Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2022-2023 “Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra”
Fotografía de Ana Mendes

Cultura de paz en tempos convulsos: os retos do pacifismo diante da invasión rusa na Ucraína

A invasión rusa en Ucraína conmocionou o escenario xeopolítico europeo. Os seus graves efectos no ámbito económico, político, social e de seguridade obrigaron a realizar reformas e tomar decisións que foran impensables meses atrás...

A aceleración da transición enerxética baseada na descarbonización e na implantación de enerxías renovables, a modificación da directiva de acollida a refuxiados1, a aplicación de sancións a Rusia e a utilización do Fondo Europeo de Apoio á Paz para a adquisición e envío de armas a Ucraína, así como o compromiso do incremento dos orzamentos militares2 son algunhas desas medidas, pouco antes difíciles de imaxinar. Alemaña, pese aos seus traumas históricos, asume un «cambio de época» (Zeitenwende) no que retorna a política de poder e a guerra na súa contorna próxima. Países como Finlandia e Suecia deixan atrás o seu tradicional modelo de política exterior, seguridade e a tradición nórdica que aposta pola paz no marco multilateral. Cun apoio maioritario das súas sociedades, antigamente remisas á Alianza Atlántica, solicitaron a súa rápida incorporación a esa organización.

Para o pacifismo, a invasión de Ucraína tamén supuxo dilemas políticos e éticos difíciles de afrontar e debater. Entre o rexeitamento total á guerra e o uso da violencia por enriba de calquera circunstancia, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas recoñeceu que se trata dunha guerra de agresión por parte de Rusia, e en consecuencia, Ucraína apelou o dereito á defensa lexítima, recollido na Carta fundacional da organización e no dereito internacional, e que reivindica o apoio da comunidade internacional. Un dereito a defenderse co que que se xustifica moral e politicamente o apoio económico, político e militar que recibiu este país para defenderse da agresión. Pero que tamén supón o risco de prolongar a guerra e impedir que se acade unha solución negociada, e a posibilidade dunha escalada militar con potencias nucleares implicadas, con escenarios de destrución difíciles de imaxinar. Non é doado resolver este dilema. Fronte a quen estaría disposto a abandonar a Ucraína á súa sorte e chegar á paz mediante a súa derrota, e quen aposta por vencer e humillar a Rusia, ignorando que non se pode derrotar militarmente a unha potencia nuclear, hai poucas saídas. Unha delas é a que presentou o chanceler Olaf Scholz, e a que segue ata agora a Unión Europea: «Rusia non debe gañar, e Ucraína non pode perder»3.

Pero a guerra de Ucraína non é un feito illado ou aleatorio, e debe verse como a expresión dun momento de ruptura da orde internacional, e de crise da globalización e da orde internacional liberal tal e como a coñeciamos ata agora. Esta situación foi cualificada como unha «guerra de interregno»4, en referencia a unha expresión utilizada por Antonio Gramsci en 1930. Este concepto resulta útil para explicar o momento actual que, como na década dos anos trinta, se caracteriza pola debilitación das estruturas hexemónicas no plano internacional, e pola aparición de líderes e forzas nacionalistas e de extrema dereita, que impugnan a orde internacional con apostas xeopolíticas arriscadas e terminan recorrendo ao uso da forza, como é o caso de Vladimir Putin. Na versión que se popularizou do uso dese termo por parte de Gramsci este afirmaba que «A crise consiste precisamente no feito de que o vello non remata de morrer, e o novo non pode nacer: nese interregno emerxen os monstros».

A invasión rusa a Ucraína é un deses monstros que nos interpela, desafía e presenta dilemas que son necesarios abordar. O nacionalismo e o irredentismo extremo que se afirmaron en Rusia foron un dos factores que explican esta invasión e unha guerra que ignora os instrumentos existentes no sistema internacional. Putin nunca recoñeceu nin aceptou a independencia de repúblicas ex-soviéticas como Ucraína ou Belarús, e presentou abertamente a necesidade de que volvesen ser unha gran Rusia.

