Días do pasado

A xulgar polas declaracións efectuadas polo ex presidente de Belarús, Sytanislav Shushkévich, á xornalista Pilar Bonet, a disolución da URSS foi producto "inevitable" da casualidade, o froito dunha cacería sen programa político nos bosques de Belovesh, nas aforas de Minsk, que rematou coa entrega dunha gran peza a George Bush: a disolución da URSS e a cabeza de Gorbachov. Shushkévich asegura que actuou consciente do que estaba a facer pero sen pensar que fora "un acto histórico e que chamaría tanto a atención". Con líderes asi non é de extrañar que a URSS sucumbira…

Pero custa crer a versión de Shushkévich. Nas súas Memorias (Plaza & Janés, 1996), o ex presidente soviético da conta do cinismo dos tres líderes eslavos (Ieltsin e Kravchuk, ademáis do citado) que dando as costas aos resultados do referendo do 17 de marzo e cun discurso público a prol da refundación da URSS nunha Unión de Estados Soberanos, desenvolvían accións secretas seguindo o peculiar "manual de instruccións para voaduras" elaborado a instancias de Rusia Democrática, a formación na que militaban os auténticos gurús da desfeita, Guennadi Burbulis e Serguei Shajrai.

Foi necesario destruir a URSS para acabar coa perestroika. A dez anos daqueles feitos e probablemente aínda con máis nitidez a medida que o tempo vaia transcorrindo, é perceptible que Gorbachov non fracasou por falta de proxecto senón precisamente por telo, aínda que non ultimado naturalmente ata os máis delicados extremos. Aos líderes occidentais nunca lles interesou en absoluto o trunfo das reformas. É certo que Gorbachov quería eliminar o socialismo real pero para dar impulso a unha nova forma de socialismo que combinara mercado, democracia e xustiza social. A Estados Unidos e a outros países occidentais interesaballes sobre todo aproveitar o momento de debilidade e confusión para destruir a URSS e o bloque soviético, e por iso nunca se decidiron a apoiar activa e seriamente a Gorbachov, que anunciaba a súa demisión un 25 de decembro. Nas súas Memorias ironiza a miúdo sobre as múltiples reservas que debeu afrontar nas súas relacións cos líderes occidentais, as reiteradas declaracións de fé democrática que nunca conseguiron ablandar a dureza dos interlocutores, a sensación de estar sometido a un permanente exame de credibilidade, nunca esixido a Ieltsin, incluso cando dirixiu os tanques contra o Parlamento.

A disolución da URSS foi a maior traxedia para Gorbachov. Culpa a Rusia e a Ieltsin desta iniquidade histórica realizada en contra da vontade popular e co único obxectivo de librarse del. Daquela, por certo, ata os comunistas de Ziuganov, convencidos polo checheno Ruslán Jasbulatov, apoiaron a ratificación dos acordos de Belovesh no Soviet Supremo de Rusia e a conseguinte destrucción da Unión Soviética.

A voltas co aniversario, é unha excelente ocasión para regresar a aqueles días do pasado e advertir a inexistencia da máis mínima vida democrática nas altas instancias do PCUS, a xerarquización de persoas e funcións, o escrito e non escrito na vida do Partido, o ritualismo que afogou a ilusión e o empuxe doutro tempo, a ausencia de camaradería e o deterioro e embrutecemento das relacións humanas, o vacío de tantas expresións que, sen embargo, a milleiros de quilómetros de distancia sabían a gloria a tantos revolucionarios. Relendo a Gorbachov non deixa de sorprender a falta absoluta de capacidade para tomar decisións a calquer nivel, cómo o sistema se recreaba no seu propio marasmo, convencido da inevitabilidade dun futuro luminoso e da irreversibilidade histórica do camiño iniciado, a naturalidade con que se asumía a persistencia de zonas ocultas, incluso para os máis altos dirixentes do país. Sen dúbida precisaba algo máis de tempo para culminar o proxecto, pero todos lle esixiron maior rapidez ao "indeciso" Gorbachov. Ninguén parecía disposto a perdoarlle tanta calma, tanta disposición á negociación con uns e con outros e, sobre todo, tanto empeño na reconducción do socialismo.