Análise das oportunidades de expansión económica exterior de Galicia cara os Países de Lingua Portuguesa (CPLP)
Mapa CPLP

As relacións económicas e comerciais de Galicia cos países da CPLP

Á vista dos datos, e tendo en conta a oportunidade que a Lei Paz Andrade e a Lei de Acción Exterior supoñen para a actividade económica galega no exterior, existen aínda unha serie de tarefas pendentes nas relacións comerciais galegas cos países da CPLP.

O presente artigo nace co obxectivo de contribuír á análise das oportunidades de expansión económica exterior de Galicia, poñendo para iso o foco na conexión comercial coa comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). A CPLP é unha organización internacional formada por países lusófonos, cuxo obxectivo é o “afondamento da amizade mutua e da cooperación entre os seus membros”. De acordo co Ministerio de Relacións Exteriores do Brasil, a poboación dos países membros da CPLP suma aproximadamente 270 millóns de persoas (Angola, Brasil, Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique, Portugal, São Tomé e Príncipe e Timor-Leste).

A nivel comercial e no período 2016-2021 as principais exportacións galegas foron os materiais de transporte -case un terzo do total (30,12%)-, seguidas polo sector téxtil que supuxo algo máis dunha quinta parte do total de vendas ao exterior (22,56%). A continuación situábanse outras actividades como a exportación de animais vivos (8,31%), metais comúns (7,38%) e produtos industriais alimenticios (4,31%). No referido ás importacións galegas destacaban as de materiais de transporte (27,22% do total), as de produtos minerais (14,21%) e as de animais vivos (11,83%). Cun peso algo menor cabería subliñar a compra de metais comúns (9,67%) e de materiais téxtiles (9,66%). Tanto as exportacións como as importacións viñan aumentando neste período en case todos os produtos, agás para os materiais téxtiles no segundo caso.

No que se refire ás principais relacións comerciais galegas con países da CPLP, estas veñen tendo lugar, por orde de importancia en canto a volume de negocio, con Portugal e Brasil. O máis destacable nas relacións comerciais con estes dous países durante as dúas últimas décadas é o descenso do peso relativo das exportacións galegas, como consecuencia da diversificación dos mercados de destino. Estas vendas ao exterior supoñían un 17,55% do total galego en 2000, pero caeron ata o 13,37% en 2021. Pola súa banda, o peso das importacións destes países mantivo valores máis estables entre todo o período 2000-2021, movéndose aproximadamente entre o 9%-14%. A pesar disto, a crise de 2008 supuxo un punto de inflexión que conduciu a unha estabilización dalgúns dos valores 

En canto aos restantes países que conforman a CPLP, o volume de negocio con Galicia foi moito menor que no caso dos dous países anteriores. Un dato significativo a nivel empresarial:  case o 70% das empresas galegas que exportan a países da CPLP facíano a Portugal. Mentres, o 12,13% das empresas vendían a Brasil, o 6,58% a Guinea Ecuatorial, o 6,21% a Cabo Verde, o 3,07% a Angola, o 1,48% a Mozambique e o 0,82% a Guinea Bissau. En canto a volume de exportacións, as vendas estatais aos restantes países da CPLP (sen incluír Portugal nin Brasil) supuñan só o 2,62% do valor das exportacións a Portugal. Con todo, e cos últimos datos dispoñibles, o valor medio das exportacións por empresa galega ao conxunto de países da CPLP foi de 1,9 millóns de euros, existindo disparidade entre os valores observados para Portugal (2,38 millóns de euros) e Angola (1,05 millóns) e os restantes destinos (Brasil e Mozambique arredor de 0,5 millóns de euros, Cabo Verde e Mozambique preto de 0,15 millóns e Guinea Bissau con menor importancia).

Á vista dos datos, e tendo en conta a oportunidade que a Lei Paz Andrade e a Lei de Acción Exterior supoñen para a actividade económica galega no exterior, existen aínda unha serie de tarefas pendentes nas relacións comerciais galegas cos países da CPLP. Estas tarefas abranguen tanto a consolidación das relacións comercias xa establecidas –fundamentalmente con Portugal e Brasil- a través dos produtos que tradicionalmente exporta a Comunidade Autónoma, até á diversificación en produtos –aproveitando a comercialización das innovacións obtidas no territorio- e cara mercados menos explorados pero atractivos. Neste último aspecto, Angola, Cabo Verde, Guinea Bissau e Mozambique presentan unha interesante potencialidade tendo en conta a especialización produtiva galega no sector do turismo, enerxético, medioambiental, biotecnolóxico e automobilístico fundamentalmente.