20070313 beijing sesion anual parlamento

China rebobina a reforma

 Sesión anual Parlamento chinés, clic para aumentar
Concluíu en Beijing a sesión anual do macroparlamento chinés. A pesar das súas limitacións, este encontro segue a ser un referente esencial da vida política neste país. Durante quince días reúnense case tres mil deputados para debater os asuntos máis candentes. No resto do ano, un Comité Permanente asegura a realización das tarefas lexislativas. (Foto: Reunión de clausura no Gran Salón do Pobo da sesión anual do Parlamento chinés, o 13 de marzo de 2007).
 

Concluíu en Beijing a sesión anual do macroparlamento chinés. A pesar das súas limitacións, este encontro segue a ser un referente esencial da vida política neste país. Durante quince días reúnense case tres mil deputados para debater os asuntos máis candentes. No resto do ano, un Comité Permanente asegura a realización das tarefas lexislativas. En paralelo, sesiona tamén a Conferencia Consultiva Política do Pobo Chinés, especie de Senado, no que participan representantes dos partidos legais e personalidades independentes. A columna vertebral de todo ese sistema ven determinado pola decisiva influencia do PCCh, que previamente determina a axenda e asegura os resultados do encontro.

A regulación da propiedade privada e a equiparación tributaria de empresas locais e de investimento externo foron os temas estrela desta sesión. No seu inicio, o primeiro ministro, Wen Jiabao, salientou tamén a necesidade de acentuar o xiro social da reforma de xeito que poidan corrixirse as profundas desigualdades que ensombrecen o vertixinoso crecemento chinés.

Neses vimbios están as claves do novo tempo da reforma chinesa. Dunha banda, no plano interno, podemos falar dunha dobre reorientación. A corrección dos desequilibrios é a prioridade despois de décadas de primacía do crecemento a toda costa. Na sesión celebrada o ano pasado formulouse a estratexia de creación dun “novo campo socialista” co obxectivo de corrixir as desigualdades entre campo e cidade (unha proporción de 1,7 veces en 1984 e de 3,8 veces en 2006). O goberno proponse levar adiante ata 2010 un plan de grandes investimentos no medio rural, co obxecto de que os campesiños (arredor do 60% da poboación) poidan acceder en condicións normais aos servizos sociais básicos (educación, saúde, etc) hoxe, en moitos lugares, ou inexistentes ou moi deficientes. Unha nova lei de contratación laboral, actualmente en fase de discusión, será o seu complemento no medio urbano, establecendo garantías mínimas para os colectivos de traballadores que emigran do campo para soster o acelerado crecemento chinés privados dos máis elementais dereitos (nin contrato, nin seguro de accidentes, perda de salarios, etc.). Os lobbies das multinacionais occidentais están a premer nos deputados para suavizar o seu contido, ameazando con frear os investimentos no país.

O xiro social que Hu Jintao, o actual líder chinés, está introducindo na reforma chinesa supón un serio correctivo das políticas auspiciadas por Deng Xiaoping, o artífice do actual cambio, e Jiang Zemin, o seu antecesor, quen consideraban que o mercado sería capaz, por si só, de resolver os efectos nocivos do proceso. O abandono, durante décadas, da máis elemental preocupación pola xustiza social e a multiplicación dos abusos xerou un clima de inestabilidade e rebeldía que no campo se plasmou en milleiros de explosións de descontento.

Por outra banda, a unificación dos impostos (25%) que gravan os beneficios obtidos polas empresas de investimento estranxeiro (entre o 24 e o 15%) e as domésticas (33%), supón o fin da etapa da admisión sen apenas restricións de todo canto puidera contribuír a modernizar e desenvolver o país sen tomar en consideración outras cuestións. A reorientación impositiva é inseparable das esixencias enerxéticas, ambientais ou do manexo cauteloso da adquisición de compañías chinesas por parte de firmas estranxeiras.