Dende o pacifismo feminista traballouse historicamente a favor da prevención de conflitos, o diálogo e os procesos de construción de paz. Promoveuse o concepto e práctica da seguridade humana, baseada nas necesidades das persoas e non dos Estados; na satisfacción das necesidades sociais, e non no rearmamento; alertouse dos riscos que entrañan, das armas nucleares e promoveuse a ratificación do Tratado para a Prohibición das Armas Nucleares (TPAN)5. Abordáronse os impactos de xénero que teñen os conflitos armados, que afectan de maneira desproporcionada ás cativas e se manifestan en violencia sexual, feminicidios e no reforzamento dos mandatos de xénero; e se promoveu a participación das mulleres nos procesos de paz para lograr unha paz sostible e duradeira. Esa traxectoria merece recoñecemento e proporcionoulle ao pacifismo feminista visións, experiencias e análises de extraordinario valor. Con todo, ante a invasión rusa de Ucraína, unha vez fracasaron todas as medidas preventivas que se puideron adoptar, presentáronse enormes dilemas, e o pacifismo, máis aló do seu rexeitamento xeral ou abstracto á violencia e a guerra, debe buscar respostas concretas a unha situación que non entraba dentro dos escenarios imaxinables. Nesa procura, hai elementos que se deben incorporar á análise e ás propostas que se poidan formular.

Esta agresión é unha flagrante violación do dereito internacional, en concreto dos artigos 2.4 e 2.7. da Carta das Nacións Unidas, que aluden á obriga de resolver as controversias por medios pacíficos, e á abstención do uso ou ameaza de forza contra a integridade territorial ou a independencia política doutro Estado. O ataque de Rusia a un Estado soberano está definido no dereito internacional inequivocamente como un acto de agresión. Pódese discutir sobre os factores históricos que levaron a esta situación e os elementos xurídicos, políticos e morais que rodean ese ataque. Pero é un acto ilegal e inaceptable. Isto foi ratificado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas, que adoptou unha resolución no mes de marzo de 2022 que condenou a invasión, e esixe de maneira inmediata a Rusia o cesamento das hostilidades e a retirada do territorio ucraíno. A resolución obtivo 141 votos a favor, 5 en contra e 38 abstencións. O texto condena as violacións do dereito internacional humanitario e dos dereitos humanos, e exhorta ás partes a respectar o dereito internacional, facendo mención específica das Convencións de Xenebra de 19496. En suma, esta resolución establece un punto de partida esencial para calquera proposta de negociacións de paz: o cesamento de hostilidades e a retirada do agresor do territorio ucraíno.

Rusia cometeu crimes de guerra de maneira deliberada e sistemática: bombardeou obxectivos civís, como hospitais e escolas, danou a infraestrutura eléctrica, bloqueou a saída de alimentos ao mar, poñendo en perigo a seguridade alimentaria mundial e utilizou armas prohibidas, tal e como se denunciou ante o Consello dos Dereitos Humanos. Eses crimes, xunto aos que poida ter cometido Ucraína, están sendo investigados polo Tribunal Internacional de Xustiza e non pode haber paz aceptable se quedan impunes. Por suposto, violacións do dereito internacional como o uso da forza e crimes de guerra non só se producen en Ucraína, senón tamén noutras zonas en conflito. Poñer fin ás “dobres varas de medir” por parte dos gobernos é unha necesidade para ter lexitimidade neste e noutros conflitos armados e fortalecer o dereito internacional.

Dende o movemento pacifista apélase á diplomacia e á negociación, pero ata a data as iniciativas adoptadas resultaron ineficaces, en parte porque non asumen os elementos antes mencionados e, en parte, debido a que os belixerantes ven posible mellorar as súas posicións no campo de batalla e carécese da capacidade institucional ou coercitiva para obrigar ás partes a negociar. Nin a Unión Europea, nin outras estruturas rexionais contan co poder ou vontade de promover negociacións de paz e rexeitan que poidan chegar a aceptar o feito consumado da conquista de territorios pola forza. Quen debería sentarse a negociar? A OTAN, a UE, Rusia, Ucraína..? Sobre que bases? Nacións Unidas puxo en marcha diversos mecanismos para promover espazos negociados. Con todo, o seu papel viuse limitado polo bloqueo que impón o propio Consello de Seguridade e os seus membros permanentes.

As negociacións de paz, por outro lado, non deberon limitarse ao cesamento do fogo e ao fin das hostilidades entre ambos belixerantes. Será necesario establecer garantías de seguridade aceptables para Ucraína, Rusia, e outros países de Europa, e estas non deberían descansar en alianzas e forzas militares enfrontadas. É necesario reconstruír a arquitectura de seguridade europea de maneira que garanta a paz e a estabilidade, que ofreza maior autonomía a Europa respecto a Estados Unidos e a OTAN. Isto implica preservar ou reconstruír os acordos internacionais sobre limitación e control de armamentos e non proliferación nuclear, que foron deliberadamente desmantelados, en gran medida polos Estados Unidos, durante as presidencias de George W. Bush e Donald Trump7.

