O cumio andino reunido esta semana en Lima serviu de calidoscopio desta convulsa rexión. Os patróns comúns a todos estes países (Ecuador, Colombia, Perú, Bolivia, Venezuela) son moitos, en comparanza coas súas singularidades. Unha demografía complexa, cunha presenza indíxena moi significativa en países como Ecuador, Perú ou Bolivia; a existencia de importantísimos recursos enerxéticos, en especial en Bolivia e Venezuela; e, sobre todo, o alargado fenómeno da pobreza que soamente en Venezuela está situado por debaixo do 50% da poboación, evidencia a traxedia desta comunidade, historicamente lastrada por unhas elites claramente divorciadas das súas xentes, viradas cara o exterior e sen compromiso co progreso e o benestar das súas sociedades.
Existe preocupación en moitos ámbitos, en especial en Washington, pola evolución política nesta rexión, sempre ben dominada e hoxe fora de control. en boa medida, a raíz do impulso bolivariano. A coraxe e a iniciativa de Chávez, actuando no plano interno para transformar anquilosadas estruturas e no exterior para conformar novas alianzas na rexión, desata a polémica, conducida cun nivel de rixidez tal que dificulta cada vez máis a xeración de propostas e movementos ponderados. Toda a rexión andina reclama con urxencia un esforzo sostido no empeño por construír un sistema económico que estruture de forma digna estas sociedades. A explotación dos considerables recursos enerxéticos debería permitir un maior beneficio, pero esixe a explicitación dunha vontade política, ata hai pouco inexistente e caldo de cultivo para que os profundos desequilibrios deriven en violencia interminable.
Se en Bolivia chega a producirse o cambio político nos próximos meses, o efecto dominó sobre toda a rexión entra dentro do posible, entrándose, en todo caso, nun novo tempo. A estas alturas non son admisibles golpes militares que cortocircuiten estes procesos en beneficio dos de sempre, de dentro e de fóra, e a incapacidade para asentar novos interlocutores sen hipotecas co pasado, capaces de dialogar de forma construtiva, vai radicalizar as posturas e, como acontece xa en Venezuela, afirmar un determinado rumbo, cara unha experiencia de signo socializante ou de economía social que se debería construír con extremo coidado para evitar erros do pasado e asegurar a pervivencia dese necesario equilibrio entre os anhelados desexos dunha maior xustiza social sen sacrificar as liberdades básicas, nunca un obstáculo senón garantía fronte a derivas de signo totalitario que serían varridas pola historia en mais ou menos tempo, orixinando novas e lamentables frustracións.
Mentres a experiencia de Brasil, cun Lula hoxe fortemente acosado polas denuncias de corrupción e tantos descontentos nas propias filas e en tantos movementos que avaliaron a súa candidatura, desafectos que fan temer non soamente polo éxito inmediato da súa política, sempre complexo, senón pola súa continuidade a partir de 2006, o signo dos problemas que se suscitan no área andina é diferente, conformando dous modelos claramente diferenciados de evolución, con áreas de intersección comúns pero optando por estratexias distanciadas para acadar fins similares.
Nun e noutro caso estamos ante oportunidades históricas para que as turbulencias do presente se resolvan de forma favorable e en beneficio das inmensas maiorías, tradicionalmente marxinadas do progreso e do benestar. O que require sempre non soamente políticas de esquerda senón tamén moita man esquerda.