O novo modelo de desenvolvemento que están a debullar os líderes chineses quer deixar atrás esa concepción da economía chinesa coma o taller do mundo e proxecta establecer unha relación en pe de igualdade cos actores externos, prestando maior atención aos factores tecnolóxicos, ambientais e sociais.

No ámbito externo, a actual dimensión da economía chinesa fai imposible que poida seguir disimulando a súa importancia. Beijing asume un papel cada vez máis protagonista, non só no eido económico (cuarta potencia mundial), senón tamén no político e estratéxico. A decisión do lexislativo de incrementar o gasto militar nun 17,8% é indicativo da vontade de blindar a súa economía, cada vez máis interdependente co resto do mundo. As súas necesidades enerxéticas e alimentarias esíxenlle a dinamización dunha política exterior cada vez máis activa e presente en todos os continentes.

Asimetría

Case trinta anos despois de iniciada a actual política de reforma e apertura, os grandes avances e transformacións experimentados no eido económico presentan claras asimetrías no eido político. Mentres a estrutura produtiva do país é practicamente irrecoñecible en relación a 1978, cando se iniciou o proceso, o marco político permanece inalterable nos seus aspectos esenciais. O sistema baseado na preeminencia do PCCh mantense invariable e procurando respostas para os novos desafíos económicos e sociais. Formalmente, o PCCh segue a defender a idea de manter a propiedade estatal e pública como principal e vertebra mecanismos (políticos e ideolóxicos) para asegurarse o control dos novos sectores emerxentes, en especial os empresariais, mantendo un nivel de ocupación social que impida a aparición de rivais que poidan disputarlle o poder.

O futuro de PCCh, cada vez menos vangarda da clase obreira e máis formación interclasista, é a principal incógnita política do experimento chinés no que avanzan tímidos sinais de socialdemocratización. É difícil imaxinar mudanzas políticas substanciais no país que pasen por riba do Partido Comunista. Esa procura de máis tempo para resolver a evidente inadecuación entre o sistema económico e o político, complétase coa aposta por un desenvolvemento que mitigue as ansias de xustiza social e por un nacionalismo moderado que xustifique, mais aínda ca proeza revolucionaria, a persistencia na busca dun modelo singular e adaptado ás súas particularidades civilizatorias. O socialismo con peculiaridades chinesas é hoxe unha complexa filigrana que presenta múltiples matices e contradicións que o PCCh procura harmonizar, polo momento, con innegable éxito.

Hu Jintao cree nunha vía propia de modernización e defende que o éxito do actual proceso dependerá da capacidade das propias autoridades para resistir as presións externas. A conservación dun nivel de autonomía internacional suficiente é condición sine qua non para facer de China un país poderoso. As diferenzas internas entre as diferentes sensibilidades solápanse ante o argumento nacionalista, hoxe o magma máis sólido que permite cohesionar unha sociedade que experimenta niveis de pluralidade nunca vistos antes.

Nos días previos ao inicio das sesións do Lexislativo, representantes dos novos colectivos empresariais reclamaban maiores posibilidades de intervención na vida política. Na práctica, a nivel local, estes sectores desempeñan un papel cada vez máis prominente, situando, en moitos casos, as estruturas partidarias ao seu servizo. Esa situación alenta a intensificación da campaña contra a corrupción, a insistencia no rearme ideolóxico da militancia comunista e a instrumentación de medidas recentralizadoras que aseguren o control do poder central sobre as políticas máis importantes.

Poderá subsistir un sistema esencialmente monopartidista cunha base económica cada vez máis plural? Cando hai décadas se inquiría sobre a razón de ser do sistema de partido único no socialismo real, a resposta era “fácil”: unha economía, unha clase, un partido. Non había divorcio de intereses. Pero na China de hoxe, a significación da economía privada, por exemplo, é moi importante, e vai en aumento. Poderá o PCCh ser portavoz tamén dos intereses da burguesía emerxente ou aceptará esta sen máis converterse nunha elite dirixida?