20080704 g8 hokkaido via campesinha 01

O G8 e a liberdade

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Activistas da Vía Campesiña en Hokkaido (Xapón); clic para aumentar
As declaracións da Vía Campesiña en Xapón, pois si houbo, e moitas, protestas dos movementos sociais, eran claras: "A agricultura industrial, que emprega sementes transxénicas, grandes cantidades de pesticidas e abonos químicos e está baseada en monocultivos, sumiu a millóns de campesiños na débeda, amáis de contaminar as terras". (Protesta de activistas da Vía Campesiña en Hokkaido, Xapón, contra o cumio do G8, o 4 de xullo de 2008. ©La Vía Campesina).
 

Se algo confirmou a xuntanza do G8 da semana pasada en Hokkaido (Xapón) é que ese club de países ricos "ferrancho vello, escribiu Barreiro Rivas" decidiu dedicarse definitivamente á comedia. Os dous puntos máis quentes da axenda, a crise climática e maila alimentaria, teñen unha máxica solución: máis apertura dos mercados (risas).

Para a crise alimentaria, apelativo suavizado da fame negra que sofren mil millóns de persoas, os oito iluminados propoñen inxectar aire á asfixia que sofre a OMC dende o de Doha, o que significa máis libre mercado e máis agroindustria; e impedir que cada país regule a exportación de alimentos, o que se traduce no aclamado "menos estado, máis mercado". Vaia, reproducir o virus neoliberal, que é a causa única e primixenia do irresponsábel exterminio das economías labregas do mundo por mor da especulación coas cousas de comer e a paralela "crise enerxética", coa que gran parte da produción de alimentos se destina a agrocombustíbeis.

As declaracións da Vía Campesiña en Xapón, pois si houbo, e moitas, protestas dos movementos sociais, eran claras: "A agricultura industrial, que emprega sementes transxénicas, grandes cantidades de pesticidas e abonos químicos e está baseada en monocultivos, sumiu a millóns de campesiños na débeda, amáis de contaminar as terras".

Para o tratamento da crise ambiental medrou un chisco a intensidade da comedia, coa proposta ilusoria, irreal e inútil de reducir o 50% de emisións para dentro de 42 anos! Ao ritmo actual, para 2050 o planeta terá un 50% máis de seres humanos, un 400% máis de "riqueza" (=consumo), probabelmente case nada de petróleo e 3 graos máis de temperatura media. Vaia, que como podíamos ler en Gara: "o mundo estará xa cocido e o G8, esquecido".

Bernard Cassen, exdirector xeral de Le Monde Diplomatique, encheu este xoves a terceira edición de Revela, excelente iniciativa do Concello de Oleiros que impulsa o encontro entre a realidade social e a cidadanía por medio da fotografía. Pura acción local. Cassen falou das insuperábeis contradicións entre o libre comercio e os imperativos ecolóxicos, ou o que é o mesmo, da súa firme crenza de que é imposíbel salvar o planeta co mundo manexado por ese libre mercado que disque é unha das liberdades fundamentais do home. Liberdade? Pois a min que me leven preso!