Artigo publicado orixinalmente na Revista ECO, xuño 2023
IGADI Annual Report 2022-2023: Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra

Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra

No 2022 titulamos o IGADI Annual Report (IAR) «Desorde pandémica, interdependencias e guerra» co eco dos últimos latigazos da pandemia e baixo o impacto do inicio da invasión Rusia da Ucraína. Logo dun espellismo inicial arredor dunha vitoria rusa fugaz, a guerra lóstrego cambiou de natureza e avanzou entre unha guerra tradicional e unha guerra marcada, entre moitas outras cuestións, polas innovacións tecnolóxicas en todos os ámbitos, do estritamente militar, ao comunicativo ou económico...
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Idiomas Galego

Un ano despois o mundo segue a mudar con velocidade, poñendo en cuestión a Globalización, visibilizando os contidos e axendas da multipolaridade. Daí que non atopáramos mellor título para o IGADI Annual Report 22-23 que saíu o Día das Letras deste 2023 «Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra» e que pode descarregar na nosa web www.igadi.gal

No lapso de tempo que traballamos entre o IAR 2021-2022 e o IAR 2022-2023, aínda atordados pola pandemia e os confinamentos globais de 2020-2021, simultaneamos 15 meses de Guerra cós cambios que acelerou o episodio global pandémico: o mundo dixital, a transición enerxética, a polarización e o aumento das desigualdades… Así, no anuario constatamos a perigosa década dos 20 e un ano 2022 moi pesado. Collendo perspectiva, a invasión da Ucraína prodúcese nese mundo novo onde a China e os EE.UU aumentan as hostilidades, xa sen máscaras pola rúa en ningunha capital europea ou mundial.

Nese escenario de fondo, Rusia revitalizou o nacionalismo conservador arredor do globo e axitou a crítica ao expansionismo da OTAN e ao sistema de normas occidentais. Sen embargo, a invasión, ademais de esnaquizar aínda máis o sistema de Nacións Unidas, alimentou un novo atlantismo e unha parálise na autonomía estratéxica europea, agora máis activamente defensora das súas alianzas cos EEUU e con Finlandia na OTAN (4 de abril do 2023, coincidindo co 74º aniversario da organización) e Suecia ás portas de entrar na alianza militar. Así, xa ben avanzado o ano 2023, o IAR presenta de maneira panorámica as variables e as ideas fortes que construíron o 2022 así coma os acontecementos e as tendencias a observar de maneira particular durante os próximos meses e anos.

De observar o índice do anuario verán que a proposta asenta nos principios fundacionais do IGADI, intereses galegos, axenda de Nacións Unidas e pluralidade para o debate e o coñecemento. O anuario conta coa participación de 12 investigadoras e analistas, que desde Galicia, Ucraína, India, Brasil ou Xapón, poñen a lupa aos principais acontecementos do 2022 que están a moldear o 2023, así como ao 2024 que outeamos no horizonte. De maneira inevitable, os impactos e as consecuencias da Guerra percorren as chaves do 2022 e as perspectivas para o 2023-2024, tanto nas áreas xeográficas (Ucraína, India, Xapón, Lusofonía e ola progresista e integración latinoamericana) como nas transversais (fin da globalización?, nova orde económico en marcha, pacifismo, biotecnoloxía, intelixencia artificial e diásporas). O IAR conclúe coa identificación das Personaxes do ano 2022: Francia Márquez, Nancy Pelosi, Giorgia Melloni, Mahma Madi e Lula da Silva, que apostamos por distinguir ao vincularse aos temas, as chaves e as perspectivas que presentamos ao longo do informe.

En fin, coa metade do ano 2023 consumido, observamos no horizonte un 2024 no que contaremos con importantes citas electorais, que balancearán as aritméticas líquidas (e non tanto) que ofrece a gobernanza internacional actual. No mes de xaneiro do 2024 haberá eleccións presidenciais en Taiwán, en xuño será a cita para o Parlamento europeo e en setembro as presidenciais nos EEUU… Os riscos de colpaso recoñecidos por todos continuarán, mellor estar preparadas.