende a adopción da Axenda 2030 e o posterior establecemento en 2018 do Pacto Mundial para a Migración Segura, Ordenada e Regular (PMM), xestionáronse no ámbito global constantes avances en termos de gobernanza e desenvolvemento da migración multilateral. Porén, durante o ano 2022, moitas accións que estiveran pausadas durante dous anos debido á pandemia da Covid-19 finalmente viron a luz.

Este é o caso do Cume Global da Diáspora (CGD), que se levou a cabo na cidade de Dublín no mes de abril de 2022. Estivo organizado pola Organización Internacional para as Migracións (OIM), referente internacional en mobilidade humana e organismo coordinador da Rede da ONU sobre a Migración, en colaboración co Goberno de Irlanda e con outros Estados participantes. Neste cumio, convocouse a todas as partes para traballar nos alcances que se obtiveron sobre o Obxectivo 19 do PMM que insta os Estados a “crear condicións para que as persoas migrantes e as diásporas contribúan plenamente ao desenvolvemento sostible en todos os países”.

Este evento inaugurou por primeira vez na historia unha xuntanza internacional dedicada ás diásporas, coa finalidade de unir esforzos entre os gobernos e as organizacións transnacionais. Deste xeito, poderase desenvolver unha visión colaborativa que comprometa as comunidades de referencia transnacional como axentes de desenvolvemento sostible a través do diálogo e do fortalecemento das redes de acción, tanto en países de orixe como de destino.

Como resposta, xorde a Declaración de Dublín; esta resulta ser un innovador e significativo instrumento que evidencia a importancia do traballo no vínculo transnacional entre as diásporas e os gobernos implicados.

A declaración é un manifesto en forma de folla de ruta para que as organizacións da diáspora institucionalicen os resultados do cume a través do establecemento de catro eixes constitutivos da diáspora: capital económico, capital humano, capital financeiro, capital social. Estes capitais deben identificarse e despois reflectirse nas políticas e nos programas que xeren asociacións entre sectores en diferentes ámbitos de goberno para crear oportunidades que inclúan solucións, intereses e potencialidades da diáspora.

O fortalecemento das comunidades transnacionais é unha condición esencial para unha sociedade global máis inclusiva que permita un mellor e maior acceso ás oportunidades, independentemente do lugar de orixe ou de destino. Por iso, para as persoas que traballamos na esfera migratoria, resulta ser unha prioridade o feito de termos en conta a importancia da Axenda 2030 para abordar a migración dende a dialéctica presente entre as persoas migrantes e o desenvolvemento, posto que recoñece por primeira vez no ámbito internacional o nexo explícito entre ambos os conceptos. Ademais, declara que as persoas migrantes son “axentes do desenvolvemento”.

Dentro dos principios da Axenda 2030 existen dous que cobran especial relevancia para as diásporas nos vindeiros anos:

• o principio de universalidade para promover a colaboración internacional e avanzar cara a unha gobernanza mundial migratoria. Esta deberá estar sustentada en alianzas globais, para recoñecer a contribución positiva que pode ter a migración no desenvolvemento intersectorial.

• o principio de inclusión subscribe a idea de “non deixar ninguén atrás” para considerar as persoas migrantes e a migración en todos os aspectos da Axenda 2030 e identificar as persoas refuxiadas, as desprazadas internas e as migrantes como vulnerables, ás que se debe apoderar e cuxas necesidades deben de abordarse.

Existe unha referencia central á migración e á súa vinculación cos factores que actúan como impulsores de desprazamento na Meta 10.7 que insta a “facilitar a migración e a mobilidade ordenada, segura, regular e responsable das persoas, incluso mediante a aplicación de políticas migratorias planificadas e ben xestionadas”. Un exemplo deste punto foi o fenómeno da crise migratoria de 2015, onde a afluencia repentina e masiva de persoas refuxiadas e desprazadas colapsou o sistema de asilo europeo e xerou dificultades no eido internacional. Non debemos subestimar a importancia que ten a migración para a redución da pobreza nas comunidades de orixe e de destino; resulta imprescindible a inclusión das diásporas na planificación gobernamental intersectorial.

Neste sentido, hai varios elementos que permiten avanzar no vínculo coas diásporas: un deles son as remesas que, en si mesmo, constitúen un factor de desenvolvemento para as persoas migrantes, os seus fogares e os países involucrados no seu tránsito migracional, que está vinculado coa Meta 17.3 “Mobilizar recursos financeiros adicionais de múltiples fontes para os países en desenvolvemento”. Hai moitos elementos para afianzar as redes transnacionais da diáspora a través de investimentos, filantropía e outros tipos de financiamento que poden aproveitarse para o desenvolvemento intersectorial e mellorar así a saúde, a educación, o emprego, a industria e a infraestrutura.

Como último punto, debemos comprender que moitas persoas integrantes das diásporas tamén posúen tránsitos de retorno para regresar aos seus lugares de orixe ou para volver a vencellarse dende o exterior a través de espazos relevantes no ámbito global, producindo transferencias de coñecementos e capacidades ás súas comunidades con efectos moi positivos. Un exemplo disto manifestouse durante a pandemia da Covid-19, que serviu como estudo para demostrar o rol activo que exerceron as diásporas e os seus referentes transnacionais na axuda humanitaria, o apoderamento en cuestións de xénero e a transferencia de coñecementos e de recursos sanitarios deslocalizados. Deste xeito, amosouse a importancia de consolidar estas redes a través do fortalecemento da Axenda 2030.

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2022-2023 “Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra”, que podes descarregar aquí.