20080630 weng an guizhou queima local policia

Tensións post-olímpicas

 Queima dunha comisaría de Policía en Weng
Hai escasas semanas, en Weng”™an, na provincia de Guizhou, masas encolerizadas queimaban os imobles do goberno local, do comité do Partido Comunista e da Policía, por mor da implicación das autoridades no ocultamento dun asasinato, atribuido a un fillo dun dirixente local.
 

A escasas semanas do comezo das Olimpíadas en Pequín, China enfronta unha delicada situación por mor da combinación dos efectos da crise económica mundial (aumento dos prezos da enerxía, dos alimentos e redución do seu comercio exterior), as calamidades naturais (ás enormes tempestades de neve de xaneiro sumouse o grave terremoto de Sichuan en maio) e as críticas exteriores pola súa política no Tibet ou en materia de dereitos humanos. Con todo, as dúas cuestións que hoxe máis preocupan aos chineses son a inflación e a corrupción. No primeiro, o goberno amósase totalmente incapaz de acadar o obxectivo do 4,8% para final de ano. Na actualidade, moitos sitúan xa a inflación por riba do 10% aínda que oficialmente négase este feito. Pero o impacto no prezo dos alimentos, no arroz, na carne de porco, etc, desata as alarmas entre os colectivos de poboación máis fráxiles, que son aínda a inmensa maioría.

Ao descontento social por tal estado de cousas, que se produce nun contexto de perseverancia na senda de crecemento da economía, súmase a xeralización da indignación pola corrupción. Hai escasas semanas, en Weng”™an, na provincia de Guizhou, masas encolerizadas queimaban os imobles do goberno local, do comité do Partido Comunista e da Policía, por mor da implicación das autoridades no ocultamento dun asasinato, atribuido a un fillo dun dirixente local. Lonxe de tratarse dun episodio illado, ben puidera ser un síntoma dun alargado descontento que prende nas clases baixas e medias, irritadas tamén polo incremento galopante das desigualdades.

Nesta China da “economía socialista de mercado”, toda mobilización contra a corrupción ou os abusos de poder acostuma a dexenerar en graves disturbios ante a inexistencia dunha mínima confianza nas institucións e a ausencia de canles para o diálogo. E a derradeira esperanza, a de atopar receptividade nas autoridades centrais, vai perdendo valor ante a sospeita de connivencia a gran escala cos novos poderes económicos emerxentes.

A gran repercusión destes sucesos, ao igual que as protestas dos pais dos alumnos que faceleron en Sichuan como consecuencia do mal estado das escolas e que o goberno trata desesperadamente de silenciar con toneladas de propaganda que enxalzan a súa resposta á crise, é imposible de controlar plenamente polo goberno, amosando as súas dificultades para que o binomio represión-censura deixe incólume o seu poder.

Os éxitos da reforma chinesa ninguén os cuestiona. Pero as sombras medran e o PCCh, co seu monopolio absoluto e un exercicio do poder que semella cada vez máis próximo ás capas máis ricas e influentes, nutre a desconfianza daqueles sectores que reclaman a “prosperidade común” prometida. Os novos poderes e axentes económicos, acomodados no actual esquema, non promoverán cambio substancial algún, como probablemente tampouco os máis pobres e desvalidos que só a través do PCCh teñen unha esperanza efectiva de progresar ou facer carreira. Pero de non atallar estes problemas, unha nova crise política podería estar petando ás portas de Zhonanghai suxerindo a emerxencia de liderados alternativos.