Covid-19 e acción exterior

Aínda que unha das primeiras medidas reactivas á propagación do Covid-19 foi o restablecemento das fronteiras, o certo é que o novo coronavirus pode saltalas con relativa facilidade. Como tamén o é que ningún país é quen, por si só, de liquidar a pandemia e que a solución pasa pola acción coordinada e multilateral mal que lle pese a quen tenta deslexitimar o papel da OMS, con todas as limitacións e servidumes que teña. Iso non quita que ata un país pequeno poida achegar expertise de alto valor para a comunidade internacional. Está sendo o caso de Taiwán, dunha extensión semellante a Galicia, que leva apenas media ducia de falecidos e menos de 500 casos confirmados cun proceder que o sitúa na vangarda. Non é o noso caso.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Aínda que unha das primeiras medidas reactivas á propagación do Covid-19 foi o restablecemento das fronteiras, o certo é que o novo coronavirus pode saltalas con relativa facilidade. Como tamén o é que ningún país é quen, por si só, de liquidar a pandemia e que a solución pasa pola acción coordinada e multilateral mal que lle pese a quen tenta deslexitimar o papel da OMS, con todas as limitacións e servidumes que teña. Iso non quita que ata un país pequeno poida achegar expertise de alto valor para a comunidade internacional. Está sendo o caso de Taiwán, dunha extensión semellante a Galicia, que leva apenas media ducia de falecidos e menos de 500 casos confirmados cun proceder que o sitúa na vangarda. Non é o noso caso.

Nesta crise, en Galicia evidenciouse unha vez mais a descapitalización da nosa acción exterior. Foi o sector privado, importantes empresas con alto nivel de internacionalización, as que destacaron na mobilización de recursos no exterior. O poder público, sen apenas resortes propios, quedou pouco menos que a velas vir. Todo suma, pero se un representa cero, pois non achega nada. Á espera doutros, o que resta é poñerse á cola tratando de gañar peso nas súas prioridades botando man dos bos oficios para salvar a cara. A colaboración público-privada é desexable; agora ben, o poder público debe contar cunha rede de relacións exteriores que neste caso pode desempeñar un papel vital. Se non a temos, dependemos de terceiros. E se cando se está construíndo optamos por desmantelala, como aquí foi o caso, pois quedamos á intemperie. Unha rede de relacións hai que establecela, cultivala, alargala… e precisa de enfoques estratéxicos que van grandes aos que gobernan pensando en ir tirando.

Dubido pese a todo que alguén extraia como conclusión desta pandemia, global por natureza, que de igual maneira que o poder público non debe renunciar a un sistema de saúde robusto baixo a súa competencia, debe contar con recursos propios no eido exterior que aseguren unha resposta eficiente a nivel de comunidade. Naturalmente, iso non se cimenta dun día para outro. E se a sanidade paga o prezo de anos de recortes, no exterior, aló onde tamén debiamos atopar os insumos precisos nesta crise, houbo que improvisar unha rede de pregos na que outros ían por diante.

Neste marco de precariedades que alguén tenta vender como a excelencia da xestión, ten mais razón ca un santo o presidente da AECT Río Miño, Uxío Benítez, cando denuncia a inacción da Xunta de Galicia no tema da fronteira con Portugal. Ata nisto, que deberamos levar no ADN institucional, píllanos nas verzas; abdicamos mentres outros, en Estremadura, tamén desta vez, pasan por diante.

A pandemia, ás portas dunha nova lexislatura, suma unha razón máis ás ordinarias para nos dotar dunha acción exterior á altura do mundo e do tempo en que vivimos. Pero prredicamos no deserto.