Artigo publicado orixinalmente na Revista Tempos Novos do mes de xullo do 2024
Logotipo da Organización de Cooperación de Xangái

China refai a xeopolítica global

O cumio da Organización de Cooperación de Xangai (OCX) recen celebrado en Astaná, Kazaxistán, veu dar un novo impulso á reordenación xeopolítica global que impulsa China, quen asume a presidencia rotatoria do organismo. A maiores, o presidente Xi Jinping aproveitou o encontro para celebrar dúas visitas de Estado, unha ao país anfitrión e outra ao veciño Taxikistán. No primeiro, co presidente Kassym-Jomart Tokayev, que fala chinés con fluidez tras vivir na capital Beijing como diplomático soviético de 1985 a 1991, rubricou unha “asociación estratéxica integral permanente excepcional”; e co presidente taxiko, Emomalí Rahmón, estableceu unha “asociación estratéxica integral da nova era”. Formulismos, dirán, pero con miga.
Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Palabras chave China OCS Multilarealismo

A única organización intergobernamental con nome de cidade chinesa

Dende a súa creación na cidade chinesa de Xangái en 2001, a OCX pasou de ser unha organización rexional con seis membros a unha organización transrexional con nove membros de pleno dereito, tres países observadores e 14 socios de diálogo. Abarca máis do 60 por cento da superficie terrestre e euroasiática, case a metade da poboación mundial e un PIB combinado de máis de 20 billóns de dólares, arredor da cuarta parte da economía global. É a organización rexional máis grande do mundo en termos de escala xeográfica e poboación.

En Astaná incorporou a Belarús, sumando dez membros plenos. Despois de 23 anos de vida, a asociación aglutina non só a países euroasiáticos e centroasiáticos, senón tamén do sur de Asia e Oriente Medio e Europa. A Turquía de Erdogan xa adiantou que tamén quer ser membro pleno.

A OCX xurdiu principalmente por motivos de seguridade. A súa predecesora, os “Cinco de Xangái”, formouse para xestionar os problemas nas fronteiras despois do final da Guerra Fría. Pero axiña pasou a se converter nunha organización que ademais de garantir a seguridade rexional promovía activamente o desenvolvemento económico.

A OCX é a única organización intergobernamental que leva o nome dunha cidade chinesa. Hoxe está naturalmente conectada coa proposta insignia de Xi, a Iniciativa da Franxa e a Ruta (IFR). Os seis membros iniciais da OCX están situados ao longo da antiga ruta comercial entre Oriente e Occidente. Xi utilizou a IFR como un factor clave para promover a cooperación de China cos países da OCX e acelerar o desenvolvemento rexional alentando un novo mercado para os produtos chineses. Ao aliñar as súas respectivas estratexias de desenvolvemento, rapidamente houbo logros significativos en infraestrutura, comercio ou na conectividade financeira.

Como mecanismo de cooperación transrexional, a economía foi gañando peso nunha estratexia que prima o desenvolvemento como talismán fronte á inestabilidade. Durante anos, iniciativas económicas como o Consello Empresarial e o Consorcio Interbancario promoveron o comercio e o investimento entre os seus países membros, e o compromiso da organización coa conectividade e a integración económicas asentouse ao se asegurar a condición de socio clave da IFR, o que facilitou o desenvolvemento de corredores de transporte, proxectos enerxéticos e redes de comunicación que unen os estados membros da organización e máis aló.

Asia Central pasou así de ser unha rexión “sen litoral” a un centro de transporte en Eurasia, rexistrando un salto na conectividade interna e unha integración máis fluída na cadea económica e loxística global.

A relevancia económica da China e o seu compromiso co desenvolvemento e a revitalización desta importante rexión que hai máis de 100 anos, Halford John Mackinder, un dos pais fundadores da xeopolítica, definiu como o “corazón da Illa do Mundo”, apuntan á súa a trascendencia crecente.

¿Democracia/autocracia ou atraso/desenvolvemento?

A rede de países que China envolve nas súas estratexias é a miúdo presentada como unha coalición de autocracias e, sen dúbida, en moitos casos, os sistemas políticos que abrigan están ben lonxe de poder ser considerados democracias liberais. Sen embargo, esa contradicción que para Occidente é prioritaria, pasa a segundo plano ao primar a aposta chinesa polo desenvolvemento.

