19570325 sinatura do tratado de roma

Europa, Europa?

 Sinatura Tratado de Roma, clic para aumentar
Cando se cumpre o 50 aniversario do Tratado de Roma, os conflitos internos na UE alertan do colapso e da progresiva perda ata da máis elemental coherencia orixinal. A falta de ambición afecta non soamente ás grandes proclamas políticas senón mesmo a proxectos de natureza económica e estratéxica como Airbús ou o sistema de comunicación Galileo, que, de fracasar, minguarían as posibilidades, tantas veces cantadas, de conformarse como un piar de referencia no sistema internacional do século XXI. (Foto: Sinatura do Trarado de Roma, o 25 de marzo de 1957).
 

As diverxencias e os conflitos de intereses van a máis no escenario europeo. Na práctica totalidade dos ámbitos, xa falemos de políticas básicas ou de dereitos sociais, de enerxía ou de asuntos como a seguridade ou os posicionamentos internacionais, perfílanse dúas Europas con comportamentos claramente diferenciados. A que Rumsfeld chamou "vella Europa", a que puxo reparos á guerra contra Iraq e que recea hoxe tamén do uso de medios non diplomáticos contra Irán (con calendario de agresión fixado, segundo fontes rusas), confróntase cos países do alargamento, que están noutra onda e devecen pola protección estadounidense da que esperan obter, igualmente, beneficios económicos adicionais. Certo é que con eles a UE incrementou a súa poboación nun 30%, a súa riqueza nun 5%, pero os seus problemas tamén se agrandaron ata o infinito, favorecidos polo auxe de tendencias políticas claramente regresivas, en boa medida como consecuencia das medidas auspiciadas pola propia UE para homologar ambas realidades.

Cando se cumpre o 50 aniversario do Tratado de Roma, os conflitos internos na UE alertan do colapso e da progresiva perda ata da máis elemental coherencia orixinal. A falta de ambición afecta non soamente ás grandes proclamas políticas senón mesmo a proxectos de natureza económica e estratéxica como Airbús ou o sistema de comunicación Galileo, que, de fracasar, minguarían as posibilidades, tantas veces cantadas, de conformarse como un piar de referencia no sistema internacional do século XXI. É certo que moitos dos comportamentos da UE non son máis ca exercicios calculados de retórica burocrática e ambigua, unha filigrana loable que escenifica ese inmenso poder brando que alén do noso entorno é tan respectado e celebrado, pero que resulta insuficiente, cando non cínico e pouco construtivo, para avanzar na plasmación dunha orde internacional máis democrática. Nos momentos críticos, os matices desa Europa limitada abren tímidas expectativas compensatorias.

A esas graves dificultades internas debemos sumar agora o plan de EEUU de instalar un sistema antisimisiles que ven a afondar na fenda europea. Rusia foi a primeira en manifestar a súa visceral oposición. Tanto Alemaña como Francia xa explicitaron os seus reparos. Certamente é o tempo do desarme, e non de alentar unha nova carreira de armamentos que enfronte a Europa, sen comelo nin bebelo, e Rusia. Pero países como Polonia ou a República Checa semellan ir por libre, mentres EEUU actúa por conta propia eludindo o diálogo cos seus outros socios occidentais. Unha vez máis, a orde europea abanea pola inxerencia de Washington na órbita da súa seguridade e acentúa os seus problemas de división.

As contradicións internas teñen paralizada Europa, e os ventos que poidan soprar despois das eleccións francesas tampouco auguran posibilidades certas dunha reorientación que desatasque o actual proceso para converter a UE nun actor político autónomo capaz de desempeñar o papel activo que reclaman os cambios internacionais. Bruxelas quédase bastante atrás. A presidencia alemá a penas contemporizar coa Polonia nacionalcatólica. A UE está presa no seu propio castelo. Condenados e carcereiros deambulan polos seus corredores, "libres" e sen poder desenredarse. Todos comparten a mesma cama pero teñen diferentes soños. Nun artigo publicado o pasado 19 de marzo no Der Spiegel se reflexiona xa sobre como sería Alemaña se a UE non existise. A deconstrución non se anuncia.