Da igual quen se retire da mesa primeiro e quen regrese antes a ela. O certo é que a raíz dos sucesos do 11 de Setembro o Presidente Pastrana iniciou un xiro substancial no proceso negociador coas FARC ao introducir diversas medidas unilaterais en outubro que incluían sobrevoos de aeronaves de guerra sobre os campamentos da guerrilla; reténs do Exército na área limítrofe do Caguán, zona controlada pola guerrilla e libre da hostilidade militar; restriccións ás visitas de cidadáns estranxeiros á zona (congresistas, dirixentes de partidos e ata o presidente da Bolsa de Nova Iork visitaran o Caguán ata entón); o envío de axentes encubertos con plans para asasinar a xefes guerrilleiros, etc. Ademáis do cese destas actuacións que evidenciaban un progresivo endurecemento da posición de Bogotá, a guerrilla, que nunca cesou de todo a súa actividade pero mantendo a confrontación baixo mínimos controlables, esixiu unha aclaración do Goberno acerca de se consideraba ou non ás FARC unha organización terrorista para evitar pretextos intervencionistas aos Estados Unidos.
No actual clima internacional, esta clarificación ten a súa miga. Segundo explica Roberto Montoya no último número de Tempo exterior, no Informe de Organizacións Terroristas confeccionado pola Secretaría de Estado estadounidense o 8 de outubro de 1999 aparecen un total de 27 organizacións que inclúen tanto as FARC como o ELN (non así as AUC, as poderosas forzas paramilitares dese país) e sobre todos eles, en teoría, pesa agora a condición de obxectivos da campaña para "limpar o mundo de terrorismo".
Hai un cambio de óptica evidente no proceso, animado probablemente tamén polo exitoso resultado da campaña militar contra os talibáns en Afganistán que inaugurou un novo tipo de guerra, sen invasión nin apenas presencia terrestre das forzas americanas, con case tanta implicación da CIA como do Pentágono, coa utilización masiva de municións intelixentes e novos e sofisticados sistemas de vixiancia (Predator) con posibilidade de utilización simultánea do armamento no momento mesmo en que se detecta o obxectivo. Asi foi como deron co xefe militar de Al Qaeda, Mohamed Ataf. Se foi viable en Afganistán porqué non o vai ser en Colombia?, pensarán algúns, marabillados pola efectividade das JDAMS (Joint Direct Attack Munition), un sistema de guiado que se monta sobre as bombas antiguas ou "parvas" para convertilas en "intelixentes". Tan rápida e contundente victoria alenta o animus belli nos partidarios de substituir a negociación e a diplomacia polos medios militares como mecanismo fundamental para acadar obxectivos políticos, unha doctrina que se abre paso a galope no actual escenario internacional. Se ata agora, con e sen Plan Colombia, non resultou posible liquidar militarmente á guerrilla, a revolución en curso nas tácticas militares quizais facilite un maior apoio de Bush sempre disposto a experimentar a Joint Vision 2020, a nova doctrina destinada a reforzar a súa presencia hexemónica en todo o mundo.
Quebrado o diálogo, o "Acuerdo de San Francisco de la Sombra" e o proceso de paz corren serio perigo de naufragar e con eles as posibilidades dunha reconciliación entre os colombianos que sente as bases para resolver os problemas que están no cerne do conflicto: o desemprego, a fame, a carencia de servicios básicos como a educación e a saúde que esixen grandes investimentos en paz e non en guerra. Porque en Colombia, como na maior parte dos casos, a violencia non é soamente un problema de seguridade senón que funde as súas raíces en desequilibrios dificilmente soportables para amplos sectores sociais.