En efecto, moitos dos países do Sur Global simpatizan cada vez mais coa “non interferencia” chinesa e descren dun argumento político que interpretan como unha coiraza que a duras penas disimula a impotencia contra o avance chinés e a incapacidade occidental para acompañar de forma efectiva as súas iniciativas.

Esa dinámica non é só perceptible na OCX senón tamén, sobre todo, nos BRICS. Un número crecente de países da ASEAN, por exemplo, están considerando unirse aos BRICS ou expresaron o seu interese en facelo no futuro. Laos e Myanmar xa declararan o seu interese o ano pasado e en xaneiro o xefe da diplomacia indonesia, Retno Marsudi, explicou que Iacarta está a avaliar os posibles beneficios de unirse aos BRICS, mentres que Vietnam polo de agora só “observa atentamente o proceso”. Tailandia presentou xa unha solicitude formal e Malasia xa tomou a decisión de unirse ao grupo.

Deste xeito, o circuito alternativo de liderado da gobernanza global vai tomando forma. Segundo o Fondo Monetario Internacional, o PIB combinado do G7 representaba o 44,9% do mundo en 1995, pero en 2010 caera significativamente ata só o 34,3%. En 2023, o PIB combinado caeu aínda máis, ata só o 29,9%. Mentres tanto, países BRICS viron como o seu PIB combinado representaba o 32,1% do mundo; por diante do G7 en 2,2 puntos porcentuais. Estas estatísticas mostran que o G7 liderado polos EUA xa perdeu, de facto, o seu liderado global.

E isto explica tamén que a medida que esa influencia estadounidense se debilita, non lle queda outra que buscar estratexias alternativas para manter o liderado, como a construción dunha hexemonía occidental colectiva liderada por Washington.A transición desa hexemonía global á hexemonía colectiva occidental representa un cambio estratéxico necesario para que os Estados Unidos preserven a súa influencia durante esta era de hexemonía menguante.

E Occidente?

A inestabilidade política nos EUA ou tamén en importantes países europeos debilita o atractivo liberal no Sur Global, cun escepticismo agravado en virtude de fenómenos como os dobres raseiros (Ucraína e Gaza) ou o baleiro de tantas promesas incumpridas. Esa é unha tendencia que se expande por todo o mundo. No entorno chinés, poñamos por caso, a insatisfacción coa democracia medra nos países de altos ingresos. Un reciente estudo do Pew Research Institute, sinala que en Corea do Sur, a satisfacción coa democracia baixou 17 puntos porcentuais, do 53% ao 36%. En Xapón o descenso foi menor, pero mantense no mesmo nivel: do 38% en 2021 ao 31% en 2024. Os que se declaran insatisfeitos son respectivamente un 63% en Corea do Sur e un 67% en Xapón.

A maiores, desconcerta a reacción militarista que dificilmente pode compensar a insatisfacción política. Mentres propostas lideradas pola China como a RCEP (Asociación Económica Integral Rexional) avanzan a fume de carozo fronte a propostas como a estadounidense IPEF (Marco Económico do Indo-Pacífico), a insistencia nas redes de seguridade (AUKUS, QUAD, Alianza Cinco Ollos….) alentan o espectro dun conflito de grandes proporcións. A implicación activa de Xapón na promoción dunha “versión Asia-Pacífico da OTAN” para conter a China é o maior de todos os riscos. O primeiro ministro xaponés, Fumio Kishida, ten previsto asistir ao cumio da OTAN en Washington deste mes, marcando un terceiro ano consecutivo de presenza.

Outro modelo de coberturas

China e os países de Asia Central lograron “tres coberturas amplas”: cobertura total de asociacións estratéxicas integrais, cobertura total da práctica da comunidade de futuro compartido para a humanidade a nivel bilateral e cobertura total da sinatura de documentos de cooperación para a construción da Iniciativa da Franxa e a Ruta. A finais de 2023, o volume de comercio entre China e os cinco países de Asia Central alcanzou os 89.400 millóns de dólares, o que supón un aumento do 27 por cento con respecto a 2022.

China defende que a OCX é unha asociación e non unha alianza, establecida para construir e non para confrontar. Sen dúbida, hai asimetrías e contradiccións pero hai, sobre todo, outra visión con outras xerarquías e enfoques para que o desenvolvemento prime sobre outras variables, mais habituais nas estratexias occidentais.

Hoxe, a relación entre China e os países de Asia Central traza un novo panorama para o presente e o futuro das relacións internacionais. E é quizais aquí onde se inicia a conta atrás definitiva para o cambio de eixe da xeopolítica global.