Cachemira en cuestión

Todo comezou coa independencia de India e Paquistán (1947) que deixou sen solución algúns conflicos territoriais cun enorme potencial desestabilizador. Por aquel entón o maharaja hindú que dirixía o reino de Cachemira, cunha poboación maioritariamente musulmana, partidario da independencia, renuncia a unha proclamación secesionista ante o temor de que provoque unha rebelión popular que o conduciría directamente aos brazos de Paquistán. O exército de Islamabad interviu entón para apoiar unha protesta que paradoxalmente produciu o efecto contrario ao desexado e inclinou a balanza a favor de India en outubro de 1947. A petición do maharaja, Nova Delhi enviou as súas tropas a Cachemira concluindo a guerra en 1949 cun acordo de cese de hostilidades e a rexión dividida en dous, unha parte controlada por Paquistán (Azad Kashmir ou Cachemira libre) e outra controlada por India (Jammu e Cachemira). A segunda guerra indo-
paquistaní de 1965 non modificou substancialmente estas posicións.

Paquistán sigue reclamando a totalidade da rexión e a organización dun referendo de autodeterminación baixo supervisión de Nacións Unidas, tal e como a India de Nehru se comprometeu a realizar no seu momento. A India, pola súa banda, considera que Cachemira chegou a formar parte do país de forma totalmente legal (segundo a normativa que regulamentaba a transferencia de poderes entre a antigua administración británica e as novas autoridades paquistaníes e indias, o maharaja, a titulo individual, tiña o dereito de opción sobre a integración do seu reino nun ou noutro país) e que sendo un Estado laico, non pode aceptar que unha parte do seu territorio poida ser obxecto de reivindicación externa en función da confesión relixiosa -musulmana- dos seus habitantes. Para Nova Delhi a idea do referendo está caduca: Cachemira é hoxe un Estado cun nivel de autonomía superior ao de calquer estado hindú e dispón da súa propia Asemblea lexislativa e goberno.

A terceira guerra produciuse en 1971, na parte oriental de Paquistán e culminou co acordo de Simla de 1972 (que sinalou a vixente liña de control ou fronteira de feito entre os dous países na zona de litixio), o nacemento de Bangla Desh e a oposición de India a todo intento de internacionalización do conflicto. Dende entón, a parte india de Cachemira vive tradicionalmente nunha situación de gran inestabilidade e violencia debido á sucesión de interminables enfrontamentos entre diferentes grupos armados (pro-paquistaníes, pro-hindús e o exército).

No verán de 1999 a tensión a gran escala volveu á rexión cando os dous países se enfrontaron novamente no chamado incidente de Kargil, localidade da Cachemira india que foi ocupada por guerrilleiros afgáns e paquistaníes apoiados por unidades de élite do exército de Islamabad. As presións de Bill Clinton sobre Nawaz Sharif, o entón primeiro ministro, surtiron efecto e aínda que a regañadentes ordenou a retirada transformando a inicial victoria nunha severa humillación que á postre remataría por custarlle o posto. Este fracaso conduciu directamente ó golpe militar de setembro e ao ascenso de Musharraf.

A disputa territorial de Cachemira, sempre con resultados desfavorables para Paquistán, está no cerne das motivacións nucleares de ambos países que procuran establecer unha igualación creible en materia militar ata o punto de sacrificar por iso as necesidades máis elementais das súas respectivas cidadanías, afirmando estar dispostos “a comer herba de ser preciso para ter unha bomba”, como sinalaba o presidente Ali Bhuto. En consecuencia, ata que non se solucione este problema dificilmente poderá comezar a falar en serio de desnuclearización ou incluso da plasmación efectiva dos compromisos asumidos por ambos países de moratoria sobre probas nucleares ou a firma do Tratado para a prohibición total das probas nucleares. Con todo, é importante tamén sinalar que no caso de India, na opción nuclear pesa non soamente Cachemira senón tamén a tradicional desconfianza respecto do veciño chinés.

O interese por Cachemira é de tipo estratéxico, debido a que o val de Cachemira é unha pasaxe cara o subcontinente enteiro a través do Himalaia. Paquistán ve en Cachemira a solución aos seus problemas de dependencia de auga, xa que por esta rexión pasan os rçios Indo, Chenab e Jhelum.

Na nova situación internacional, dous factores pesan como grandes lousas sobre as expectativas de Islamabad. Dunha banda, a menor importancia estratéxica do seu país. Estados Unidos necesita menos de Paquistán. Afganistán é hoxe unha inmensa base americana na rexión que complementa coa presencia no Golfo Pérsico, o auxilio limitado na Asia central ex-soviética e a fiel alianza de Turquía. Por outra banda, dende 1999, no mandato de Clinton, a administración norteamericana iniciou un serio cambio de orientación baseado na aposta por India como potencia predominante na rexión, a quen lle une o mutuo interese por conter a China. A perda de Afganistán, hoxe en mans da Alianza do Norte, severamente anti-Islamab e pro-hindú, completa un complicadísimo escenario estratéxico para o xeneral-presidente Musharraf.

En segundo lugar, as notorias implicacións de Paquistán na organización e fomento do terrorismo na rexión, tan útiles noutro tempo, poden agora volverse seriamente en contra. Os servicios de intelixencia deste país adestraron durante moitos anos non soamente aos talibáns senón tamén a uigiures (China) ou a cachemires. A acción do pasado 13 de decembro contra o Parlamento federal hindú permitiralle a Nova Delhi gañar outra guerra, a dunha opinión pública internacional sensibilizada contra a violencia política e, sobre todo, obter unha maior comprensión da Casa Branca para pór fin á estratexia paquistaní de utilización do terrorismo. En Nova Delhi crece a preocupación ante o temor de que moitos dos talibáns de Afganistán reorienten agora as súas accións cara Cachemira. Bush deberá demostrar a súa sinceridade na loita contra o terrorismo e gañará a confianza de India -tradicional aliado de Moscova na rexión- se impón a Islamabad un cambio de rumbo.