Finalmente dende o pacifismo é esencial escoitar as voces e propostas de quen sofre directamente a violencia e a agresión e recoñecer a súa axencia e autonomía8, aínda que en ocasións desafíen os nosos principios e visións. A sociedade ucraína e rusa é diversa e plural, con actores e posicións propias ante esta agresión que deben coñecerse. Existe unha esquerda antirracista e feminista en Ucraína que resiste á invasión rusa, con armas e sen elas. Como explica Daria Saburova, estudante ucraína, rusofalante e marxista, que está facendo a súa tese en Francia sobre Filosofía e que ten a súa familia en Ucraína9 (Saburova, 2022), é necesario superar unha posición antimilitarista abstracta que non ten en conta as circunstancias concretas desta invasión e as dificultades da poboación para unha hipotética resistencia civil. Nas súas propias palabras, «Cando se fala do armamento da resistencia ucraína, debe pensarse ante todo nas necesidades dos grupos de defensa territorial que xurdiron da mobilización xeral, así como na necesidade de protección das poboacións civís con armas que permitan derrubar foguetes e repeler os ataques aéreos dos que son albo. Non se pode condenar á xente común por defender as súas propias vidas e as das súas familias. Os ucraínos decidiron non renderse e ninguén debería reprochárllelo (…) Os ucraínos non loitan contra a guerra: están ao seu pesar en guerra contra Rusia (…) Mentres Rusia se negue a retirar as súas tropas a protección das poboacións civís dependerá tamén, ante todo, da capacidade defensiva do exército ucraíno e dos grupos de defensa territorial».

Ao mesmo tempo o pacifismo ten moito sentido en Rusia, contra a decisión do goberno de facer a guerra. Leváronse a cabo múltiples manifestacións a favor da paz. A represión foi moi dura e o número de persoas detidas moi alto. E non é menos relevante o éxodo que se produciu para evitar a mobilización decretada polo goberno de Putin.

En suma, é esencial recoñecer a axencia da sociedade ucraína e a súa capacidade de resistencia e de acción para definir o futuro. Calquera escenario de futuro ten que incluír as súas necesidades e aspiracións. Haberá que construír unha axenda feminista e pacifista que inclúa ás organizacións ucraínas e rusas e se basee no diálogo con elas e a súa visión da invasión.

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2022-2023 “Globalización e multipolaridade en tempos de Guerra”, que podes descarregar aquí.

Referencias

1 González-Páramo, Ana (2022). “Luces y sombras de la acogida europea al exilio ucraniano”, en Mesa, Manuela (Coord.) Cambio de época y coyuntura crítica en la sociedad global. Anuario CEIPAZ 2021-2022. Madrid: CEIPAZ

2 Bohigas, Xavier (2022). “¿Qué representa el 2% del PIB en gasto militar”, El Salto, 5/7/2022.

3 “Scholz: Nuestro objetivo es que Rusia no consiga lo que se propone”, 2 de maio de 2022. Dispoñible en: https://www.swissinfo.ch/spa/ucrania-guerra_scholz–nuestro-objetivo-es-que-rusia-no-consiga-lo-que-se-propone/4756225

4 Sanahuja, José Antonio (2022). “Interregno”, en Nueva Sociedad nº 302. Dispoñible en: https://nuso.org/articulo/302-interregno/

5 Ver: Campaña Internacional para Abolir las Armas Nucleares (ICAN) una coalición global de la sociedad civil para promover la adhesión al Tratado sobre la Prohibición de las Armas Nucleares. https://www.icanw.org

6 Ver: https://news.un.org/es/story/2022/03/1506132

7 De Fortuny, Teresa e Bohigas, Xavier (2019). “Panorama actual y perspectiva de las armas nucleares” en Mesa, Manuela (coord.). Ascenso del nacionalismo y autoritarismo en el sistema internacional. Anuario CEIPAZ 2018-2019. Madrid. CEIPAZ; Sanahuja, José Antonio (2022), “Guerras del interregno: la invasión rusa de Ucrania y el cambio de época europeo y global”, en Mesa, Manuela (coord.) Cambio de época y coyuntura crítica en la sociedad global. Anuario CEIPAZ 2020-21, Madrid, CEIPAZ, pp. 44-45.

8 Ver: VV.AA.(20022) “Ucrania: diez lecciones de Siria” en Viento Sur, 11 de marzo.
9 Saburova, Daria (2022).¿Por qué la izquierda debe apoyar el derecho de Ucrania a defenderse?, Nueva Sociedad, marzo 2022